Sentindo o canón de Belesar no corazón

Last updated on 3 / Novembro/ 2009


O río Miño, calmo, é un auténtico espello. Fotos: Sole

Quen lea Capítulo 0 sabe que penso do canón do río Miño ao redor da aldea de Belesar: a máis fermosa paisaxe do viño de Europa. E o digo sen ningún tipo de chauvinismo detrás. Entre os concellos de Chantada e O Saviñao está unha das máis fascinantes mesturas da acción humana e da natureza, en socalcos, arquitecturas, natureza deslumbrante e historia.

Esta fin de semana andivemos eses camiños, dando a volta ao redor do canón desde a mesma aldea de Belesar (ver punto de partida do roteiro) ata o gran encoro, e de aí, caendo de novo ata a aldea, xa cando as luces prenden, rebotan no río, o silencio enfía no canón e os veciños pasean tranquilos mentres ollan os cisnes que viven no río. Das portas abertas destas casas sen medos saen os cheiros do viño facéndose nas adegas. No lusco fusco hai unha auténtica sinfonía de paxaros. E o rocío prende nos cogumelos deste outono, nas vides, nos xistos e no granito, nestes socalcos que voan sobre o canón cargados de mencía. O outono en Belesar é máxico. Á noite, os homes da aldea xúntanse na elegante Abacería, no clube náutico; aqueles paisanos discuten con banda sonora de trip hop as maiores troitas pescadas no Miño. Pódeme este lugar, onde sen axudas públicas nin políticos, os veciños acordaron coidar da súa beleza, revestindo os chabolos de pedra, construíndo curiosos balcóns de madeira, coidando estes socalcos de mencía coma se foran xardíns.

Andamos, andamos, andamos 20 quilómetros entre bosques, agros, desertos, humidades e rampas de pedra, coa vista sen cansar. O resultado foi un roteiro marabilloso. Convídoche a que pases ao interior do post e te prepares a abrir ben os ollos coa reportaxe fotográfica de Sole. Paga a pena.

Subindo a calzada que nos leva a Diomondi, imos remontando duramente ata que aparecen as devesas fermosas, cheas de cogumelos e antigos soutos. Entre as árbores, distínguense os muros dun castro na Portela, antes de entrarmos nun val calmo cheo de carballeiras.

Diomondi. Unha fermosa igrexa románica e un pazo tardomedieval -prestade atención ao austero edificio, porque é dos poucos pazos medievais que conservamos no país máis ou menos íntegros- que as vellas nos permiten ver, estresadas, pensando xa en facer a comida.

O pazo de Cortés avista o canón desde o seu vértice. Moi ben conservado, conserva o seu carácter gandeiro. Que ben lle presta o outono aos pazos!

Santo Estevo de Ribas de Miño, a máis toscana das igrexas galegas.

En Pesqueiras atopamos unha antiga casa en ruínas. Entrando na súa lareira, descubrimos o forno. E un detalle da vida cotiá, impactante. Neste cornecho baixo o forno, os seus habitantes deixaron as zocas. Habíaas de todos os tamaños, de home, de muller, de meniño. Todas debaixo, buscando a calor e a quentura do forno. As zocas foron o que estes homes deixaron atrás canda a casa.

A volta, espectacular, facémola baixando de Tarrío ata o río Asma. Cruzando a estrada xeral, parte un sendeiro moi recomendable para quen queira percorrer o canón sen meterse 18 quilómetros. Por este sendeiro cómodo, un camiño de servizo para atender as viñas, chégase a Belesar despois de catro quilómetros, de xeito doado e sen cansar [ver localización do sendeiro]. O camiño é alucinante. Entre vides graníticas, parras que se empoleiran, se mimetizan cos chouzos, cos muros, en vertixinosos cantís, os chantadinos cultivan as súas vides. O camiño é alucinante. A paisaxe privilexiada.

Cansos, tomamos folgos na Abacería, en Belesar. O mociño cociñeiro dinos cunha insólita cara de entusiasmo:

-Mágoa que non viñerades onte. Que quilo e medio de boletus trouxen. Feitos con viño doce! De morrer!

8 Comments

  1. 3 / Novembro/ 2009

    Abofé que a minha morriña atopa bon acougo no teu blog. Graciñas tamén, como non, a esa estupenda camarógrafa :-)
    Un pracer.

  2. 3 / Novembro/ 2009

    Preciosa reportaxe. Supoño que parte do mérito teno a zona.
    As fotos de Sole marabillosas, por non variar.

  3. 3 / Novembro/ 2009

    Efectivamente, a zona ten todo o mérito. E tamén a camarógrafa. Que gran palabra!

  4. 3 / Novembro/ 2009

    Excelentes as fotos.
    Eu son da zona, e a verdade e que o itinerario é un dos mellores que se poden escoller. Un pouquiño máis río abaixo as paisaxes tampouco desmerecen nada: o Cabo do Mundo, a Coba, Maiorga… e a ribeira entre Pantón e Carballedo ata chegar ao encoro dos Peares, onde xa se estraga todo…

  5. 3 / Novembro/ 2009

    Aínda non fun ao cabo do Mundo e á Coba, Pablo, e teño moitas gañas. Non tardarei en volver.

  6. reflexf4
    3 / Novembro/ 2009

    Preciosa ruta, e tes razon que ven lle senta o outono.
    Entran ganas de perderse por esas corredoiras e bosques, para pensar logo
    nun boo lume a caron de unha lareira, e lastima de eses boletos..:-)
    Noraboa po la facilidade que tes de perderte, e noraboa tamen a fotografa,-

  7. 4 / Novembro/ 2009

    Gracias.
    Os vi pasar caminando en dirección a la aldea de galegos. Justo despúes de que le hicieseis la foto al Pazo das Cortes. Supuse que iríais camino de San Estevo, y estuve a un tris de para el coche y sugeriros que praseis en Galegos a tomar un vino, pero me pudo la verguenza… Sin embargo me fijé en vuestra forma de mirar y sentí envidia..Tengo casa en la zona y suelo hacer esa ruta con mis hijos, nací en la parroquia y presumo de conocer bien el entorno, pero he perdido la mirada con la que habeis descrito el paseo…para mi es un territorio común, sin embargo al leer el post he recuperado, a traves tuyo y de la mirada de Sole, paryte de la magia… gracias de nuevo.
    En caso de que repitas, teneis un vaso esperando en galegos….

  8. 4 / Novembro/ 2009

    Amadeo, acábasnos de deixar alucinados e emocionados.

    Moitas grazas por escribir. E tes sorte por ter cama e teito nun lugar tan fermoso.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *