Última actualización o 21 / Decembro/ 2011

Fotos: Sole
A este refuxio entre as montañas só poden acceder vinte persoas ao día, e a esas vinte persoas só se lles permite adentrarse no interior, no corazón deste universo boscoso, unha vez ao ano. Así de estritos son os criterios de acceso que pon o Principado de Asturias para poder penetrar na Reserva Natural Integral de Muniellos, unha vastísima fraga montañesa da Asturias Occidental, moi próxima a Galicia. [localización]. Así que iso leva a teres que reservar con tempo e confirmares a túa visita a este prodixioso bosque, un tesouro biolóxico no corazón dos montañas da península.
Para chegar ata Muniellos, o GPS levounos pola antiga estrada que ía desde A Fonsagrada ata as terras de Rengos. Subimos a 1300 metros ao porto do Connio (intrigante nome), que beirea este tupido manto vexetal e é o asfalto máis próximo ao Reino do Oso solitario, que por aquí campa con liberdade. Moitos antes de chegar á cimeira topámonos coas primeiras neves do inverno, que sorteamos moi lentamente xa de noite. E dar a benvida así ao inverno, de xeito un tanto perigoso, solitarios, únicos nesa estrada de vertixe e neve, pareceunos a cousa máis fermosa do mundo. Árbores espectrais vestidas de branco para recibirnos.
Muniellos lembra a ese arquetipo que debemos levar sempre dentro de nós: o Bosque Primixenio: Brocelianda, Fangorn e o Bosque Vello, o Bosque Mitago, a Selva de Esmelle ou o Bosque dos Carnutos. No Bosque Primixenio o home vólvese tolo, ou deixa de ser completamente home. Sempre me intrigou o fondo desa historia. Ese home que perde parte da súa natureza ao habitar o bosque. Que ten o bosque para facerte tolear? Na nosa cultura, o retroceso do bosque como espazo levou a converter a estes territorios en lugares amables e lúdicos. Pero para os antigos, o bosque é algo inmanexable. Un lugar no que o home está condenado a cambiar, se cadra a ceder, sen dúbida a transformarse, forzosamente a volverse en parte animal, ou sexa, en someterse ao ciclo deste mundo.
Tiven que ir ao bosque primixenio de Muniellos para entendelo.











Tiven que seguir a senda, cabo do río, que cada vez se fai máis pequena, que se desdebuxa baixo a neve mentres avanzamos. Na primeira media hora de marcha, tras deixar atrás o sendeiro adaptado para discapacitados, conforme sintes que capas e capas de madeira, humidade, liques, animais espreitantes e silandeiros van ficando atrás, van pasando cousas. Alí comezas a cambiar. Durante a primeira hora de marcha, organizas a túa vida. Aparece o traballo, a familia, os amigos, as cousas por facer, os proxectos nos que queres entrar e dos que queres fuxir; a memoria, cando vas adentrándote na espesura onde o día e noite, onde a terra desprende bafos de lentura acumulada, chimpa e faísca, e aparecen recordos aleatorios da infancia, de onte. Apagar un espertador. Mirar un escaparate. Escoitar unha frase prendida. E unha tecedeira imaxinaria, cabo do camiño, vai enfiando coas mans o sarillo da túa vida mentres ti enfías tamén con ela.
O estraño acontece na segunda hora de marcha por Muniellos. Todo o humano desaparece, agás ti. O ritmo constante, o frío nas fazulas, as pérolas de suor na cabeza, que se van conxelando, e doen como cristais, e o bosque que non remata por ningures, e o burbullar da auga do río que se vai facendo cada vez máis lene. E de súpeto non pensas ren. E sigue o murmurio. E non pensas ren. E veñen as sombras. E non pensas ren. E cégate a neve, que se desprende de ponlas cargadas de árbores ocas antigas coma o mundo. E ves como os fungos agroman baixo a capa de follas, que está cuberta de neve. E comezas a percibir as follas que se moven tras de ti, e polas beiras, no máis escuro do fondo, e cres ver ollos brillantes tras esas capas barrocas de vida. E non pensas ren. E escoitas renxidos, o bosque está agora cheo de renxeduras que se deslizan, aves acústicas, entre árbore e árbore, como se houbera un diálogo imposible de laios.
Só hai un itinerario permitido neste bosque primixenio de Muniellos. Camiñas en silencio pola ladeira, disposto a remontar e chegar ás lagoas agachadas nos quiebros das montañas. Canso, suspéndeste das rochas para beber dos labios auga de regatos xélidos. Na lagoa, a ventisca apreta a túa sensación térmica, descéndete os pulsos, ves literalmente como se está conxelando a auga, como se todo acontecera a cámara rápida, pero o teu corazón camiña a cámara lenta, os teus ollos tamén. As nubes veñen cargadas de frío e xeo. Cada nube literalmente -podes velo- convértese nunha vasoira que leva follas dos carballos. Ves o varrido de toda unha ladeira. Unha nube de follas que lentamente vai desprendéndose de ponlas espidas de centos, miles de árbores.
Cando retornas continúas igual. Pero nun momento determinado, unha hora antes de volver ao refuxio dos gardas, lembras onde deixaches a chave perdida da moto. E veste collendo un paquete de pastas Gallo no Gadis. Crúzase unha antiga compañeira de Facultade na rúa contigo. E as pequenas veciñas colocan un belén na porta do seu piso. E o obxectivo macro que sostés na man de súpeto está moi frío. Como funciona o motor deste obxectivo tan grande? Consumirá moita batería?
Decátaste de que quince pasos atrás, cabo daquela enorme faia, nada disto pensabas. É dicir, non pensabas ren. Ou non pensabas como crías que só se pode pensar. Quince pasos atrás, non eras ti. Ou non eras o ti que coñeciches. Non tiñas memoria. Non tiñas angueiras, nin expectativas. Nin pasado. Todo ti eras presente. Realidade aumentada. Non diría que era unha sensación pacífica, como idealizamos habitualmente a natureza. Non, non era paz. Era outra cousa.
Dalgún xeito, e como unha sombra lene, só eras bosque. Non moito, quizás só estiveras a unha distancia dunhas ducias de metros, por esta vez, do territorio humano.
E con 35 anos comprendín dunha vez todas esas historias lidas e relidas que acontecen nos bosques primixenios.

