Ao pé do lar. Memorias de cociña: unha celebración da gastronomía galega e das súas cociñas

Last updated on 30 / Marzo/ 2020


Casa do Zapateiro. Cerceda (A Coruña). Foto: Maribel Ruiz de Erenchun.

Atención: Descarga o catálogo aquí

Onte enviouse a primeira nota de prensa e hoxe os cadernos centrais de La Voz de Galicia e o Faro de Vigo publican hoxe, na edición dominical, con dúas planas a toda cor sobre a exposición Ao pé do lar. Memorias de cociña. Así que xa vos podemos contar en que andivemos metidos con todas as nosas forzas, a nosa pel e o noso espírito durante todos estes meses. Anota antes de comezar: Museo do Pobo Galego, entre o 5 de febreiro e o 7 de marzo. Alí estará aberta a exposición Ao pé do Lar, memorias de cociña. A inauguración será no Museo do Pobo Galego o 5 de febreiro, venres, ás 19:30 h. Para nós será un inmenso pracer que esteas connosco ese día.


Casa Otilia (Meixide, A Veiga, Ourense). Foto: Sole Felloza

¿Que é Ao pé do Lar, memorias de cociña?

Descubrir, explorar e comprender o longo proceso de formación da gastronomía galega e dos seus pratos durante máis de dous mil anos de Historia é o obxectivo da exposición Ao pé do lar. Memorias de cociña, que do 5 de febreiro ao 7 de marzo de 2010 poderase visitar no Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela. A exposición, na que colaboraron máis de 200 persoas de todo o país, é promovida por Turismo de Santiago e o Fórum Gastronómico, conta co patrocinio de Galicia Calidade e a colaboración especial da Fundación Caixa Galicia. A través de imaxes, sons, cheiros e sabores, os visitantes experimentarán en Santiago de Compostela dous mil anos de historia gastronómica de Galicia cun programa diverso de actividades gastronómicas e espectáculos ao redor da exposición Ao pé do lar. Memorias de cociña.


A Cociña dos Tres Arcos do Mosteiro de Oseira. Foto: Maribel Ruiz de Erenchun


Lareira renacentista do Pazo de Santa Mariña do Castro de Amarante (Antas de Ulla, Lugo). Foto: Sole Felloza

A exposición

A cociña como espazo doméstico de elaboración de alimentos e como un lugar central da cultura galega centra a exposición, que se poderá ver no Museo do Pobo Galego durante todo o mes de febreiro. Fotografías de gran formato, recreacións 3D, infografías, paneis interactivos e audiovisuais levarán ao visitante pola evolución histórica da gastronomía galega, desde a Idade do Ferro ata a modernidade e ao longo de toda Galicia.

O fío condutor desta viaxe temporal serán os retratos de interiores domésticos de toda Galicia, realizados polas fotógrafas Maribel Ruiz de Erenchun e Soledad Felloza. Os visitantes poderán apreciar a diversidade xeográfica e temporal das antigas cociñas aínda en uso, que son retratadas cos seus propietarios, porque nelas se conformou a gastronomía galega que hoxe coñecemos. E ao carón destes retratos documentais, os visitantes poderán explorar as achegas culinarias e alimentarias de cada época, ata conformar o que hoxe coñecemos como gastronomía galega.

A exposición pretende amosar a evolución destes singulares espazos domésticos que son as cociñas galegas ao longo da nosa Historia, e facer reflexionar sobre como a nosa gastronomía é un complexo e dilatado proceso cultural que se vai conformando ao longo de séculos.


Costrada tradicional (Erundina Vázquez) e reinterpretada (Inés Abril). Fotos: Sole Felloza

Pratos con memoria: un I+D histórico para os restaurantes de Galicia

A exposición contou cun equipo de investigación que fixo unha procura documental e de campo ao redor de pratos de diferentes épocas da historia galega e que hoxe, en moitos casos, están practicamente desaparecidos. As cociñeiras Erundina Vázquez (Restaurante Ateneo de Piñor) e Inés Abril (Restaurante Maruja Limón, Vigo), baixo a coordinación do xornalista Miguel Vila recrearon para Ao pé do lar receitas de diferentes épocas que se poden consultar e recoller na exposición e que os visitantes poderán recoller e coleccionar nunha carpeta que se entrega ao inicio da mostra. Pratos como as papas pegas, a costrada, os bertóns recheos, o capón con ostras ou a tortilla ao ron percorren máis de dous mil anos de gastronomía galega en sabores.

Ao mesmo tempo, a exposición contará cun programa específico e orixinal de divulgación gastronómica, que conecta a divulgación cultural coa promoción hostaleira e turística. Tras impartir un curso de formación específica con estas receitas, sete restaurantes composteláns ofrecerán, durante o tempo de apertura da exposición, os pratos recuperados para a ocasión. Son os restaurantes Abastos 2.0, Acio, Calderón, Garum, El Mercadito, o De Profundis – Hotel Monumento San Francisco e Pedro Roca. Poderás solicitar estes pratos, que xa quedaron fóra da carta da maior parte dos restaurantes do país, e que nos conectan cunha gastronomía secular.

O domingo 21 tamén se poderá asistir no Fórum Gastronómico (recinto de Amio) a un obradoiro das cociñeiras Erundina Vázquez e Inés Abril, conducidas por Miguel Vila, para aprender en vivo como facer estas receitas históricas.

Espectáculos da exposición

As Noites Contadas e Marcelo Tejedor: comer a vida

A exposición contará cun programa de espectáculos noturnos, as Noites Contadas. Un reducido grupo de 30 persoas asistirán a espectáculos nocturnos de narrativa oral ao redor dunha lareira recreada especificamente para as representacións, cando pechan as portas do Museo. Quico Cadaval (11 de febreiro), Avelino González (18 de febreiro), Cándido Pazó (25 de febreiro) e Paula Carballeira (10 de febrero), serán os encargados de recrear para os asistentes o ambiente e as temáticas das historias contadas ao redor do lume. Con eles, preténdese que os asistentes comprendan o contexto cultural vinculado a estes espazos domésticos.

O chef Marcelo Tejedor realizará un espectáculo moi especial: Marcelo Tejedor: comer a vida. Tejedor, nestes momentos o chef galego máis recoñecido internacionalmente, narrará a partir da súa biografía as grandes transformacións da alimentación e da gastronomía en Galicia nas últimas tres décadas. Acompañada do DJ Javier Rial, Tejedor emprenderá unha viaxe biográfica e intimista con fotografías, música e pratos que os asistentes poderán degustar desde a súa infancia en Vigo ata o momento no que abre o seu restaurante na rúa das Hortas, en Santiago. O espectáculo Marcelo Tejedor: comer a vida celebrarase o 17 de febreiro ás 20:15.

Todos os espectáculos son gratuítos, pero é preciso reserva previa. Pódese facer a través do sitio web da exposición: www.aopedolar.com ou enviando un correo electrónico a info@aopedolar.com, indicando que espectáculo e en que data se quere asistir e agardando a confirmación por parte da organización. Só hai 30 prazas para os espectáculos das Noites Contadas e 40 prazas para o de Marcelo Tejedor.

O catálogo
Canda a exposición, poderás dispor dun coidado catálogo en galego, español e inglés que recolle as magníficas fotografías da exposición, as receitas e todos os textos históricos.

Un amplo programa didáctico para escolares

A exposición tamén contará cun programa didáctico específico para colexios, que polas mañás disporán de visitas guiadas na exposición e espectáculos adaptados ás diferentes idades. O obxectivo do programa didáctico é amosarlle aos nenos as características das cociñas e das relacións sociais que nelas se dan, así como amosarlles como se formou a alimentación. O programa didáctico conta co asesoramento científico da Fundación Dieta Atlántica da Universidade de Santiago de Compostela.

O equipo
A exposición está comisariada polo xornalista e profesor da USC Manuel Gago, que conta canda el cun equipo de expertos integrado por Soledad Felloza na coordinación de produción, fotografía e didáctica, polo historiador Xavier Castro, encargado dos contidos históricos da exposición, Maribel Ruiz de Erenchun na fotografía, así como as profesoras Helena Villar e Berta Pérez canda Paula Carballeira no equipo didáctico e os infografistas Silvia Canabal e Juan Castro na recreación 3D de espazos. O xornalista Miguel Vila, canda as cociñeiras Erundina Vázquez (cociña tradicional), do restaurante Ateneo de Piñor (Ourense) e Inés Abril (cociña moderna) do restaurante Maruja Limón de Vigo, encargáronse da recuperación e reinterpretación de receitas.

20 Comments

  1. 31 / Xaneiro/ 2010

    Impresionante! Haberá que ir vela.

  2. Antonio Montero
    31 / Xaneiro/ 2010

    Estimado Manuel Gago
    Eu me acabo de enterar pola Radio Galega do evento, os meus parabéns e non fai falta decirche que podes contar coa cociña e lareira da Fundación Wenceslao e o seu equipo. Supoño que eres coñecedor da grande amizade entre Picadillo e Wenceslao eque sabes que na fundación está a caricatura que deles dous fixo Máximo Ramos, titulada Manteca y Perejil”.
    Enhoraboa e procuraréi asistir a Exposición.

  3. Vanesiña
    31 / Xaneiro/ 2010

    Esto ten moi boa pinta!

    Felicidades a todos os que o fixeron posible (aos que coñezo e aos que non)

    Vémonos logo a partir do venres

  4. 31 / Xaneiro/ 2010

    Moitas grazas! Niso estamos. Agora hai que inaugurala e estes días son cruciales. Problemas técnicos, de distribución, cousas que solventar. Antonio, grazas polo teu ofrecemento!

  5. Paco Penas de Dorvisou
    31 / Xaneiro/ 2010

    O mesmo que dixen onte, ás veces as cousas quedan moi lonxe :-)
    Noraboa a todos por esa iniciativa tan interesante.

  6. 1 / Febreiro/ 2010

    Impresionante!!!
    Mi más sincera enhorabuena. Mucha paz y mucha vida tras esas fotos…..

  7. A. Lamas
    1 / Febreiro/ 2010

    Estou seguro de que ese duro traballo que fíxechedes terá un inmellorable resultado.

    Noraboa e alí estaremos o venres ;)

  8. MJ Méijome
    1 / Febreiro/ 2010

    PARABÉNS!!!!!! xa tarda ir a Compostela deixar unhas miradas ;)

  9. lapatianco
    3 / Febreiro/ 2010

    E … ¿o acceso o día da inauguración é libre, ou hai que pedir invitación?? :).

    Se non, teremosche que ir outro día.

    ¡Felicidades!! a ámbolos dóus Manolo e Sole (por coñecidos) é ó resto de tropa que argallastes a exposición.

    ¡Ala!!. ¡Agora xa te podes tomar un par de días, ou tres, de descanso sen publicar entradas no Capítulo 0! Coido que sobreviviremos.

    Saúdos.

  10. 3 / Febreiro/ 2010

    lapatianco, se queres vir avísame de contado ao correo electrónico.

  11. Arteixo
    3 / Febreiro/ 2010

    Un tema moi interesante espero ir e sorprenderme vendo que nos séculos pasados xantábanse máis cousas que caldo e touciño. Oxalá poidera ir o domingo ó taller!
    Un saúdo e que a expo vaia moi ben

  12. 22 / Febreiro/ 2010

    Acabamos de ver agora estas imaxes do fotógrafo Bert Teunissen e, polas semellanzas, tiñamos que partillalas aquí. Mágoa que non teñan tan boa calidade na web como as de Sole!

    http://reflectionof.me/bert-teunissen

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará