Aínda que xa vos contarei en detalle, este verán andiven pola Borgoña mergullándome na súa cultura do viño. Marabíllanme eses viños borgoñóns: a súa finura, a súa elegancia, a súa acidez, a súa abraiante proximidade, na distancia, aos viños galegos, en moitas cousas. Pero había un factor que diferenciaba a oferta enolóxica galega da borgoñona. Na Borgoña, nas adegas dos vignerons e nas dos chateaux, era unha marabilla percorrer salas e salas con viño gardado e almacenado. Viño que se remontaba cinco, dez, quince anos atrás sen problema. A cata in situ dalgúns deses delicados caldos gardados en silenciosas e, ás veces, milenarias adegas, é unha auténtica experiencia enofílica, un antes e un despois na visión do viño de calquera amante desta bebida. Estou convencido de que os viños galegos responderían de marabilla ás gardas, e aquí explico por que.
En Galicia, aínda lembro a moitos adegueiros que me miraban raro cando lles comento, desde hai anos, a idea de gardar os viños, de esperalos, de deixar que falen. Sen embargo, hai toda unha mitoloxía en moitas adegas, tamén: aquela caixa de viño do 93 que ficara perdida nun almacén, e que foi catada vinte anos despois con sorpresa e emoción ante os impresionantes resultados dun godello ou dun sousón. Eses saltos ao baleiro do viño de garda son unha tradición oral recurrente entre os adegueiros e viticultores…pero ningún deles se atreve a gardar uns palés para comercializar ao cabo dun tempo, e ofrecer un viño de garda, de altísimo valor engadido e diferenciado do resto do mercado.
En Galicia, como acontece coa gastronomía, hoxe accedemos a unha visión simplista e ás veces posthistórica dos viños. Sabemos por documentos que no Ribeiro, por exemplo, o viño de garda era un produto cobizadísimo e carísimo, a xoia dos taberneiros que o adquirían desde fóra do Reino. Había unha tradición e unha memoria deste viño de garda, malia que debía ser dificilísimo mantelo estable coas tecnoloxías do momento. Eu creo que o feito de que hoxe non se comercialicen viños de garda explícase polo mesmo xeito de que se confunda a cociña galega unicamente con elaboracións á prancha ou fervidas de peixe: no fondo é unha cuestión económica, de facturar rápido e sen complicarse a vida. Menos stock, todo para fóra, e outra colleita para adiante.
Escribo isto porque nestas semanas catamos dous viños dunha das miñas adegas preferidas, Algueira, que tiña envellecendo no meu celeiro e que estou convencido, xa hoxe, que van ser dous dos mellores viños do ano. Un era un plurivarietal branco de 2007. Seis años de viño branco da Ribeira Sacra, que se di pronto. O viño amosou un pouquiño do fermoso dourado que collen os viños galegos cando se fan maduros, pero mantiña o cor pallizo que o caracterizaba. O impresionante era tanto o aroma como a cata, dunha enorme complexidade. O viño, maduro, revelaba unha personalidade chea de matices, onde a mineralidade das ladeiras de Amandi e a froita de óso madura convertíanse nun auténtico espectáculo.
Onte recunquei cunha magnum 2006 do Algueira Barrica, que pasa 12 meses en carballo. Enténdase: un mencía de sete anos. O viño precisaba respirar, pero é que en cada respiración estabamos a tomar un viño distinto. A primeira copa servida era aromas envolventes a cacao, a tofe, a froita negra, e na boca era coma un puñetazo de escuridade. Dez minutos despois, a froita vermella da mencía comezou a falar alí ao fondo, movéndose como peixes na base do río, entre complexas notas da lousa do chan e os tostados nos que a vainilla fora desaparecendo. O viño, impresionante, non tiña parangón nos tintos galegos, era un auténtico cañón.
É certo que Algueira é un grandísimo elaborador, pero alén da adega e a viticultura, está a terra e a viña. Xa teño falado dos albariños de anos, e poderiamos ver o mesmo nos viños de Valdeorras, de Monterrei. Crear viños de garda, e crear unha cultura dos viños de garda, é crear un inmenso valor para o viño: permite introducilo en moitos novos contextos, permite que o viño galego se poida expresar en toda a súa grandeza, pero tamén permite ofrecer gamas premium ás empresas que as posicionan noutro mercado e noutra cultura, diversificando ingresos.
Escollede bos viños galegos e deixádeos na adega. Esquecédevos deles. E probade dentro de cinco anos. Levaredes moitísimas sorpresas!

Abri la semana pasado una botella de Pedrouzos 2006 y la verdad es que impresionante, es un gran vino, pero con el paso del tiempo mejora.
Totalmente de acordo!
Boa verdade. Agora estaría ben identificar cales son os factores que funcionan para que un viño medre cos anos. Parece que a acidez é necesaria (pero tampouco se resolve nada con embotellar agraces), e parece que a xente respectuosa co solo ten bos resultados. Un exemplo que nos queda preto sería tamén o Soalheiro (Jamie Goode fixera unha vertical bastante interesante). Pero de momento todo isto só parece. Alguén ten máis info?
Ó ler a cabezalla da entrada, “Os viños de garda”, por asociación de ideas acordeime do millor viño que teño probado: un viño de cunca, nunha pequena taberna á entrada da Guarda. Era agosto do 78 e íbamos cara o Trega, cas mochilas ó lombo e muito calor. Pasamos pé dunha taberniña e decidimos entrar para refrescar e descansar un pouco. Pedimos viño do país e sin mais palabras o taberneiro virou as costas e dun pequeno barril que tiña tras de él servíunos duas cuncas dun viño do Rosal que mesmo parecía que tiña pulgas porque saltaban chispiñas, coma no dito: “o pan con ollos, o queixo sen ollos e o viño que salte ós ollos” . Nunca víramos tal cousa, non sendo no cava. Probámolo e parecíunos gloria bendita. Pensamos que era imposible que se pudera facer un viño millor. E dixo Marisa: “Se a este viño lle deran o mesmo tratamento que ó champán, arrasaba”. Trinta e cinco anos mais tarde, sigo convencido de que o viño do Rosal tén unhas condicións excelentes para aplicarlle o método “champañés” e producir un viño espumoso natural da mais alta calidade.
Saúdos.