Formoso lugar!!
Parabéns polas imagens, som bonitísimas!
Vivín durante máis dun ano en Londres e cheguei a sentir o agobio da xente e decidín non vivir nunha cidade nunca máis.
Eu necesito, ás veces, poder escapar a lugares onde sei que en varios quilómetros na roda non hai xente.
E despois imos a outros lugares sen nin sequera saber das maravillas que temos a escasas horas de viaxe. Fermosísimo bosque. Parabéns!!!
Poucas veces relembrei sensacions diante da pantalla,
eu tamen sentin,
fai xa tempo,
e non deixo de repetir
obrigado pola beleza
Sen dúbidas é un deses lugares próximos que sobrecollen ao ser humán.
Tivemos “a sorte” de percorrelo fai anos a varios graos baixo cero e con neve virxe ata os xeonllos. Aínda me dura o cansanzo….
Ao igual que vos experimentamos iso que tan ben defines, a sensación de illamento, de estaren percorrendo un mundo paralelo e no que todo se relativiza.
Non sei agora, pero fai uns anos o peor da reserva era o centro de recepción (obsoleto e inútil) e a atención dispensada polo persoal, espero que agora sexa mellor.
Coincidimos en que é unha visita altamente recomendable.
saúde.
Pagou a pena esperar polo artigo e as fermosas fotos, ainda que ese bosque é imposible recollelo nuha instantanea.
Obrigado por este agasallo neste oscuro e frio nadal.
Shalom amigos xa esta mais preto o seu aniversario, eu me animo tamen a participar na sua homenaxe, pois Ben estes dias atras tiven unha comida cuns bos amigos, e falando do imaxinario cunqueiriano, comentei a actual Lugo,Lucus Augustis, para uns a cidade do Lobo xa sabemos que o simbolo de Roma e a loba cos seus Romulo e Remo amamantandos, taman din que ven de Bosque sagrado dos Celtas que era unha lenda coma a do rio Limia, e os romans ante estas lendas eran moi temerosos, o Bosque sagrado para Cunqueiro e esa Galicia Milenaria e maxia de trasnos e magos, puluando no medio das fragas, esta tipica paisaxe galega Ben podia ser a pocima maxica que a el no seu ideario comun reflexara con tal viveza a sua imaxinacion, e nos dera historias como a de merlin e Familia, via a miña lembranza e que sexan mil millons de primaveiras mais pra Galicia e a sua obra, parabens e saudade
Noraboa Manuel e Sole
Fermosísimo relato, que lle fai xustiza a tan engaiolador paraxe.
Estiven esta fin de semana polo Courel (Paderne, a Devesa de Rogueira…), e sentinme igual ca ti descrebes. Ademais cadrou o paso do outono co inverno, cunhas paisaxes subxugadoras, quedando para un lado do val os verdes e ocres do outono e para o outro o branco do manto invernal nevarado.
Ledo ;-)
Unha aperta¡
Muniellos (Muniel.los, estraño e exótico asturiano local, algo así como Munietsos), é un lugar especial para min e para moitos. Recoméndoo a todo o mundo para ter unha idea do que podían sentir os nosos ancestros, co N de España cuberto de bosques así. Recomendo tamén facer unha visita en inverno, e outra no verán, en xuño, a floresta muta por completo, parece outro mundo.
Grazas por lembrarme Muniellos, tres veces fun, e espero polo cuarta.
Bo Nadal!