
Pois xa que estamos en decembro e a todos nos prestan os agasallos, desde Capítulo Cero queremos premiar a vosa atención cun agasallo moi especial. Como ben sabedes, grazas a Sole, neste blog hai unha calidade fotográfica excelente que fai que as historias que contamos, pequenas ou grandes, cobren un sentido visual fermoso. Así tamén nolo contades vós cando nos coñecemos.
O que queremos é axudar a fixar esa memoria cun agasallo moi especial para un/unha de vós este Nadal:
-Agasallaremos cunha reprodución a toda cor, bo tamaño e calidade profesional de impresión (vaia, como para pendurar nunha parede), da foto e da historia que máis vos gustara publicada en Capítulo Cero desde xaneiro de 2007 ata hoxe. A foto ten que ser da autoría de Soledad Felloza (ou sexa, ten que estar acreditada no post como Fotos: Sole). A foto que selecciones virá acompañada dun fragmento da historia escrito ou reescrito expresamente para ti e non publicado no blog. O motivo de que sexa desde xaneiro de 2007 é que desde ese momento as nosas fotos teñen unha maior resolución.
-Capítulo Cero corre cos gastos de impresión en calidade profesional da fotografía + texto e co seu envío ao territorio do Estado español.
-Para concursar é preciso deixar nos comentarios deste post unha ligazón ao post de Capítulo Cero no que estea a historia que vos gustara, explicando que é o que vos gustou desa historia (se fostes ao lugar, unha anécdota persoal, eu que sei) e indicando cal é a foto do post en concreto que vos interesa. De entre todos os comentarios, realizarase un escrupuloso sorteo ante a nosa gata Cloe (que actuará de notario), e sairá un gañador/gañadora que recibirá o agasallo. Tamén se escollerán 2 suplentes.
-O non cumprimento das bases (é dicir, poñer a ligazón ao post, dicir que foto é a túa favorita e explicar que é o que te gusta desa historia) provocará a exclusión do sorteo. É dicir, nada de poñer unha ligazón e punto. Hai que curralo un pouquiño. Tampouco é plan de dicir que se escribo ben ou mal, ou se ambiento así ou asá. As historias nos gustan porque nos tocan algo persoal, porque somos de alí, porque descubrimos algo, porque provocou algo na nosa vida, de algún xeito. Ou sexa, non se trata de facerme a rosca -cousa que non me interesa- senón de que vós compartades algo connosco. Co tempo sei que as historias comezan moito antes e seguen moito despois de pasaren por este blog: este concurso é un xeito de exteriorizar iso. :-)
-O prazo para participar neste concurso é ata as 22:00 h. do domingo 25 de decembro. Tentaremos que o agasallo chegue á túa casa para a noite de Reis.
-Cada persoa só pode participar cunha historia. Podedes escribir con seudónimo pero claro, o correo electrónico que deixedes no comentario (e que non é público) debe ser voso e debe estar funcionando.
Animádevos a participar e bo Nadal!
P.D. Para axudarvos a explorar Capítulo Cero e os seus miles de posts, lembrade que na parte de abaixo do blog hai un acceso por data na que podedes ir directamente a cada mes.

O meu é este (entre tantos…!)
http://www.manuelgago.org/blog/index.php/2011/11/17/derradeiro-dia/
En Santiago topei cunha persoa en idade adulta que non sabía o que era un ERE. O meu sobriño, que xa ten seis anos, xa sabe o que é. El vive en Vigo.
Gustoume o post sobre Sanfins de Friestas, o mosteiro perdido na frouma http://www.manuelgago.org/blog/index.php/2011/11/02/sanfins-o-mosteiro-perdido-na-frouma/
Xa estivera nel antes de velo en Capítulo 0, e o recobrei através das fotos de Sole, que fixaron dun xeito belísimo uns recordos que xa se estaban a esvaecer nesa frouma que é a miña memoria. Neste caso Sole superouse, case que parecen tridimensionais, que podes tocar as pedras, o musgo, e pasear polos camiños…
A foto que me interesa é a da porta coa pedra formosa, o que describes como “enigmático pórtico que lembra a artes de tempos moito máis antigos”. É por ela que fun ata Sanfins.
Grazas pola iniciativa navideña e parabéns polo blog.
http://www.manuelgago.org/blog/index.php/2009/07/28/restaurante-shis-no-porto-elegancia-e-alento-cosmopolita-na-foz-do-douro/
Xa fixen o comentario no post, pero actualizo. En Agosto do 2010 pasei unha fin de semana en Portugal, venres no Geres e sábado no Porto. Grazas a este post coñecín o Shis, namorado totalmente. Alí ceei coa que un ano despois é a miña muller e á que lle encantou o restaurante. Recomendeino a un amigo e tamén triunfou. Débovos unha!!!!
A foto que quero é a primeira, a que se ve a Praia do Ourigo e o faro.
Gracias.
http://www.manuelgago.org/blog/index.php/2011/11/14/sorpresas-interiores-na-igrexa-de-ventosa/
A foto do green man de Ventosa (a primeira) é a miña preferida de moitas. E é a miña preferida porque de tódalas fotos que publicaches no blog é a única que descarguei para a miña biblioteca persoal. Por algo será. Non se sabe moi ben o significado dos Green Man pero para mín ten todo o significado do mundo. E o que ten traballar en rede. Cousas que tin non lle sabes o significado outros sábeno. E así se constrúe.
Hai tantos posts e tantas fotografías que me fascinan que pensei: “Pois vai a estar complicado escoller… ¡Se só na parte de roteiros me podería botar horas tentando decidirme por unha historia e unha fotografía!”
Peeeero, entón lembreime deste post:
http://www.manuelgago.org/blog/index.php/2009/07/01/unha-ponte-de-mouros-na-cidade-de-fornelos-de-montes/
E teño claro, claro, clarísimo, que fotografía escoller. A 10ª fotografía (a do medio das tres fotos do acueducto co seu fermoso arco oxival) Encántame.
É unha fermosa fotografía, que duda cabe, pero ademáis é moi evocadora.
Ese misterio que envolve o lugar. Teño que dicir que nunca estiven alí, pero farei o posible por visitalo porque me chama como as cousas brilantes ás pegas.
Shalom amigos decatome que falta o lienzo, pero tamen me decato que cos tempos que corren e andamos a procura deles o papel (lienzo) moeda e timbre cada vez esta mais caro de conseguer, espero que sexa por pouco tempo, se non estamos apañados e teremos que voltar ao papiro e pergamino, pero visto ou visto penso que non seria mala idea, parabens e saudade
A que me impactou foi a segunda figura de Pena Furada cando lle aparecen os ollos, e acompañado desa música inquietante.
Chego a casa, vendo a televisión están a miña fila (2º Bacharelato, 17 anos) e miña muller (Graduado social, perdín a conta dos anos que ten ela, pero ela recórdame sempre os que teño eu) e dígolles: “Tendes que ollar un vídeo no facebook dunha figura dun antropomorfo que….””…Dun que???(facendo coro ámbalas dúas)”. Dous segundos de silencio…, encho o peito por aquilo do ritual (facía un anaquiño que soubera o do antropomorfo), “..pois un antropomorfo é…….””aaaah”(outra vez o coro). Ollan o vídeo, quedan tan abraiadas coma min, “ten un parecido a min, non si?”, “si papá, igual de primitivo”.Cousas da idade….
Andaba eu no meio das potas, nese verao futboleiro,
dinlle ao play deste video, e dixenme
” teño que coñecer a estes dous (..)”
por moitos anos.
http://vimeo.com/13062148
Pois a verdade é que non foi difícil escoller pois gracias a ti coñecín o Teixedal de Casaio e foi unha excursión que non esquecerei polo lugar en si e porque me recorda á miña cadela que morreu hai un mes escaso.
graciñas por irme descubrindo espazos.
http://www.manuelgago.org/blog/index.php/2008/05/07/proxecto-dous-miles-5-o-teixedal-de-casaio-en-pena-trevinca/
Porque eu e máis a miña parella (Joao) tamén estivemos na Costiera Amalfitana arredor das mismas datas e iso fíxonos sentirmos, cando limos e vimos as fotos deste post en particular (de toda a viaxe en xeral), que tiñamos cousas en común: pois tamén fomos moi, moi felices…. casualidades da vida…:-D
Escollemos este post:
(e porque coincido en que o mar, sempre o mar, calma a dor…)
http://www.manuelgago.org/blog/index.php/2010/09/08/un-lugar-no-que-fun-feliz-amalfi/
Como decidirse entre tanta historia que me apaixona!!! Un reto dificil.
Pero hai por encima de todas unha historia que publicache, que cambiou a miña vida, fixo posible que cumplise un soño…participar nunha excavación arqueolóxica nun sitio máxico, dos dous que apareceron este ano. No meu caso falo da intervención no Monte do Señoriño.
Para min foi unha experiencia incrible, que me deixou con ganas de máis, e se non fose pola túa dedicación a divulgación do noso patrimonio, esta Educadora Social, con sangue castrexa quedaríase coas ganas.
