El Barredo 2010: un viño para unha amizade

O outro día, no aeroporto de Nova York, merquei a Wine Spectator e unha das reportaxes estrela da máis prestixiosa revista de viños norteamericana ía dedicada a Raúl Pérez. Así de relevante é o peso internacional deste berciano inquedo que revolucionou os viños do noroeste da Península e que permitiu dar un salto cualitativo aos viños galegos, especialmente aos tintos, denostados polos propios galegos. Como moitos foráneos, Raúl foi capaz de ver en nós o potencial que nós nos negamos a ver. Merecería -e o digo sen ningunha hipérbole- algunha das medallas oficiais que concede Galicia.

Froito da súa amizade con Rodrigo Méndez, o propietario de Forxas do Salnés, e compañeiro del en moitas aventuras enolóxicas, Raúl elaborou para o seu amigo 800 botellas dun viño moi especial, El Barredo 2010. É un viño de finca, con mencía e un 15% dunha uva ben querida para os dous, pinot noir, xa que Raúl está teimudo no intento de converter o Bierzo nunha nova Borgoña de promisión. O resultado é un viño dun enorme equilibrio, de trago sedoso, cunha estrutura de acidez que augura aínda uns cantos anos de gloria para as poucas botellas desta anada que resistan a gula do bebedor. Coñecino por Iago Pazos, que nolo fixo catar a etiqueta tapada e que definín, nun primeiro relampo, como “merenzao”. Un gran viño que anda nos 20 euros.

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *