
Déixovos aquí o meu novo libro: Ata que os mares sequen. Unha Escocia en clave galega (Morgante Editora). Unha aposta que vai entre o libro de viaxes, as memorias e o ensaio literario. Un libro que escribín para abrir a conversa, como cando dúas persoas que non se coñecen moito quedan para tomar un café, buscan temas en común e descubren que son familia.
A presentación editorial:
Ata que os mares sequen é un libro sobre Escocia para ler antes de consultar as guías… ou despois de esquecelas. Un ensaio literario que reivindica o Atlántico como espazo compartido e propón unha ollada adulta, crítica e contemporánea, máis alá dos mitos románticos do século XIX, sobre quen somos cando nos miramos desde a outra beira do mar.
A través de paisaxes húmidas, músicas comúns, vellos relatos e episodios esquecidos da historia europea, Manuel Gago percorre Escocia no espazo e no tempo para explorar as profundas resonancias culturais, históricas e emocionais entre Galicia e o mundo atlántico. Escocia non aparece aquí como un lugar exótico, senón como un territorio sorprendentemente familiar, que nos devolve preguntas incómodas sobre identidade, memoria, poder e futuro.
E aquí podedes ler o primeiro episodio e a ficha editorial. Podedes mercalo nas vosas librarías de referencia, nas tendas electrónicas ou na propia tenda en liña de Morgante Editora.
Este libro naceu hai dez anos. De aquela escribín un primeiro borrador: unha crónica de viaxes por unha Escocia en cambio que me atraía. Dez anos despois, ao retomar o texto, decateime de que debía construílo de novo. O tempo pasara e, case que por unha vez, para ben. Naqueles dez anos aprendera moito de Escocia e de Galicia, e dos fíos sutís e clamorosos que conectan os dous países a través da súa delongada historia atlántica. Así que decidín escribir un libro diferente. Se ti vas a Escocia, verás que moitas guías repiten a mesma información xenérica. Pero os lugares son importantes para nós cando representan algo, cando tocan algo do noso ser. Gústanos ver un escenario porque o vimos nun filme, e se cadra cando o descubrimos na pantalla estabamos con alguén que queriamos. Iso foi o que tentei. Poder comprender Escocia desde as súas conexións directas con Galicia, pero tamén desde a vida paralela dos dous países, observando as súas proximidades e diferencias para comprendelos mellor.
Agardo que goces das numerosas descubertas que se agocha nos capítulos de Ata que os mares sequen. Unha Escocia en clave galega.

Os comentarios están pechados.