O misterioso vínculo entre coches premium e churrasco en Galicia

Última actualización o 10 / Marzo/ 2011

Permitídeme este divertimento.

Coñecedes Google Trends. É o servizo estatístico de Google que te permite saber que é o que procura a xente no buscador. A utilidade permite segmentar moito os resultados, cruzando variables xeográficas non só estatais, senón provinciais e mesmo con representación das diferentes cidades. É dicir, podemos saber tendencias de datos acumulados con bastante desglose de datos, e dentro do Estado coñecer as cidades, provincias ou comunidades autónomas que máis procuran unha marca determinada.

Así que estes días pasoume algo curioso. Traballando con marcas en Google Trends, apreciei un dato colateral bastante estraño. Había un tipo de produto no que Galicia sempre figuraba como a comunidade con maior número de buscas interesadas nel, e soaba ben estraño: os coches de gama alta. Se procuras Mercedes, BMW, Audi, Jaguar, Ferrari, Porsche…Alucinante. Repito para que se entenda ben. Galicia é o territorio desde o que se rexistran máis buscas de termos de cochazos. E iso con diferencia con respecto a outras comunidades (agás en Audi, no que quedamos nun segundo posto, por debaixo de Madrid, a pouca distancia).

O curioso é que os galegos parecemos bastante menos interesados nas marcas de gama media-alta ou media. Volkswagen (posto 4º), Seat (posto 3º), Ford (4º posto), Renault (posto 3º), Citroën (aquí si 1º posto, Vigo inflúe), Toyota (posto 3º), Nissan (7º posto)…etc, etc.

O fenómeno é tan curioso e tan coherente no conxunto de datos que -non esquezamos que estamos falando dun conxunto de datos masivos, cruzados a partir do acumulado de todos os anos de funcionamento de Google Trends- non podemos menos que pensar nun insólito e curioso patrón cultural que nin se me pasaría pola cabeza. Máxime cando seguimos a ser unha das comunidades con menor número de usuarios conectados a Internet e cun PIB bastante baixo, que tampouco, en teoría, dá lugar a moitas alegrías excedentes. Aínda así, somos unha potensia en buscas sobre coches de máis de 30.000 euros.

E permítanme que me divirta algo máis. Cando comecei a cruzar estes datos veume á memoria unha impresión totalmente subxectiva, pero non por iso menos real, que tiven hai pouco. Foramos a xantar á Churrascaría El Gaucho, en Silleda -pero podería ser calquera outra do país- e decateime da cantidade de BMWs, Audis e Mercedes aparcados no aparcadoiro. Inevitablemente comparei os aparcadoiros de boa parte dos grandes restaurantes estrelados e de vangarda do país que lembraba, e seguinos comparando de aí en diante: neles, a proporción de coches premium en relación ao conxunto do coches aparcados era ínfima e, desde logo, considerablemente inferior á que viamos nas churrascarías deste país. Había moi poucos. A sorte de ‘lei’ social que se podería entender da cuestión é que na medida en que en Galicia un restaurante é máis popular e barato, ten na porta coches máis caros. Ou que aos condutores de Audis, Mercedes e BMWs, o churrasco lles pirra. Ríanse de min o que queiran: cando me decatei, levaba moitos anos de comidas ás costas.

Claro que a miña reflexión vai un pouco máis alá: a este país no que os excedentes económicos das clases medias e da construción se gastaron, durante moito tempo, no cochiño guapo co que ir á churrascaría os domingos e o piso en Sanxenxo: a meta última da escala profesional para determinados sectores do país. Quen sabe se todo isto non ten algo que ver.

Por certo, que territorio do Estado español, con diferencia, busca máis a palabra Churrasco? A ver se o adiviñades. :-)

21 Comentarios

  1. Xenome
    10 / Marzo/ 2011

    Para o ultimo dato hay que contextualizar: no resto do estado espanol non se usan tanto as palabras churrasco ou churrascada, a xente fala mais de “barbacoa” ou “parrillada”

  2. iolanda
    10 / Marzo/ 2011

    E que os que nos gusta comer ben non nos quedan cartos para Jaguars ;-)
    Un carro deses non ten nada que faser o lado dun bo menú deghustasión.
    Parabéns polo blog e grazas son vostede e as fotos de Sole a minha guía de restaurantes.

  3. 10 / Marzo/ 2011

    Estou de acordo, Iolanda! :-) Moitas grazas.

  4. 10 / Marzo/ 2011

    Podes engadir á lista Lexus, Chrisler ou Maserati. É o que pasa cando se xuntan a evidente paixón polo motor co gusto polo churrasco das parrilladas nunha mesma cultura.

  5. Xosé
    10 / Marzo/ 2011

    Xa que falamos de motor en Galicia, hai que buscar a relación entre rallys e churrasco…
    Aí a liña pódese saír da gráfica!

  6. Pancho-lapatianco
    10 / Marzo/ 2011

    Noraboa. Tenche moito de estudo sociolóxico esto. E escribindo así ás presas, ten algo que noutros eidos temos matinado moitas veces, e ten que ver ca escala de valores da que nos fomos dotando nas 3-4 últimas décadas, e que se pode resumir nunha frase que moitas veces repite un familiar meu, que máis ou menos ven decir que “os cartos e a ignorancia nunca casan ben”, e do pouco que se invirten os primeiros en superar a segunda, pois non se precisa para chegar onde están. E incluso se presume delo.

  7. Pancho-lapatianco
    10 / Marzo/ 2011

    E por suposto fala moito de como facemos este pais. O dos Mercedes á porta da churrasquería pódese extender a outros moitos eidos da nosa sociedade, como a rede de autopistas e AVES, as casas sen recebar, as industrias, etc.

  8. conciencia
    10 / Marzo/ 2011

    Recoñezo que comer é un dos praceres da vida.
    Igual son eu moi rara, pero non entendo todo o que hai montado en torno á gastronomía. É parecido ó mundo da moda. No sentido de que son necesidades básicas, ás que moitas persoas do mundo non poden acceder, e dende este parte do mundo, farturenta, regocixámonos coa nosa abundancia.
    E non me refiro tanto á gula, como a facer apoloxía da riqueza, da opulencia, do exceso.
    Dame unha sensación de que es unha persoa intelixente e sensible. Non sei se nunca te paraches a pensalo ou se che dá igual, ou non o ves así, pero se o pensas, todo ese tempo que empregas a ensalzar a boa cociña no teu blog, e a comer eses manxares que mostras poderías adicalo a loitar por un mundo mellor.
    Ó fin e ó cabo pode considerarse un opio que nos fai esquecernos do importante: como podemos axudar a esas persoas que non teñen que comer? como podemos axudar a conseguir un mundo máis xusto, onde todos teñan algo que levar á boca?
    Igual e o sino da nosa sociedade, individualista, egoista, insolidaria…
    http://www.youtube.com/watch?v=IoP4pwMqqtw&feature=related

  9. 10 / Marzo/ 2011

    Conciencia, na medida en que a alimentación é por forza sempre un acto privado (un ser humano cun alimento) a gastronomía é, pola contra, un acto social, un acto compartido, e así foi desde que comezamos a xantar todos xuntos ao carón do lume hai miles de anos. Este blog ten nunha parte dos seus contidos a gastronomía. Para min, como di Daniel Innerarity, comer é “un acto político”, na medida en que nos define a nós mesmos, a nós en relación á nosa sociedade e a nós en relación ao mundo (e ao mundo en relación a nós). E eu expreso ese acto político en catro puntos básicos no que conto:

    a) A gastronomía como identidade. Mentres que a alimentación é unha necesidade básica, o procesado dos alimentos é unha manifestación cultural. Reivindico unha gastronomía pegada ao territorio e ao tempo, como unha mensaxe viva do camiño das culturas a través do tempo e, mesmo, do espazo. Reivindico a gastronomía como unha riqueza cultural, ás veces en perigo de desaparición polas dinámicas do mundo. E reivindico a acción e a memoria como solución. Aquí vai un exemplo:

    http://www.manuelgago.org/blog/index.php/2010/01/31/ao-pe-do-lar-memorias-de-cocina-unha-celebracion-da-gastronomia-galega-e-das-suas-cocinas/

    http://www.manuelgago.org/blog/index.php/2010/02/03/ao-pe-do-lar-as-cocinas-da-xente/

    E nun país no que non nos custa nada desunirnos, reivindico a gastronomía porque nos une.

    b) A gastronomía como xeito de vida. A alimentación, a pesca, o campo, a hostelería, a restauración é un sector importantísimo do PIB galego, do que viven ducias de miles de familias deste país. Algo demasiado importante como para non falar del, desde múltiples perspectivas: dándoo a coñecer, amosando o traballo, a excelencia, o esforzo e a paixón de moitísima xente ao longo de todo o mundo. Pero unha área que acolle, e isto a min interésame moito, a innovación, as ideas e as ilusións de moita xente nova que quere vivir no seu país dignamente. A min gústame retratar esas historias:

    http://www.manuelgago.org/blog/index.php/2010/05/09/iago-castrillon-por-obxectivo-a-sensatez/

    E gústanme esas historias que reflicten as novas tendencias globais, relativas a cuestións como a sustentabilidade.

    http://www.manuelgago.org/blog/index.php/2010/10/04/la-finca-de-los-cuervos-un-proxecto-para-impulsar-a-agricultura-ecoloxica-en-galicia/

