Galicia 100: un gran proxecto para contar a cultura galega

Hai dous anos que desde o Consello da Cultura Galega comezamos a construír este gran proxecto que agora comezamos a difundir. Galicia 100. Obxectos para contar unha cultura é un enorme proxecto de divulgación cultural que busca contar Galicia e a súa cultura a partir de cen obxectos do noso pasado, desde o Paleolítico Inferior ata os anos 90 do século XX. 100 obxectos escollidos como un exercicio de diálogo co noso pasado, nos que coexisten vizosas e grandes xoias con humildes pezas etnográficas, obxectos ‘fetiche’ vinculados a momentos históricos moi concretos con outros dunha dilatada presenza, uso e función. A clave é a capacidade de diálogo deses obxectos connosco e ‘entre eles’, como unha maneira de facernos pensar sobre a nosa herdanza cultural pero tamén sobre como nos axudan estes obxectos do pasado a interpretar o presente desde a súa distancia de séculos.

Galicia 100 nace no ronsel de importantes proxectos nomeadamente do mundo anglosaxón, como A History of the World in 100 objects, do Museo Británico, Ireland in 100 objects, promovido polo Goberno irlandés e redactado por Fintan O’Toole ou 101 Objects that made America, promovido nos Estados Unidos polo Smithsonian Institute. A gran diferencia entre estes países é o noso é a existencia en todos eles dun Museo Nacional que no seu momento creou un imaxinario moble, un imaxinario dos grandes e pequenos obxectos; en Galicia ese imaxinario a penas existe (si en cambio haino do patrimonio inmoble) e ese foi un dos aspectos máis interesantes nos que traballar. Neste sentido, como comisario do proxecto, non teño máis que palabras de agradecemento para o Consello Asesor de expertos, encabezado por Ramón Villares, para os meus compañeiros de traballo no CCG e para Rocío Figueroa, a coordinadora, por todo o traballo e ilusión que botaron nesta idea, así como ao deseñador da mostra, Pepe Barro.

Galicia 100 é e será moitísimas cousas. En colaboración con Afundación, o 10 de maio inauguraremos na rúa do Vilar, na sede desa entidade, unha importante exposición que conterá boa parte das pezas seleccionadas (algunhas, debido á súa fraxilidade e volume non se puideron traer) que logo itinerará á Coruña e Vigo. É un ambicioso catálogo que vos sorprenderá, dun marcado ton divulgativo, con información sobre cada unha das pezas. É todo un proxecto dixital interactivo asociado, cunha app con toda a información e un modo ‘visita guiada á expo’, unha web e varios desenvolvementos técnicos importantes, como recreacións 3D de varios dos obxectos, dos que obtuvimos unha copia detalladísima para o futuro e para a súa divulgación, e estes marabillosos vídeos cos que queremos contarvos que é para nós Galicia 100. Neles, a xente de I DO visual, dirixida por Fran X. Rodríguez, transmitiu o que nós pediamos: como en Galicia 100 os obxectos cobran vida. Neste caso, o sartego de Fernán Pérez de Andrade.

Nos vindeiros días veredes máis animacións marabillosas e a partir de hoxe no programa cultural Zigzag da Televisión de Galicia irémosvos presentando quince das pezas da nosa escolma. E nas vindeiras semanas teredes máis detalle deste proxecto no que botamos alma, ilusión e técnica para achegar a cultura e a Historia de Galicia a todos.

10 Comments

  1. susana maci
    25 / Abril/ 2016

    Excelente proyecto no os olvidéis de la emigración de esas gallegas y gallegos que forjaron esta patria y la de su nacimiento!

  2. Susob
    25 / Abril/ 2016

    Unha mostra moi ilusionante. Non agardarei moito para botarlle unha ollada. Parabéns pola iniciativa.

  3. rafael garcía cid
    25 / Abril/ 2016

    Moi ben o proxecto, máis Ourense e Lugo…¡pobres!

  4. 26 / Abril/ 2016

    Conta con que tamén vai á Coruña, Suso. Tamén conta con que vai haber (xa anunciaremos) visitas guiadas especiais os xoves. :-)

  5. Beatriz
    8 / Maio/ 2016

    Sábese mais ou menos cando se poderá ver na Coruña? Pareceme moi interesante, grazas.

  6. 8 / Maio/ 2016

    Ola, Beatriz. Na Coruña estará en outono deste ano. Fica atenta. :-)

  7. Joaquín Rubal
    12 / Maio/ 2016

    Ola Manuel,
    Teño que darche os meus parabens por duas cousas.
    Acabo de ler o voso libro “Herdeiros pola Forza”, e paréceme unha xoia de libro, que aporta moita claridade a como somos os galegos e a nosa Galicia.
    E hoxe visitei a exposición Galicia 100 e encantoume. Concordo totalmente na selección de fitos que fixeches, e abraiante como 100 obxectos ben seleccionados poden explicar a nosa complexa idiosincrasia de galegos.
    Eu son guía turístico oficial de Galicia, tan celtista coma ti, e interésame moito a claridade e a síntese dos feitos, para transmitir ben os demais a nosa fascinante terra. Seleccionaches na exposición fitos para min fundamentais, e moitas veces pouco coñecidos como: a ara de Antealtares, o colar da mamoa de Silleda, a pedra de San Pedro de Rocas, a moeda sueva, as ferramentas do paleolítico, a estela do Monte Facho, e tantos outros obxectos fundamentais da nosa historia. É dificil dicir mais de Galicia con so 100 obxectos e de xeito tan claro e avocador. Espectacular exposición que recomendo a todo o mundo.
    Moitas gracias Manuel.

  8. 14 / Maio/ 2016

    Ola, Joaquín, grazas polos teus amables comentarios. Perdoa o retraso pero pasoume unha cousa ben curiosa: como estes días a xente se comunica comigo de mil maneiras distintas (teléfono, whatsapp, correo, facebook, twitter, eu que sei…) sabía que me escribiras pero non sabía onde!

  9. 5 / Xuño/ 2016

    Ola Manuel, hoxe estiven a ver a exposición e quería facer unha precisión sobre as excepcionais pezas de xadrez de San Rosendo. No texto do catálogo din que non se mencionan na doazón fundacional do mosteiro de Celanova, pero si que se mencionan, aínda que non como pezas de xadrez, senón como redomas iraquíes. Xa que o xadrez non era coñecido no ano 950, foron consideradas como redomas. En moitos documentos medievais aparecen as pezas de xadrez nomeadas así. En canto a súa presenza en Galicia, penso que non se pode desvincular do feito de que na mesma doazón se mencionan xunto cun exemplar do Igerario de Egeria, a peregrina galaica que no século IV foi a Terra Santa.

    Parabéns pola iniciativa, e moitas grazas polo estupendo catálogo en pdf.

  10. 6 / Xuño/ 2016

    Moi interesante! Grazas pola achega!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *