


O Teixedal de Casaio, un bosque diminuto agachado nos confíns de Trevinca. Os teixos son as árbores co verde máis intenso e escuro. Fotos: Sole


Aínda que tecnicamente non é un cumio, para saír e chegar ao Teixedal de Casaio hai que pasar por cimeiras e cordais situados por riba dos 1.800 metros, nun contorno de alta montaña, con climatoloxía inestábel, eternas distancias e horizontes enormes, así que clasificaremos a visita ao Teixedal de Casaio como parte do Proxecto Dous Miles!
O Teixedal de Casaio é un lugar excepcional: o bosque máis recóndito e, posíbelmente, o máis antigo do noso país. Só xuntar eses dous calificativos a un lugar xa o converte, de seu, nun lugar mítico. Alí, nun perdido e estreito val afundido baixo o macizo de Pena Trevinca, sobrevive unha marabilla biolóxica: o Teixedal de Casaio. O bosque de teixos máis occidental de Europa, a última lembranza do hábitat dunha especie, o teixo, que foi moi abundante en Galicia e con grandes valores simbólicos. Diante da invasión romana, os castrexos envelenáronse con teixo. E a madeira de teixo fixo os barcos das armas e buques de guerra dos exércitos e armadas nobiliares e reais. O teixo é de seu de lento crecemento e non puido resistir a depredación humana. Só estes de Trevinca: este bosque leva aquí desde a Era Terciaria.
Que o Teixedal quede a catro horas e media de camiño (polo itinerario longo, ver anterior post), despois de atravesar un complexo mineiro empregado durante a Guerra Civil como un deses negados campos de concentración franquistas, é un paso máis do camiño iniciático que supón. Ao subir o monte do Seixo, de súpeto ábrense os cumios nevados de Pena Trevinca, e os vales adéntranse profundos e cargados de árbores.
Un non se espera atopar o que alí está, se o mira con ollos atentos. Que ninguén busque Fangorn, ou a Reserva de Muniellos. O Teixedal é moi pequeno, uns trescentos teixos e unha infinidade doutras especies arbóreas en seis hectáreas. Había cereixos silvestres, todo tipo de carballos, os freixos, os ameneiros, hedra por todas partes, humidade, enormes e descoñecidas plantas. Ao camiñar polo Teixedal -non esaxero-, un tiña a sensación que entraba á parte esquecida da enciclopedia botánica do país, e cada paso era unha nova pranta pola que preguntarse ou fascinarse. Alí hai especies e variedades que nunca tiña visto. E están os teixos. Por todas partes. Son as árbores máis escuras das fotos. Soturnas, baixas, e todas centenarias. Mentres no fondo do val estouran os barrenos das canteiras, eles durmen no lugar máis perdido do país. Dos cumios baixa un río cargado da friaxe da neve. Alí dentro, na espesura, o día faise case noite e a auga nos acalma. Comemos en silencio. Calamos todo o tempo. Dobrámonos baixo as ponlas. O bosque máis raro, máis antigo, máis fermoso. O Teixedal de Casaio.
Aquí podes ver un vídeo da camiñada e algunhas indicacións:








7 respostas
O vídeo vese cunhas raias bastante feas. Tentarei reexportalo e volver a subilo estes días, pero vale ben por agora.
Pero… como das con estas maravillas? Na vida descubriría eu que existen lugares coma este en Galicia, castros como os que visitas, etc… e iso que teño moito monte enriba!
Bueno, como bo xornalista, imaxino que terás as túas “fontes”…
Durante um tempo, o teixedal de casaio foi um segredo guardado por umhas poucas pessoas ligadas ao mundo do ecologismo e o conservacionismo, acho, por mor da sua fragilidade. A sua existência fixo-se pública para o proteger doutras ameaças, porque nom havia mais remédio. Contodo, nom será excessiva tanta publicidade e instruçons tam precisas sobre a sua ubicaçom e a rota a seguir para o visitar?
Manolo, senta-che mui bem a pucha! (Se me permites a apreciação ;))
Uz, moitas grazas!
Moncho, efectivamente, o xeito de descubrir sitios interesantes é escoitar e ler mesmo os prospectos farmacéuticos. Alégrome que te interese.
Signatus, ese é un bo tema. O Teixedal de Casaio está moi detallado desde os 90, coa primeira edición do mítico As montañas de Galicia, de Vélez Barrio, con reedición do 2001, con atención aos xeitos de acceso, e a súa existencia aparece mencionada en todos os folletos turísticos de Valdeorras.
A maiores, o que si teño claro é que un dos principais problemas do patrimonio natural e cultural do noso país foi e é o descoñecemento, a falta de información e o detallar o valor das cousas para todo o mundo. Por culpa diso, se cometeron grandes barbaridades. Por iso teño clarísimo que é importante contar, detallar e documentar, para que quede constancia e para que poida ser compartido e apreciado por máis poboación que os especialistas. Ese é un principio que teño clarísimo para Capítulo 0 desde sempre. Estou convencido de que, en parte, os políticos consentiron as licenzas de minas que arrasaron o val que precede ao Teixedal porque ese espazo é un gran descoñecido, lonxe de todo.
Neste blog este principio se complementa cunha prevención: non menciono espazos dos que se poden substraer obxectos con facilidade, ou a existencia deses obxectos (por exemplo, un par de muíños de man tirados baixo as murallas dun castro), ou de espazos perigosos (como un vídeo sobre ríos subterráneos que publicarei dentro de pouco).
As canteiras o novo ouro negro da comarca. Resulta moi difícil pensar nun mundo que sexa capaz de conciliar desenvolvemento económico respetuoso co noso medio. Agora para as comarcas das louseiras, éstas son sen dúbida unha fonte de riqueza moi considerable, coma puiden ver no informe da cámara de comercio de galicia sobre a riqueza das diferentes comarcas. Valdeorras e redores tiña uns índices superiores a moitas comarcas costeiras máis industrializadas o que me chamou sinceramente moito a atención. E estou seguro que as canteiras teñen algo que ver nesto. Ata os anos sesenta esta zona tamén era moi rica na producción de wolfram e estaño, os mineiros gañaban moitísimos cartos por un traballo moi moi duro. Trala guerra de Corea acabouse o “boom” do wolfram e todos aqueles cartos foron malgastados ou desaproveitados. E unha ola de emigración saliu desas comarcas que foran tan ricas. De feito, citando a un señor que salía no documental “A memoria nos tempos de wolfram” dp de gañar tantísimos cartos cando cerrou a mina:-Estábamos igual ca antes!!
Cas louseiras non ocorrerá o mesmo? o crack do ladrillo é un feito consumado, estase invertindo/promovendo novas fontas de riqueza na zona? Estase a desfacer o patrimonio de todos e usos futuros do medio para o proveito duns poucos (e claro está non son os obreiros) durante un período curto de tempo? Paga a pena?
Coméntanos algo