De viños con Wagner

Recuperar a crianza de brancos e tintos galegos pode crear unha alta cultura do viño e incrementar a nosa reputación vitícola

Aínda que xa vos contarei en detalle, este verán andiven pola Borgoña mergullándome na súa cultura do viño. Marabíllanme eses viños borgoñóns: a súa finura, a súa elegancia, a súa acidez, a súa abraiante proximidade, na distancia, aos viños galegos, en moitas cousas. Pero había un factor que diferenciaba a oferta enolóxica galega da borgoñona. Na Borgoña, nas adegas dos vignerons e nas dos chateaux, era unha marabilla percorrer salas e salas con viño gardado e almacenado. Viño que se remontaba cinco, dez, quince anos atrás sen problema. A cata in situ dalgúns deses delicados caldos gardados en silenciosas e, ás veces, milenarias adegas, é unha auténtica experiencia enofílica, un antes e un despois na visión do viño de calquera amante desta bebida. Estou convencido de que os viños galegos responderían de marabilla ás gardas, e aquí explico por que.