Agradezco tamén dende aquí o equipo do LAUV, por toda a paciencia que tiveron comigo en ensinarme, e por deixarme participar como voluntaria.
E como isto se trata de pedir, gustaríame ter a 1ª foto do reportaxe do 21/xullo/2011 Ritos e tempos no santuario castrexo de Armea.
Un Saúdo,e só decirche que sigas facendonos soñar coas túas historias!! Gracias!!
Teño unha obsesión ca madeira, recoñézoo, ser neto de ebanista debeume fender algo no miolo. Non é grave.
Os síntomas son sinxelos, pararse nunhas dovelas dun canastro,admirar a circunferencia perfecta feita pola cravilla na porta da corte, soñar con corredores, burros, solainas, xanelas, moxegas, barandas.
Pero sen dúbida, devezo pola sinxelas cancelas das leiras…cada cal ao seu xeito, pero cun mesmo fin. Mágoa que nestes días de modernidade, sustituámolas por aparellos de mal durmir.
Un saúdo.
cancela:http://www.manuelgago.org/blog/index.php/2009/11/02/sentindo-o-canon-de-belesar-no-corazon/
Escoller o post que me justa , dificil me lo poneis , o de redactarlle o porque ven sendo cousa fasil e probeitosa , tan probeitosa coma que o leven ó “Bulli” e notar que falta aljo , que sitios ou mellor lujares que temos por riba de nos ;-) forman parte tamen de mais xente , flipar cos “mursiejalos” de Austin? , o carallo dos “lordimani” , velo co sombreiriño non tivo presio.., as risas que me votei co “Cernunos” , acampar no reino da “loba blanca”, os pes da nejra , o mirar pos pes e nos atopar………..e a frase da Bea : ” Hai mais tolos que un “. Xa sabe que non son de lijasions pero unha fotaso que me justaria seria a de duas cabras ala pola sona de “Lousame”.
Nom é doado escolher um lugar, umha história, umha imagem…
Por proximidade, Armeá é o lugar que agora escolho para me perder um bocadinho e buscar respostas entre as pedras. Agradezo que no-lo descobriras.
Mas, se tenho de escolher, fico com Pena Furada: a minha conta pendente, umha história por sentir, umha imagem por ver, a Moura ao sol.
http://www.manuelgago.org/blog/index.php/2011/05/26/o-misterio-da-moura-de-coiros/
Grazas, Manuel, por seres os nosos olhos.
será porque este blog é un bo lume onde achegarse, será porque nesas horas, naqueles meses rondaba a nemiga a casa e volver aquí ás noites era como abrir a porta dun refuxio de montaña, será, pero aquelas fotos da Fervenza e da Neve quedáranme na memoria e son as que escollo
http://www.manuelgago.org/blog/index.php/2010/04/06/un-mundo-de-cristal-ata-a-epica-fervenza-do-tabayon-del-mongallu/
porque dalgunha maneira, se a primaveira e o verán son os traballos, os corpos entregados á acción; o inverno é a orixe do relato; o tempo xerminal; cando as sementes e as serpes agardan dormentes nos arrós e os fillos do farto outono medran no ventre das nais e desde alí escoitan as cantigas e o arfar do lume; no corazón nevado do inverno hai algo épico e íntimo; intenso coma o frío nos osos, e as mans que doen ao quentarse no lume; desvalido, poderoso, inza na conciencia dos corpos a fraxilidade e urxe a amores despaciosos, noites longas, entregas absolutas e profundas; é a ameaza, ser amenazado polo illamento, o frío, a soidade, a necesidade; esas horas infindas coa vista no lume, o vento a zoar na cambota, uns cans pastores deitados aos pés, unha pota a gurgullar enriba dunha trepia, a roupa a desprender bafos, lenturas, diante do lume; anguerias pasadas, facer cestos, fiar, darlle sebo aos zocos, tallar unha culler de buxo coa navalla, repasar os lindes nos cupos e nos prorrateos; arrimar unha áscoa cos dedos para prender unha paipa ou unha cabicha de picadura; ler, cun tangue de tinto quente con zucre e canela na man, un pedazo de Tito Livio, a batalla de Cannas poño por caso; ou un Plutarco; ou un Propercio; ou unha novela de Dumas onde os heroes andan légoas e legoas a pé coma se nada polos camiños sombreados con pradairos absolutistas, treinan fintas e estocadas segredas e mortais, ocultan terribles pactos familiares; mentres fóra neva, e neva, e neva, e o silencio amatado da neve enche o mundo; as cidades quedan lonxe; hai certa separación, certa misantropía, un ollar fosco, roupa de abrigo, a alegría do camiño e alá no centro do tempo, esa fervenza, as ponlas nevadas, e todo está ben así, por unha horas, por uns días, ata que coma Ismael (o de Moby Dick) seguimos ás augas do desxeo cara o mar e as grandes poboacións, axitadas, nervosas, tensas coma un amor de xuventude, onde pasa a nosa vida
a veces, unha néboa, “unha fría de vento”, e regresamos aí, quizais para afirmarnos nas certezas necesarias, no amor á Terra, no corazón do inverno
e isto é o que me acordou dicirvos en homaxe Sole e Manuel
a miña gratitude, apertas e neve
Como supoño que xa diría máis xente, resúltame moi difícil a escolla dunha soa de entre todas as boas novas ca que nos agasallas continuamente. Pero xa que hai que decantarse por unha, tentareino.
