
A Fraga do Monte da Cidade. Fotos: Sole
En Fornelos de Montes (Pontevedra) hai un castro abraiante. Chámase A Cidade e esténdese por un risco encaixado entre dous ríos, hoxe rodeado pola conca do encoro de Eiras, cuberto por unha espesa fraga. O castro ten dous foxos enormes. Un deles aílla a acrópole do resto do recinto. Outro, rodea unha plataforma que se estende ao oeste. Pero neste lugar, dun xeito que non sabemos polo de agora, produciuse unha sorte de simbiose cultural entre arquitecturas e espazos ao longo dos séculos que non é doada de explicar. Case mellor vela.



Segundo te vas achegando ao castro, polo mellor acceso posíbel neste momento (podes velo no mapa), comezan a aparecer casas ruinosas aínda en pé, asentadas ao primeiro ao pé da muralla do castro. O curioso é a regularidade de case todas elas. Son casas pequenas, sen fiestras, rectangulares, cubertas de carrizo. Boa parte delas foron construídas semienterrando a casa na terra, escavando un acceso lateral e suxeitando a terra da parede do acceso cun muro de contención. É dicir, para meterte nas casas orixinalmente terías que baixar un metro ou así. As portas son diminutas, e boa parte delas teñen un minúsculo anaco de terra cercado á súa entrada. Non teñen restos de tella e en boa parte delas localicei as pedras da lareira nun dos recantos.

Aquí se pode ver claramente a disposición da casa. Semisoterrada, a estrutura da dereita é o muro de contención que permitía baixar á casa.
Ao continuares camiñando, entrarás na parte máis complexa deste lugar. De súpeto ábrese o primeiro foxo, polo que andas, enorme, aos pés da Cidade. Alí, sucedéndose, aparecen moitas casas, unhas tras doutras, semienterradas, dispostas ao carón do camiño, encaixadas nese húmido e escuro espazo. Cada unha co seu mínimo microespazo valado á porta. Como unha colonia, ou algo así. ¿Pero quen carallo vivía aquí?


Aquí pódese ver a sucesión de casas (esquerda) ao carón do camiño (dereita), ubicadas dentro do primeiro foxo

Pero o realmente alucinante, aínda máis, vén agora. Ao fondo do foxo distinguimos como unha enorme muralla. E un arco oxival abríndose no medio.



Iso que vedes aí é o que os veciños de Oitabén chaman A Ponte dos Mouros. Trátase dunha especie de ponte-acueduto que atravesa o foxo e comunica a croa do castro coa segunda plataforma, pero no que alguén se preocupou de facer unha entrada monumental cara ese poboado de casas semisoterradas. Rastreando o monte, atopamos trazas do acueduto que parte da Ponte e que segue, pola segunda plataforma, baixando polo segundo foxo ata o manancial do que tomaba a auga. Agora ben, o acueduto remata, sen máis trazas, xusto no límite da croa do castro. Non vin unha fonte final ou outro tipo de estrutura a nivel superficial. É algo estrañísimo, este sitio. Parece responder a unha necesidade de traída de augas ata o poboado, pero que se combina coa impoñente fasquía monumental da entrada, extemporánea ao mundo castrexo ou romano, e que non saberías ubicar temporalmente desde o punto arquitectónico. Un misterio. Por suposto, estaraste preguntando que raio é todo isto. Só hai unha pista.
No interior da Ponte dos Mouros, nunha das pedras do arco, hai unha inscricion cunha data: 1787. Nada máis. ¿Pode corresponder esta obra a estas datas? Non me arriscaría eu a dicilo, pero é o dato máis claro. Investigando por aí, atopei que a morfoloxía das casoupas é similar á dos chozos que se empregaban para refuxio de pastores na inmediata Serra do Suído: cubríanse con terra con carrizo e as paredes laterais tapábanse con terra para evitar a escorrentía (ver o apartado Serra do Suído>Etnografía no web ecoloxista Asemblea do Suído). Polo estado das casoupas, parecen non ser demasiado vellas (en escala galega, refírome, dous ou tres séculos), pero a súa existencia, dentro do castro, é un misterio e non me arriscaría eu a dar unha cronoloxía. Iso si, que boa historia debe haber aí detrás!
A canle, por certo, continúa polo segundo foxo. Aquí hai unha calzada moi ben empedrada, preto de onde nace o manantial.

Mira que teño visto castros, pero aínda non me atopara con algo similar.
Débolle a visita a este fermoso e intrigante lugar a Alberto Vidal, lector de Capítulo 0, que en varios correos detalloume a ubicación desta acrópole e como chegar a ela. Aquí tedes unhas notas xeográficas sobre o lugar. Moitas grazas, Alberto!


Manuel Gago é xornalista e profesor universitario. 








