Nus

Nús é a nova novela de Manuel Gago, editada por Edicións Xerais de Galicia (ver ficha).

Dispoñible en librarías o 11 de marzo de 2021.

Sinopse

Na madurez, Toño Figueroa, vástago da última aristocracia do país, mantén unha dobre vida na intimidade da súa memoria. Lembra a diario as súas primeiras veces e habita sen descanso a pasada mocidade: o sexo, as grandes mentiras familiares, os trens que se foron perdendo… Toño móvese con cinismo e incredulidade no convulso ambiente político da Galicia de principios dos oitenta; a súa conciencia social remata no seu propio corpo e no das mulleres coas cales aprende a descubrilo. Ou iso nos quere facer crer. Ata que Toño e os seus amigos chegan á solitaria praia de Calabarda, un paraíso aberto ao océano onde se pode ser libre dun xeito novo: sen roupa. Nun extremo da praia, os arqueólogos descobren un castro ancestral. Noutro, os veciños soñan con leiras de millo en que agromen os chalés. E no medio, Toño únese a unha grea de nudistas dispostos a todo para manteren os seus coiros ao sol.Manuel Gago ofrécenos en Nus un retrato irónico e irreverente da contraditoria Galicia dos primeiros 80 a través das aventuras sexuais dun crápula tan cínico como tenro.

Inspirada nos movementos de loita polo naturismo nas praias galegas a principios dos 80, Nús é unha aposta literaria moi distinta aos meus anteriores textos, aínda que os lectores recoñeceredes claves, escenarios e (seguro) personaxes. En Nús exploro a sensualidade, o descubrir do sexo, a masculinidade… pero tamén escribo desde a memoria dun protagonista un tanto incómodo, que relata a Galicia entre a transición e a primeira democracia desde un punto de vista pouco habitual na literatura do país. É unha novela dunha persoa, pero tamén dun tempo.

Nus presentada nun minuto:

Nus nos medios


Nós Diario


La Voz de Galicia (pdf)


Entrevista no ZigZag Diario (Televisión de Galicia).


Entrevista en Orgullo Galego.

Din de Nus

(Inclúo aquí todos os comentarios públicos en medios, blogs ou redes sociais que localizo. Se coñeces algún que non figure, por favor escríbeme a magago@gmail.com).


Libro do mes (Marzo 2021) na Tabela dos Libros da crítica literaria.

Esta novela de Gago é unha aposta moi diferente do tipo de literatura a que nos ten acostumados, pero mantén o seu estilo fresco e descarado de anteriores traballos. O uso da ironía e do humor, latentes en cada páxina do relato, fan da lectura algo agradable e axudan a acompañar ao protagonista ao longo da súa andaina, mesmo creando certa vinculación cómplice do lector con el, a pesar de ser un individuo ben pouco recomendable.

Manrique Fernández (O meu andel)

MANUEL recoñecíame onte que a santa compaña local non chegara á praia nin houbera parroquia nin cruz nin sacerdote, pero que fora un convencemento colectivo. “Na miña mitoloxía os nudistas eran igual que os mouros”, un seres estranos e fascinantes, pertencentes a outras voces e a outros ámbitos.

Santiago Jaureguizar no Táboa Redonda (El Progreso/Diario de Pontevedra)

Acabo de rematar a lectura do libro “Nus” de Manuel Gago e non só me gustou senón que me encantou. Teño que confesar que a temática do libro non me atraía moito nun principio, pero está tan ben escrito que xa quedei atrapado na historia nada máis comezar. (…) -Polo marabilloso retrato tan perspicaz, agudo e irónico que o autor fai da sociedade galega dos primeiros anos da democracia e da transición e como é capaz de ligala coa historia doutra transición, a duns mozos e mozas que están espertando á sexualidade.(…) – Por esas historias de amor e eses marabillosos personaxes femininos (Rosalía, Teresa, Encarna e Uxía) que xa pasan a formar parte do meu imaxinario literario particular. (…) E a principal razón: porque sempre me pareceu que o máis importante dun libro é a pegada que deixa no lector, e nestes momentos síntome coma unha especie de Pedra Leirada, que agacha un petróglifo segredo. (…) Na miña opinión un dos mellores libros publicados en galego nos últimos anos.

José Carlos Vidal Suárez en Facebook.

“Un libro TOP”

Diana Pastoriza en Twitter. Ilustración de Diana feita durante unha presentación de Nus.

O título desta novela de Manuel Gago é elocuente de seu por facer explícitas varias dimensións da trama narrativa. As cales deixan ao descoberto significativos ámbitos do arrinque do entramado autonómico. (…) Como se declara, o mundo está constituído por historias de fasquía inverosímil, cheas de portas abertas, que cobran sentido cando alguén as une.(…) Esta é a atmosfera que paira sobre a obra. Consistente en amosar os poros íntimos dunha escura entretea de intereses.

Xoán Carlos Domínguez Alberte en Nós Diario

Manuel Gago conseguiu unir con habelencia a peripecia individual co destino colectivo. Recreou un documento sociolóxico que analiza esta Galicia da transición que está mudando a moitos niveis (…) É unha novela con moito fondo no que ademais das peripecias do personaxe, que son moi entretidas e moi curiosas, hai moito de subverter con valores caducos e retrógados que estaban na Galicia dese tempo e que seguen presentes. Gustoume que esta novela está chea de humor e recrea dun xeito moi vívido este momento histórico que foi decisivo.


Armando Requeixo no Diario Cultural da Radio Galega

“Unha magnífica historia sobre un crápula na Compostela dos 80”

Fran Varela (Twitter)

“Un libro divertido e moi recomendable que me volveu traer moitas das lembranzas dos esquecidos anos 80! (García Tola, La Clave, a autonomía galega, etc.)”

Xavier Feixoo (Twitter)

O libro ofrece, a través das peripecias amatorio-sexuais deste burgués con ganas de experimentación, un bo fresco sociolóxico do país daquel tempo. Exponse a confrontación entre o nietzscheanismo liberal dos nudistas co país premoderno e agrario dos paisanos, cos remanentes do poder eclesiástico tradicionalista e, a través dun personaxe feminino, co marxinal nacionalismo que ollaba con desprezo aqueles nenos de papá que, nunha etapa enragé, só concibían a loita política como temporal transgresión individual. Aparece tamén o conflito, máis aparente que real, entre aqueles fillos díscolos da burguesía que abrazaban o ecoloxismo new ager coa cultura do pelotazo urbanístico que, tras a súa explosión nos anos sesenta e setenta, continuaría, nos oitenta, enchendo de cemento e tixolo espazos daquela aínda virxes.

David Rodríguez en O funambulista coxo

Encetei “Nus” de @magago pola tarde, xusto rematado o capítulo da magnífica Hierro de @jorgecoira. Non deixei o libro ata acabalo, arestora. Góstame moito a escrita e interésame de verdade tanto a trama íntima coma a física. (…) Con ecos de Vizinczey, gustoume tanto “Nus” que vai ir cara Salamanca de agasallo de aniversario.

Carlos Feijóo Nóvoa (Twitter)