O autor

Manuel Gago. Foto: Soledad Felloza. (baixar en alta resolución)
Bio breve: Manuel Gago é xornalista, director de culturagalega.org, profesor da Universidade de Santiago de Compostela e editor de Capítulo 0.
Bio menos breve: Manuel Gago Mariño (Palmeira, Ribeira, 1976) é doutor en CC. da Información pola Universidade de Santiago de Compostela. Na actualidade, é director de culturagalega.org, o portal de divulgación cultural do Consello da Cultura Galega e profesor asociado na Facultade de CC. da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela, formando aos novos xornalistas na especialidade de ciberxornalismo. Gago é autor de varios libros sobre xornalismo electrónico e arquitectura da información en Internet. Os últimos son Sistemas Digitales de Información (Pearson Prentice Hall, 2006) e Diseño Periodístico en Internet (UPV, 2007). A súa tese de doutoramento, merecente dun sobresaínte cum laude en 2011, titúlase Deseño editorial e arquitectura da información nos cibermedios internacionais de referencia. É membro do Grupo de investigación en Novos Medios da USC, onde experimenta con prototipos de novos medios. O seu blog persoal sobre enogastronomía, viaxes, cultura e novas tecnoloxías é Capítulo 0 (www.manuelgago.org/blog/). En marzo de 2009, un xurado convocado polo semanario Santiago 7 escolleu a Capítulo 0 e a Manuel Gago como mellor blog e blogger de Santiago de Compostela e comarca.
No ámbito gastronómico, Gago é o creador e promotor do Código Cociña, un código de boas prácticas para o blogging gastronómico e colabora semanalmente no programa gastronómico da Radio Galega Come e Fala, co que gañou o Premio Nacional de Xornalismo Gastronómico 2010. Os seus textos gastronómicos poden lerse na sección Paparotas & Co de Capítulo 0, o seu blog persoal, fundado en 2004, e o máis antigo en activo escrito en lingua galega. No ano 2009, os membros da Asociación Profesional de Cociñeiros de Galicia nomeárono Socio Honorífico da entidade. Coordinando a un equipo de alumnos da Facultade de CC. da Comunicación, elaborou o documental web gastronómico Coas nosas mans, co que gañou o Premio Nacional de Periodismo Gastronómico Álvaro Cunqueiro ao mellor web gastronómico 2009. Neste ano tamén coordinou unha experiencia pioneira no ámbito da comunicación gastronómica: El Rioja de Blog en Blog, unha aventura enogastronómica en tempo real patrocinada polo Goberno da Rioxa. Actualmente tamén mantén The Wine Codex, unha guia persoal sobre os viños da Península Ibérica en inglés. É coautor do libro Rías Baixas, Gourmet Territory (2011), unha publicación destinada a presentar internacionalmente a gastronomía contemporánea do litoral sur de Galicia a un público de foodies e gourmets. No 2012 a Asociación de Sumilleres Gallaecia nomeouno Xornalista Distinguido.
No ámbito de divulgación cultural, Gago foi comisario en 2010 da exposición Ao pé do Lar, promovida para o Fórum Gastronómico en Santiago e con sede no Museo do Pobo Galego. A exposición tivo 12.000 visitantes e pódese descargar o seu catálogo aquí. Gago desempeña actividades de difusión e investigación no ámbito arqueolóxico. Foi membro do equipo de investigación nas escavacións do poboado da Lanzada (Deputación de Pontevedra e LaPA-CSIC, 2010), e promotor, canda Antón Malde, da escavación no sitio arqueolóxico de Pena Furada (Concello de Coirós e Iniciativa de Voluntariado, 2011). No 2011 fundou patrimoniogalego.net, a rede social do patrimonio cultural de Galicia. En 2012 publicou, canda o arqueólogo Xurxo Ayán, o ensaio Herdeiros pola forza. Patrimonio cultural, poder e sociedade na Galicia do século XXI (2.0 Editora).
Appendix:

No medio dos toxos na Ile Bernard (Cancale, Bretaña). Foto: Soledad Felloza
Videoteca de conferencias
Título: Unha nova vía para a memoria cultural
Onde: TEDxGalicia 2011. Santiago de Compostela
Título: Estética de datos
Onde: Barcamp’09 Loxa (Ecuador). Universidad Técnica Particular de Loxa.
Reportaxes
Programa Conexións (TVG)