{ 21 comments… read them below or add one }
Moitas grazas Alberto! Moitas grazas Manuel!
Irá mais ou menos un mes que eu visitei o poboado, é francamente abraiante como dís. Non fun quen de atopar información sobre o mesmo, e estiven preguntando en Fornelos, donde a maioria da xente non o ceñocia. Un veciño de San Adrián si o coñecia e contoume sobre o acueducto unha história tamén incrible: Díxome que se me houbera fixado ben daríame conta de que para salvar a coba, “os mouros”xa usaban dos vasos comunicantes, chegaba a auga a un lado baixaba polo mesmo hasta que remontaba polo outro. Claro que tamén ó preguntar por uns petroglifos na mesma aldea, unha muller preguntoume se queria levar o tesouro, e non quixo decirme donde estaban.
¡Cousas!
Xabrés, boísimo o da señora. A min tamén me ten pasado.
Ademáis, estou convencido de que nalgunha aldea xa temos pasado a ser parte da tradición oral. “Viñeron uns cun libro a preguntar polos mouros e nunca máis se soubo deles”. Segurísimo.
Con respecto ao do acueduto, en parte coincido co do vello. Si que hai diferencias de nivel no acueduto que a min me estrañaron, sobre todo no empalme entre a fonte e a canle do segundo foxo. O certo é que empraceinas para unha vindeira visita.
A cita de autoridade da xente nosa é un clásico. A min me teñen sacado o libro (así, sustantivado) obrígandome a ler unha parrafada diante dun grupo e rapaces que levamos ver uns petroglifos. O libro era unha fotocopia dunha páxina da Gran Enciclopedia Galega. Noutro caso falaban doutro libro, que escribira eu mesmo, pero daba igual… era doutra xente que viñera antes por alí. A lóxica do Ciprianillo segue actuando nestes tempos postmodernos, reactualizada.
Carafio, Manolo, outra novela! E van….. Eu xa comecei a barallar con esas casopas pequechas todoas iguias, una colonia de ananos ou nenos, quizabes, esclavizados por un suposto mouro xigantesco que….
Esta domingo vou.
Que ben, Folerpa! Xa sabes, como indico no mapa, deixa o coche nesa estreita marxe antes da ponte do Barragán, sube pola pista todo frente. Verás bifurcacións, pero darache igual. Aos 10 min, máis ou menos, a pista vaise facer máis pequena, case desaparecer, pero se segues vas caer no foxo do castro, nunha primeira corredoira de bosque tradicional (é a primeira fraga que atoparás).
Colle á dereita ata o cruce coa verea sinalizada cos sinais de sendeirismo do Sendeiro das Greas e alí á esquerda. A primeira casiña está a cinco metros á túa esquerda, na base da muralla, e a partir de aí, todo para diante e a flipar co resto.
Quedouvos unha reportaxe fenomenal , parabéns . Tamén parece ser que unha sociedade cultural de Fornelos ten pensado limpar todo o entorno e poñer en valor o lugar…. non sei se será boa idea , creo A cibdade perdería encanto..
Perto de aquí na aldeia de Anceu, no concello de Pontecaldelas, hai un interesante restaurante alemán cunha casa de turismo rural que ben merecen a pena. A primeira vez que estiven no monte da cidade viuseme a cabeza que esas habitantes quizáis puideran ser xentes que fuxiran dos mouros, esta vez os auténticos, e que fixeran alí unha vila. Desde logo é un caso moi curioso, demasiadas casas xuntas e moi protexidas. Se subes por enriba do arco nese pequeno monticulo pódense apreciar restos de estructuras circulares que supoño o antigo emplazamento do castro. Un saudo.
Dacordo con Breogan, pois eu tamén albisquei restos (?) circulares na parte mais alta do montículo. Dende logo o lugar seria ideal para unha saga do Bosque Animado de W.F.Florez.
Xa, metendome en camisas de once varas, é con relación o que dí A. Vidal de limpar o lugar, non sei…coñecendonos, parece que sería unha maneira de arruinalo. ¡Ollo! Non quero dicir que non fose bó, mais ó mellor estragabase, aparte do encanto, tamén o sitio.
So é unha opinión, e perdón por meterme onde non me chaman
Sobre o das edificacións na croa do castro, efectivamente eu localicei rastros de varias, sobre todo na zona que vai do punto sur do castro (inicio da ponte/acueduto) ata o punto máis alto (totalmente cuberto de xestas, inexplorábel). Cando menos localicei unhas cinco ou seis que, esas si, teñen todas as trazas de ser castrexas. Aínda así, a que máis me chamou a atención é a que está máis próxima ao acueduto. Alí consérvase bastante ben a muralla orixinal castrexa, e a edificación parece ter algunha complexidade. Podería estar vinculada ao sistema do acueduto, non o sei, é unha hipótese moi aberta.
Concordo con Xabrés no engado que ten, deste xeito, o lugar, e que o perdería se todas esas casas perden o carrizo e todo iso. Iso non quita que non se traballara máis o tema da documentación e souberamos máis do enigmático lugar.
Breogam, cónteme algo dese restaurante alemán! Como se chama? Que se come alí?
Impressionantes fotografias! Impressionante a paragem!
http://www.o-ramis.com/?page_id=50
Grazas!
Vin que che puxeron un enlace a web do restaurante o ramís, qué comer alí? pois a verdade que sempre que ía, e era bastante, todo me gustaba, ainda que o mellor era o “schlachtplatte” é un cocido alemán composto de codillo, salchichas artesanais ( faillas un carniceiro alemán que vive en Sanxenxo) chuleta sajonia, costelas e chucrut, iso sí imprescindible ser dous para comelo. As cociñeiras son alemanas e sempre hai comida típica . É xente que se move moito e sempre procuran darlle novidades aos seus clientes. Por outro lado a aldea de Anceu quedou sen saida despois do encoro e ten un encanto moi especial, chea de fermosas casas de indianos e un remanso de paz deses que non che gusta contarllos a xente para que non perdan o seu encanto.
Estupenda reportaxe sobre o Monte Cividade…curioseando entre libros e guías de Galicia…atopeime cunha pequena guía da comarca de Redondela e alrededores, editada por Everest…nela data o Monte Cividade coma unha antiga cidadela da Idade de Ferro do século VII a.c. , formada por un grupo de pequenas edificacións de granito que conservan parte da súa estructura externa (paredes e portas)…
Logo un único núcleo de casas, rodeado dun camiño empedrado que hacia a parte exterior conduce a un acueducto do século XVIII…
Todo este conxunto estás protexido na entrada por unha muralla defensiva que protexe todo o conxunto…
A vía principal do antigo poblado comunica co Sendeiro das Greas…a ruta máis extensa de este tipo de toda Galicia, un percorrido circular…onde tódolos principios son finais e tódolos finais son principios…con máis de 250 km…
atravesa os termos municipais de Vigo, Reondela, Soutomaior, Fornelos de Montes, Pazos de Borbén, Mos, Ponteareas, O Porriño, Salceda de Caselas, O Porriño, Tui, O Porriño, Gondomar, Baiona, Nigrán e Vigo…
Quén sabe os misterios que agocha este máxico círculo preñado de historias seculares…
Grazas, anonimacrónico, teño que dicir que eu tamén lin que se conservaban parte das estruturas dentro da croa do castro, pero eu non as vin. Apreciei na metade sur a cimentación dunhas cinco ou seis edificacións de traza castrexa, pero pouco máis. Agora ben, hai unha zona chea de xestas, totalmente inaccesible, no centro do castro. Non sei se ahí.
Feita a visita este domingo: o lugar é máxico. Os nenos pasárono pipa matinando en que sería aquilo e eu afouteinos inventando algunha historia.
Andando , atopamos outro acceso, ainda que enchoupado. Xusto uns metros antes de chegar a ponte do Barragán hai un cruce a dereita en dirrección a San Adrián. Pois ben na mesma estrada Po-250, xusto enfronte hai uns indicadores Fornelos-Pazos e aí unha entrada. O camiño está case pechado pero pódese pasar, crruzamos unha ponte cuberta de maleza sobre un regato, que merecería tamén un exame, e chegamos a unha corredoira xa limpa que nos leva ao segundo foxo do que falades e onde nace o manancial. Logo e coller o sendeiro das Greas e chegar a Ponte dos Mouros, anque velo dende abaixo non é o mesmo que entrar dende enriba e velo ao fondo desa estraña colonia de casopas ananas.
Respecto as interpretacións sobre a función desa cidade e ese espectacular valo-acueducto, só dicir que todo a orografía e estrutrura dá a sensación de ogocho, da pechar a algúns para que non saian, lazareto? Cadea? Mais esa ineterpretación choca co feito de suminitrarlle auga e facer esa obra de enxeñería para comodide duns prisioneiros. Pero… e se e os carceeiros teñen un relación previa máis estreita cos condenados e de aí que se preocupen por eles e a súa situación de illamento nese foxo avesío? Aí é onde nace a novela…
Alégrome de que che fixera ferver o maxín, folerpa!
Eu acabo de chegar de mirala e quedei ben contento coa excursión. é un lugar mui enigmático. Tívenme que achegar a Calvos a preguntar pola ponte eeles dixeron que era o monte da “cidade”. De tres paisanos cos que falei, os tres dixeron que facia máis de 40 anos que non ían por alá. O interesante do lugar é o seu caracter urbano, non só nominal. É raro que en Galiza haxa núcleos de poboación coas casas tan pegadas… non sei, cada quen ten a súa historia. Eu creo que ten que ver coa ruta de exportación do viño do Ribeiro. Alguén dá máis?
É unha marabilla, Turonio, que lle deamos tantas voltas. A ver se temos sorte e aparece algo na documentación. Ou non, case mellor.