Viñerón 2013: por unha cultura da singularidade e da excelencia no viño

vinheron_2013Con enorme pracer percorrimos onte as mesas de cata do Viñerón 2013, unha nova iniciativa do Instituto Galego do Viño celebrada na Cidade da Cultura. Esta foi a segunda edición desta “quedada” vitivinícola que pon un especial alento na selección de elaboradores -galegos, portugueses, españois e franceses- que representan un magnífico fresco do panorama vitícola actual. Hai unha gran diferencia entre acudir a unha cata de viños dunha denominación de orixe a asistir ao Viñerón.

Nunha cata de viños da mesma denominación de orixe, por exemplo, atópaste numerosas marcas e adegas que compiten polo mesmo espazo e os mesmos consumidores (que teñen os mesmos gustos). Nesas catas, buscas a singularidade nunha maré de viños case clónicos, nacidos para achegarse a ese mercado do cliente medio, sexa quen sexa ese cliente. Pola contra, nunha cata coma o Viñerón a singularidade é o valor común, a expresión do territorio é unha especie de fe compartida e realmente o único que te queda como consumidor é disfrutar e deixar ver cal é, subxectivamente, o viño que mellor empata cos teus gustos máis internos. Pero a calidade media é tan grande que mesmo disfrutas daqueles viños que se sitúan por fóra dos bordes do teu arco gustativo, nos que aprecias e valoras o traballo do viticultor, aínda que non fose nunca o viño que puxeras nunha cena para dous.

Como dixen onte, é un auténtico luxo un show como este en Santiago de Compostela: unha cita da diversidade, da singularidade e dos viños modernos. Viños para educar e ampliar o gusto.

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *