A noite chega a Muxía

12 Outubro, 2008

Luz que desaparece no santuario da Virxe da Barca, en Muxía, no corazón da Costa da Morte. Sentados na Pedra de Abalar, nese mundo de pedra que emerxe do Océano, vívese todos os días, no lusco e fusco, un acontecemento único.

As excelentes fotos de Sole non están pasadas por Photoshop ou outro editor de imaxes.

{ 0 comentarios }

Waltz with Bashir, un documental animado sobre a Guerra do Líbano

10 Outubro, 2008

¿Un documental animado? ¿Que, interesante, non? No sempre imprescindíbel El 50 tomo a referencia de Waltz with Bashir, unha historia sobre a Guerra do Líbano que narra a historia dun home que un vello amigo lle narra ao director Ari Folman, sobre un pesadelo recorrente no que sempre o perseguen 26 cans, sempre a mesma cifra. Os dous homes conclúen en que hai unha conexión entre este soño e a súa misión do Exército israel na Guerra do Líbano a principios dos 80.

Sobre o 2009 teremos a posibilidade de vela en Europa. Sen dúbida, ademáis, a curiosidade por saber como é un documental feito con animación axuda intriga moito máis pero a arte gráfica que xa se pode apreciar nas promos é ben interesante. Polo de agora, para abrir boca, aquí vai o trailer:

{ 5 comentarios }

O vídeo na web: traxectorias dos modelos narrativos

10 Outubro, 2008

Esta é a miña presentación para a xornada Novas formas de distribución e consumo audiovisual que se celebra hoxe á mañá.

{ 0 comentarios }

Confetis e pompas de xabrón con Facto Delafé

10 Outubro, 2008


Os barceloneses Facto Delafé

Aínda que moita xente está convencida do contrario, a programación cultural de Compostela está baixo mínimos. E, se por riba, as poucas salas que quedan se contraprograman (pode ser casualidade ou non, dáme igual), aínda peor. Mentres na Capitol tocaba Facto Delafé, na Nasa actuaban The Blows. Así que o respetable -tan pouco respetado-, condenado a escoller. Despois dunha xornada dura, nós optamos polas melodías suaves e íntimas de Facto Delafé. Aí están as súas letras do cotián, cheas de pequenas chiscadelas aos tempos mortos de sofá e aos sabores dos pratos de verán. O concerto arrincou algo amortecido, pero debía ser parte da terapia, ata conseguir poñernos a todos en órbita con esas letras de cristal, moita ironía e desenfado, con mención ás vieiras atómicas incluída. Delafé di desde o escenario:

-Pechade os ollos e aproveitade para sorrir mentres non vos vexan!

Un bo concerto para alegrar un día demasiado intenso. En Compostela, hai unha hora, na Sala Capitol, os Facto Delafé soaban así:

{ 4 comentarios }

Crappy Cat, a bizarra aventura ultratumba dun gato alcólico (!)

8 Outubro, 2008

Crappy Cat é un bizarro e delirante xogo en flash sobre un gato con tendencias alcólicas e un surrealista periplo por un Outromundo de estilo gore e cheo de gags. Para facer avanzar ao Crappy Cat, hai que empregar as teclas do cursor. Aviso: é tan adictivo como divertido.

{ 0 comentarios }

Debatendo sobre novos formatos nas xornadas “Novas formas de distribución e consumo audiovisual”

8 Outubro, 2008

A Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI), organiza en colaboración coa Consellería de Industria as xornadas Novas formas de distribución e consumo audiovisual este xoves 9 e o venres 10 de outubro. Haberá cinco mesas de traballo e debate sobre estas cuestións, estruturadas do seguinte xeito: dixitalización de contidos, as novas canles de distribución, a exhibición dixital e a explotación baixo demanda, os novos formatos para os novos medios e as novas oportunidades de negocio. Aquí pódese consultar o programa completo. A verdade é que ten un grande interese e veñen relatores moi interesantes.

Pola miña banda, participarei na mesa Novos formatos para novos medios que se celebrará o venres, 10 de outubro. Estará moderada por Zaza Ceballos (directora xeral de Zenit) e participaremos Joan Majó (consultor europeo en xestión audiovisual e ex-director da Corporación Catalana de Medios Audiovisuais), José Ramón García (presidente de Blüsens), Jacobo Penide, director xeral de Arantia (Televés), Gilberto Sánchez (director editorial de Virtual Toys, creadores de xogos para Nintendo DS) e máis eu, que me centrarei nas tipoloxías e modalidades das aplicacións de vídeo no web.

{ 1 comentario }

Gonzalo Gonzalo e The Wine Love: ¡a imaxinación aos viñedos da Rioxa!

7 Outubro, 2008


Gonzalo Gonzalo e Antonio Palacios

Coñecín a Gonzalo Gonzalo aquí en Compostela; el viña de tour galego co distribuidor local, picamos algo e pasamos, eu que sei, tres ou catro horas falando sen parar de viños, tendencias globais, proxectos futuros e das cousas que admiramos; el, dos viticultores e dos viños do mundo que lle asombran e dos que este enólogo de vinteoito anos quere aprender. Gonzalo non para nunca, e representa unha xeración moi libre, imaxinativa, moderna e festiva que pode abrir un novo camiño enolóxico na Rioja tan insospeitado como alternativo e cun estilo propio. El e máis Antonio Palacios forman The Wine Love, un nonseique que estrutura empresarialmente a produción de catro viños, os Orgullo (branco e tinto) e os Lazarus (etiqueta laranxa e negra).

O Orgullo é o proxecto persoal de Gonzalo nos viñedos da familia. Na etiqueta podes ver unhas mariquiñas que definen a filosofía que hai detrás. No mes de abril, Gonzalo organiza o Mariquitina’s Day, unha pedazo festa no viñedo, na que os asistentes -é aberto a todos-, saen a coleccionar mariquiñas dun viñedo mentres uns DJs da Rioja improvisan unha sesión. As mariquiñas, vivas, súbense para o viñedo de arriba, La Tejera Alta, onde loitarán contra as pragas de insectos. Todo, con música electrónica, viticultores e moita parranda, para celebrar un viño colleitado e coidado por moi poucas persoas, case en familia, e cun gran coidado co equilibrio do medio. O Orgullo tinto é un viño sinxelo que Gonzalo define como de “garaxe” (imitando aos viticultores franceses que nos 80 decidiron abandonar as grandes producións e centrarse en poucas e excelentes botellas); da Rioxa conserva este sabor único dos tempranillos pouco castigados polo clasicismo, moi doados de beber e con moita froita, como feitos para saúdos lixeiros e felices. Tan festivo coma o Mariquitina’s Day que este abril, desde logo, non me penso perder.

O outro proxecto alucinante desta banda de dous é o Lazarus. Un xa se imaxina algo cando colles a botella e te das conta de que está toda en braille. Esta xente fai un proxecto marabilloso: o enólogo Antonio Palacios decatouse no ano 1999 de que as persoas cegas podían percibir as notas aromáticas e de sabor que ían aparecer no viño varios días antes de que se puideran percibir, movéndose en umbrais ultrabaixos. Este factor outorga, en teoría, aos enólogos unha enorme ventaxa, porque poden predecir a evolución do viño e actuar en consecuencia. Palacios chamoulle a este método a Elaboración Sensorial e aplícao nas dúas marcas do Lázarus; os catadores cegos interveñen nas primeiras catas do viño revelando o seu futuro e axudando na elaboración; o Lázarus é un syrah-merlot máis que interesante, con toques minerais en olfato e de froitos secos en boca que me resultan moi chamativos.

Ah. The Wine Love pide a colaboración de deseño de moda para vestir á xente de campo, as comerciais e todo o mundo. O gañador levará o seu peso en viño da adega (!!!).

E fáltame unha cousa. O nome Orgullo. Trátase do título dun poema do poeta maldito de Ezcaray Armando Buscarini, que malviviu a bohemia madrileña de principios do XX. Así que remataremos este post e o día co seu poema Orgullo:

Orgullo

Aunque sufra del mundo los desdenes
de mi vida de artista en la carrera;
aunque pasen altivos a mi paso
los hombres de alma ruin que nunca sueñan;
aunque salgan aullando a mi camino
los famélicos lobos que me acechan
con la envidia voraz; aunque en mi lucha
hambre y frío sin límites padezca;
aunque el mundo me insulte y me desprecie
y por loco quizás también me crean;
aunque rujan tras mí ensordecedoras
tempestades de envidia; aunque me vea
harapiento y descalzo por las calles,
inspirando piedad e indiferencia;
y, en fin, aunque implacables me atormenten
las más grandes torturas, aunque vea
que a mi paso se apartan las mujeres
por ver con repugnancia mi pobreza
( pero quizás ignorando de mi alma
el tesoro de ensueño que se alberga),
nada me importará, porque yo siempre,
caminando sereno por la tierra,
con el alma latiendo por la gloria
y flotante a los vientos mi melena,
iré diciendo al mundo con voz fuerte,
con voz en la que vibre mi alma entera!:
-Es verdad que yo sufro; pero oídme:
¿ qué me importa sufrir si soy poeta?


Armando Buscarini

{ 0 comentarios }

Crise, a película

7 Outubro, 2008

Vía Merodeando

{ 5 comentarios }

Knowledge, un vídeo sobre as raíces do conflito palestino

7 Outubro, 2008

Este vídeo, titulado Knowledge (Coñecemento) foi feito por un estudante alemán chamado Alex Rudolph para unha materia chamada Deseño de medios. Tenta propor un formato de televisión que lle dá a asuntos actuais importantes un xeito visualmente máis atractivo. “É especialmente atractivo para xente nova. Un dos meus obxectivos era amosar que a educación e a aprendizaxe tamén poden ter unha apariencia cool. Esta nova fasquía a miudo lembra ao espectador máis un vídeo musical que unha clase de Historia”.

Knowledge ofrece unha explicación de cinco minutos sobre as raíces do conflicto de Oriente Medio. Pedazo traballo de clase.

{ 3 comentarios }

More, a existencia gris dun inventor

7 Outubro, 2008

A historia dun inventor que foi nominada ao Óscar. Seis intensos minutos.

{ 0 comentarios }

O Fragón, ou como a gastronomía de Fisterra se volve inconformista

6 Outubro, 2008


A vista desde a terraza do local. Fotos: Sole

Non sabedes o que nos gustou atopar o restaurante O Fragón en Fisterra.

A última vez que viñeramos por aquí, sairamos ben cravados do local no que comeramos; tiñamos a percepción de que volver comer nesta vila mariñeira era como xogar á ruleta rusa co sector hosteleiro local; por algunha outra experiencia previa que se acumulaba á do Tira do Cordel, a miña percepción era que a política de moitos restaurantes das proximidades do Cabo era de terra queimada: elaboracións mínimas -iso si, habitualmente con bo produto- e escandalosos prezos como para non volver. Conformismo culinario e fórmulas estereotipadas, que funcionan con moito público pero a outro nos deixan sorprendidos. Pero de súpeto aparece o Fragón.

O Fragón é un restaurante de tamaño discreto que se define como de “cociña galega de calidade”. Está situado nunha terraza cunha vista espectacular sobre o castelo de San Carlos e a badía de Fisterra, cos penedos rosados do Pindo ao fondo e o mar e a praia, ás veces calmo e ás veces bravo como só pode estar aquí. Unha cea de verán nesta terraza con amigos ten que ser unha gozada.

O localciño conta só con sete mesas, e nese mínimo espazo porfían os propietarios, dous irmáns, Fran e Gonzalo, xunto coa muller de Fran na cociña, en facer algo novo: xa levan dúas reformas, e as dúas foron para avanzar no camiño de converter a este lugar no referente dunha nova cociña fisterrá. Na segunda, fixeron un salto ao baleiro suprimindo a barra (se es un hostaleiro local, sabes o arriscado que é iso) e creando unha sala pequena, ben montada e agradábel para desfrutar do pracer de comer. Confían en, nun futuro non moi lonxano, ir máis alá, coller unha casa vella enteira, manter esas sete mesas e crear espazos máis acolledores. Pero iso é un futuro.

Nós collímolos co último paso adiante recén dado: hai quince días comezaron a servir os menús degustación, os primeiros de Fisterra. Son A Malliña (33 euros) e O Profundo (36). Os nomes aluden aos dous mares nos que traballan os mariñeiros fisterrás nas proximidades do cabo, e que se diferencian polas capturas que dan á flota local: mentres A Malliña é rico en peixe como fanecas, o Profundo é onde se colle o lumbrigante, o marisco e peixes de máis calado. Nesa suxestiva diferencia, un agardaría o pracer gastronómico que observar diferencias similares entre os dous menús, que falasen do diferente carácter pesqueiro de cadanseu, pero aínda non se aprecian abondo.

Nós escollimos o menú Profundo, que se iniciaba cunha excelente sopa de millo con Ovas de san martiño, seguido dun dos mellores pratos, para min, do menú. Unha tosta de pan millo con bacallau e pasas. A tosta lixeiramente pasada polo forno e proposta cun preve de pementos de piquillo, e o bacallau, pois puro rustrido de empanada. O certo é que a proposta é tan sinxela e orixinal que é unha delicia. Seguimos cunha berenxena con salmón marinado e queixo de cabra resolta de xeito correcto e uns excelentes chipiróns de poteira sobre ensalada de verduras de moi boa calidade. De seguido chegou outro dos grandes pratos do xantar, unha robaliza salvaxe cun aliño suave -un rissoto facía cama baixo o peixe, de excelente calidade e cun punto de cocción algo máis subido do que un adoita agardar, ultimamente, nos locais con arelas de modernidade. Este punto de cocción aproxímase máis ao habitual na cociña mariñeira e a min me gusta moito, que demo. Os pratos remataron cun entrecot de tenreira de Ávila con patacas ao tomiño e sal de merlot, cunha carne que non me rematou de convencer. Como postre, no Fragón ofreceron un bo pudin de mazás confitadas con crema de oruxo.

A carta de viños ten un nivelazo: desde as últimas novidades premiadas, ata unha importante base de viños seleccionados con criterio, tanto en tintos como brancos. Unha carta para gozar. Nós escollimos para probar o Quinta do Buble 07 que obtivo a Distinción Gallaecia ao mellor branco galego; non sei se merecía tal cousa, pero este godello de Monterrei estaba especialmente gostoso.

O Fragón pertence a esta nova caste de restaurantes lonxe das novas cidades que aspiran a máis, a construír algo novo tendo en conta a raiceira local, sendo conscientes de que deben contentar a clientes tradicionais que, pouco a pouco, se animan a probar e experimentar. Na mesa do carón, por exemplo, serviuse un menú do máis convencional: percebes, ameixas e arroz con bogavante. Pero o resto decidiamos ir un pouco máis alá e obter unha experiencia máis que satisfactoria.

No pouco que puidemos falar con Fran, el sempre reiterou unha frase que me gusta moito: “estamos aprendendo”. Nos días libres, estes tres fisterrás collen o coche, fanse quilómetros, e van probar os restaurantes de cociña contemporánea de Galicia: abren os ollos, toman notas, van construíndo o seu camiño. A min, persoalmente, gustaríame velos meterse máis adentro do seu mar. A cociña galega precisa reinventar a gastronomía mariñeira, para facela sobrevivir, evolucionar, mesturarse. Aquí, no Fragón, tres aventureiros botaron unha sonda de inconformismo culinario; están comezando, precisan traballar máis algúns conceptos como a montaxe dos platos, a escolla de ingredientes e receitas, o acabado final dos pratos e a busca de sabores máis refinados; precisan atreverse tamén coa imaxinación, e explorar máis ese mar que teñen enfronte e as terras que teñen detrás -esa sopa de millo con ovas de san martiño é un exemplo de por onde ir-, pero cos seus ánimos e a calidade da cociña e do servizo teñen todas as de gañar. Xa me é imprescindíbel nas visitas a Fisterra.

Por certo, o nome do restaurante non pertence ao léxico patrimonial. É a clásica mestura do nome dos dous irmáns, Fran e Gonzalo. Pero non se preocupen: xa están preparando unha lenda de naufraxios -como todas as lendas, con parte de verdade e outra de mentira- que xustifique tan sonoro nome.

O Fragón. T: 659077320.

Localización no interior do post.

[sigue lendo…]

{ 0 comentarios }

35 bonitos exemplos de fotografía de chuvia

6 Outubro, 2008


Fotos de J Rutledge, Time Magazine e Séverine Cousot.

Nun día coma hoxe, nada mellor que ver esta excelente galería de fotografías baseadas na chuvia e no mal tempo.

{ 3 comentarios }

A Orca Vella de Fisterra: unha brutal lenda da noite dos tempos

5 Outubro, 2008

A muller que nos ensinou con todo detalle o pequeno museo da pesca de Fisterra, localizado no cuartel do Castelo de San Carlos, ao pé do mar, falounos de que a peregrinaxe de verdade era a Fisterra. O de Santiago si, estaba ben, pero que iso chegou despois: o símbolo máis inmemorial do Camiño era a vieira. ¿E onde estaban as vieiras, as mellores vieiras? Aproveitei o lapsus lendario para preguntarlle pola tradición oral da vila.

-¿De onde lles vén a Santa Compaña, da terra ou do mar?
-Ai, nós non temos Santa Compaña.

Moitas veces os habitantes locais non asocian o termo lenda ou conto ás historias fantásticas que lles contaron nos seus avós, non se imaxinan que te poden interesar. Así que tiras balas de fogueo a ver se acertas, porque despois, dese fío, poden saír desbocados multitude de animais fantásticos. Lembrei o Urco, metade porco e metade can, un ser mítico que atemorizaba as noites da viliña mariñeira de Palmeira, que se alimentaba de escuma de mar e traía con el unha arrastrada de cans e os avisos da morte.

-¿E non había o urco?
-Non -dixo a muller, pero puxo un aceno de alivio- Pero o que si había era a Orca Vella.
-¿A Orca Vella?
-Era unha muller moi fea, moi fea, moi fea e moi mala. Durmía alá no alto do monte, por riba da ermida de San Guillerme, no monte do cabo.

A amábel señora non me soubo ou non me quixo dicir máis: desconfío polo contido algo truculento do que vou contar. Ao chegar a casa, consultei en Internet e tiven unha boa sorpresa. O que non sabía eu era que, por primeira vez, a lenda da Orca Vella escribírase no século XVI. Fixérao un cabaleiro de ventura navarro chamado Xulián Íñigo de Medrano, que contou a súa peregrinaxe a Compostela nun curioso libro chamado a Silva Curiosa, publicado en París por Nicolas Chesneau, na rúa de Santiago (vaia), en 1583. O relato ten un nivel de brutalidade pouco coñecido nas lendas tradicionais: a crueldade, o apetito sexual desbocado, o ser dona da súa vida e morte, a capacidade de facerse invisíbel, a súa antigüidade. A Orca Vella é unha narración moi antiga, coma se nos asomaramos a un gran relato épico de tempos prerromanos. ¿Cantos destes pervivirían aínda no século XVI e non foron recollidos? En fin, aí está. Durmindo baixo unha anta do monte de Fisterra.

A lenda da Orca Vella, tal e como lla contou a Xulián de Medrano un pastor do monte de Fisterra en 1583

Cuando dicho peregrino iba caminando hacia la cima del Cabo de Finisterre, con el propósito de conocerun antiguo enterramiento sobre el que había oído contar extrañas leyendas, le salió al paso un pastor para aconsejarle que no continuara subiendo hasta las rocas de la cima: -”Guardaos, guardaos! -Santo Dios, hermano, y a donde ibades a perderos? Non sabedes que dentro de aquellas peñas y cachopos (troncos secos) está fechado o corpo maldito de la encantadora Orcabella, y que nunca jamás home ni muller lo vido que non seja morto antes del año?

El peregrino le pidió al pastor que le contara todo lo que sabía sobre Orcabella.

“Fue” -respondió el pastor- “una mujer bárbara, vieja y fea que llegó a Galicia en tiempo de las guerras con los moros y paganos. Gran encantadora y experta en artes mágicas perseguía cruelmente a todo viviente, con tal de mirarle a los ojos lo exterminaba o con tocarle con su mano. Se hacía invisible cuando quería, robaba y comía cuantos niños se le antojaban. Vivió 176 años. Dejó la mitad del reino despoblado.

Cuando se cansó de vivir se retiró a aquellas peñas, en una de ellas excavó una tumba, y con la ayuda de un pastor que ella tenía preso y encantado, ella levantó una gran lápida para cubrir el sepulcro, y la puso encima de él, emparejada de lado a lado; después ella se despojó, y abrazando al triste pastor en remuneración de los servicios que le había hecho, lo echó y encerró dentro del sepulcro, sin que las fuerzas del pobre fuesen bastantes para defenderse de esta enemiga de natura, la cual, dejando sus vestidos fuera, se metió dentro de esta cama mortal, y sirviéndose de colchón del desventurado pastor, se acostó encima de él, y con un ingenio o gancho de palo que ella tenía, hizo caer sobre la tumba la lápida grande y pesada, y dentro de tres días (como el pastor sepultado dijo) dio el ánima a quien mandada la tenía.

El desventurado pastor daba tan grandes voces y gritos, que los pastores que en desierto estaban, corrieron a donde oyeron las voces, y entrando por el agujero de las peñas, queriéndolo sacar del peligro en que estaba, quedaron muy atajados y espantados porque vieron que el sepulcro estaba todo rodeado y cubierto de culebras y serpientes; y así, volviendo atrás, hablaron un grandísimo rato con el encantado pastor; y después de haber entendido de él la triste historia, le dejaron así encerrado en el sepulcro, donde acabó sus días malogrados el pobre desdichado”.

Tomado do artigo de Fernando Alonso Romero: “Las mouras constructoras de megalitos: Estudio comparativo del folklore gallego con el de otras comunidades europeas” no Anuario Brigantino (pdf)

{ 0 comentarios }

Un xardín para fuxir nas alturas de Manhattan

5 Outubro, 2008

Un executivo inmobiliario neoiorquino adquiriu un apartamento en Manhattan, pero non quería prescindir da natureza. En colaboración con dous profesores de Yale remodelouno e creou esta marabilla da arquitectura do posíbel:

Vía Inhabitat

{ 2 comentarios }

A rebelión das bases

5 Outubro, 2008

Imprescindíbel noticia en ADN:

Los colectivos independientes se levantan contra el modelo oficial de políticas culturales

De manera silenciosa y casi sin que lo reflejen las páginas de los periódicos, algo ha estado pasando en el mundo de la cultura en los últimos meses. En distintas ciudades, asociaciones, creadores y profesionales independientes se han lanzado a fundar plataformas y promover protestas que declaren su profundo descontento con el modelo de cultura que los gestores políticos están imponiendo. máis

¿Hai unha disociación cada vez maior entre público, activistas culturais e a cultura promovida desde as Administracións? En moitas cidades europeas, nos últimos anos percíbese con máis forza un terceiro axente entre o público e os creadores: os colectivos de creación/consumo/difusión/discusión cultural. Están apoiados na tecnoloxía e no ciberactivismo, cada vez son máis numerosos e exercen a crítica desde un esquema diferente ao tradicional.

{ 0 comentarios }