Mapa dos seres máxicos do Reino de Galicia

Con gran pracer quérovos presentar un proxecto que foi feito con todo agarimo: o Mapa dos seres máxicos do Reino de Galicia. Xunto co gran ilustrador Leandro Lamas na arte do proxecto, trazamos un mapa que recolle unha pequena escolma de 34 personaxes escollidos entre a enorme riqueza de seres máxicos do imaxinario tradicional galego. O proxecto foi realizado dentro da liña de publicacións do Festival Atlántica de Narración Oral que dirixe Sole Felloza.

Nesta ligazón tes máis información de como mercar o mapa.

Trátase dunha celebración da diversidade do imaxinario tradicional de Galicia. Nel situamos un rango moi amplo de personaxes. Algunhas teñen unha ampla distribución por todo o país, e outras son seres localizados ou vinculados a algún tipo de fito xeográfico (unha illa, un monte) ou patrimonial (ou as dúas cousas ao mesmo tempo). Un terceiro grupo, moi importante para nós, corresponde a personaxes desaparecidas pero das que temos constancia a través de relatos antigos recollidos en Galicia entre os séculos XVI e XIX. Por iso, o mapa titúlase “do Reino de Galicia”, porque consideramos que é un xeito de incluír e voltar á ‘vida oral’ a estas figuras desaparecidas e en gran medida esquecidas, aparte de reivindicar a propia existencia do reino, o xeito no que os galegos denominaron o seu país durante case 1.400 anos.

Inspírannos moitas cousas para este mapa nestes momentos: desde as referencias ao segundo mapa de Galicia publicado por Hernando de Oxea en 1640, representado por esas atlantesas, ata asuntos de máis ilusión e profundidade. Queremos concibir este mapa como un ‘cantar de cego’, é dicir, un espazo aberto no que pousar un dedo e abrir unha historia. É un convite a que as historias deses seres se conten ou se inventen, como un xeito de revivilas. A tradición oral tamén é unha ecoloxía, con especies ameazadas e vulnerables que pouco a pouco van reducindo o seu espazo. Por fortuna, só coa forza da palabra e da vontade, podemos neste caso darlle a volta á situación, e facer que estas personaxes, e o que representan nos acompañen no futuro. E tamén hai outra idea. Cando Galicia acadou a súa autonomía, durante os primeiros anos o goberno e as entidades civís financiaron e promoveron numerosos mapas temáticos do país. Hoxe a forma de Galicia e a súa existencia pode parecernos clara aos dunhas determinadas situacións, pero no pasado non era así. De aí que Adrián Solovio transformara a súa vida ao ver o mapa de Galicia de Domingo Fontán. Esa Galicia que nos parece evidente, xa non o é. Levados pola inercia, e por novas vagas de desmemoria, non queremos afrontar a realidade: é moi posible que moitos dos nosos nenos estean no mesmo punto de partida que os seus bisavós nos anos 50 e 60 en relación á Galicia. Ao descoñecemento, á imaxe tópica e pobre, ao certo autoodio. É o momento de construír ferramentas fermosas para que isto cambie, para que volvamos dispoñer dun imaxinario de Galicia. Este mapa quere axudar.

A nosa presentación

Comments are closed.