Supoño que por estar aínda recente na memoria, polo espectacular das imaxes e por ser unha boa mostra do que para min é o teu blog: unha agradable e contínua caixa de sorpresas, quédome precisamente con unha destas sorpresas, a que garda a igrexa de ventosa: http://www.manuelgago.org/blog/index.php/2011/11/14/sorpresas-interiores-na-igrexa-de-ventosa/
http://www.manuelgago.org/blog/index.php/2011/11/14/sorpresas-interiores-na-igrexa-de-ventosa/
Quedo coa da Igrexa da Ventosa, é unha foto que quedei longo tempo ollando pra ela cando a publicache. Refírome á primeria, a da fachada, a pesares das riquezas marabillosas do interior.
É unha fotografía que me lembra a saída da misa de igrexa de Irixia cando de cativo acompañaba ó meu avó a algún enterro, o caso e que me deu moita morriña. O home co paraugas na súa rutina, entrando na igrexa, románica, sinxela, o ceo, e a muller de luto riguroso, saíndo do camposanto. Fermoso encuadre, é unha gran postal galega neste tempo cambiante.
Saúdos e Bo Nadal, Andrés
Boa noite de novo¡
Xa case me esquecía do sorteooo¡¡
A min unha historia que me marcou foi a de Castro Candaz, que che oín por primeira vez no Arqueolóxico da Coruña, e logo en Ponteceso.
http://www.manuelgago.org/blog/index.php/2011/06/03/atencion-aberto-o-paso-cara-castro-candaz/
Agora só vexo ‘lordomanis’ entre nós…
Unha aperta
PD: ademais, o lugar semella un lugar de poder, que encolle ao estar alí
Por certo, esquecía xa o do ‘afoto’: se tocara e puidera ser o 3º do post, ou se puidera escoller de novo, o 3ª do post de Muniellos (que me parece ben fermosa).
http://www.manuelgago.org/blog/index.php/2011/12/15/muniellos-ecos-dos-bosques-primixenios/
“Noraboa Manuel e Sole
Fermosísimo relato, que lle fai xustiza a tan engaiolador paraxe.
Estiven esta fin de semana polo Courel (Paderne, a Devesa de Rogueira…), e sentinme igual ca ti descrebes. Ademais cadrou o paso do outono co inverno, cunhas paisaxes subxugadoras, quedando para un lado do val os verdes e ocres do outono e para o outro o branco do manto invernal nevarado.
Ledo ;-)”
Unha aperta¡
Teño que dicir que foi fácil escoller:
http://www.manuelgago.org/blog/index.php/2010/01/31/ao-pe-do-lar-memorias-de-cocina-unha-celebracion-da-gastronomia-galega-e-das-suas-cocinas/
A foto que mais me gustou das que aparecen neste post é a de Casa Otilia (Meixide, A Veiga, Ourense).
Ata o mesmo título me emociona: ao pé do lar, memorias de cociña. Relendo agora aqueles post sobre a exposición e o traballo que fixestes volven as imaxes, e con elas as historias de tantas vidas arredor dunha lareira.
Sole consegue coas súas fotos traernos o cheiro do fume na roupa, o son das pingas dos chourizos batendo no chan de terra, os queixumes dos cañotos retorcéndose no lume, o calor nas fazulas, o frío nas costas, a cunca do viño quecendo. Sole lévanos ó banco de madeira, séntanos a carón dos avós e invítanos a escoitar os seus contos ó pé da lareira. Iso si que é un regalo, para min non hai mellor.
Gracias Manuel e Sole, pola xenerosidade coa que nos ofrecedes o voso traballo.
Fin do prazo do concurso! Mañá coñeceremos o gañador/a!