    3. A gastronomía como retrato da sociedade. Como profesional do xornalismo, a miña preocupación é relatar a vida da nosa sociedade, a súa complexidade; no meu caso, a min interésame a vaga, fina e ambigua capa das mentalidades. Seguindo (moi ao lonxe) o ronsel dos grandes escritores galegos, a gastronomía váleme para describir ironicamente o mundo no que vivimos, como podes ver este post ou, eu que sei, este outro:

    http://www.manuelgago.org/blog/index.php/2009/06/18/o-medico-de-santiago/

    4. E, por suposto, como ti ben dixeches, a gastronomía é un dos praceres da vida. Un espazo para unir, compartir e disfrutar. De xeito colectivo, xenerosamente, intercambiando.

    http://www.manuelgago.org/blog/index.php/2011/02/17/operacion-lamprea-alguns-lugares-interesantes/

    Non sei se expliquei claramente a miña filosofía. Como ves, creo que a cuestión é un pouco máis complexa e amplia do que comentas. E desde logo, con bastantes máis valores positivos.

    Unha aperta.

  10. conciencia
    10 / Marzo/ 2011

    Xa sei que a cuestión é complexa e amplia. Pero eu non teño moito tempo para escribir nin este é o meu espazo como para monopolizalo. E claro que a gastronomía ten valores positivos (Sobre todo a grastronomía popular!)
    Tamén sei que alimentación e gastronomía non é o mesmo. Pensei que se entendía a que me refería. Pero estarás comigo que algo teñen que ver, non?
    E volvo dicir, non me refiro tanto á gastronomía como á apoloxía da abundancia e da riqueza.
    Acaso cres que eu non defendo os sectores produtivos galegos, ou a nosa cultura?
    Estou segura de que estarás cheo de razóns para facer o que fas, e que poderás argumentalo de marabilla, pois ó fin e ó cabo es xornalista e a palabra é a túa aliada. Pero visto dende a miña perspectiva, segues sen convencerme.
    As veces cremos ter una maneira de pensar, e de repente dámonos conta de que vivimos nunha contradicción e que nunca ata ese momento nos déramos conta, que nunca nos plantexaramos esa cuestión. Eu non creo que me deas a razón (que é a razón? quen cre ter a razón?). Pero se polo menos che fai reflexionar (a ti e ós teus lectores), doume por satisfeita. E non pretendo representar a verdade, nin me creo máis lista cós demáis. Pero é que ese tema xa o reflexionei no seu momento e levoume a este punto.
    Permíteme humildemente dicirche que se tes un pensamento digno, e defendes a igualdade e a xustiza no mundo (que me dá que si) e es sinceiro contigo mesmo, é só cuestión de tempo que chegues a ese punto. A non ser que no fondo sexas una alma burguesa (ou hamburguesa!).
    É algo parecido a: coñecemento+ ética+reflexión (+algún ingrediente segredo, como o da coca-cola)=ateísmo
    O que vexo é que fas esa apoloxía. Que escribes moi ben, e dás uns argumentos boísimos. Pero creo que son argumentos. Para convencerme a min e ós teus lectores. Non sei se a ti tamén.
    Por un lado, centras a túa argumentación na defensa da identidade galega e da economía galegas (puntos a e b) cando por outro, moitos dos teus artigos son de fóra de Galiza. Por suposto que poderás argumentar o carácter internacionalista do teu pensamento e da propia gastronomía. Pero se realmente fóras internacionalista pensarías primeiro nos pobos maltratados, pobres, esfameados, nos que o que se perde non é a súa gastronomía, senón a vida dos seus integrantes.
    O punto c:
    Falas de que como periodista che interesan “as mentalidades… para descubrir irónicamente o mundo no que vivimos”.
    E refírome a que moitas veces falas de restaurantes de certo caché, ó que non todo o mundo pode ir regularmente, ou non poode ir directamente, máis nos tempos que corren. Entón, con excepcións, falas da clase alta, ou dende logo non da clase obreira, que por outra parte é a máis numerosa. Entón, será do mundo no que vives ti.
    http://www.manuelgago.org/blog/index.php/2009/11/10/el-bulli-experimentos-na-fronteira-dos-sabores/
    Enlazando os puntos a, b e c, hoxe é o Día da Clase Obreira galega. Diso non tes nada que escribir?
    E o punto d:
    Falas de “Un espazo para unir, compartir e disfrutar. De xeito colectivo, xenerosamente, intercambiando”.
    Sí. En moitos dos restaurantes dos que falas, hai un intercambio económico. Ti comes e o rematar pagas a conta.
    O que máis graza me dá é cando falas de sustentabilidade, ecoloxía, etc. Seguro que te consideras moi ecoloxista!
    Para min a coherencia é importante. Por iso son vexetariana dende fai moitos anos. O amor ós animais levoume a iso. E sei que os vexetarianos somos incomprensibles e risibles para a maioría dos amantes da gastronomía, por todo ese mundo de sabores que nos perdemos. Pero para nós son máis importantes os dereitos dos animais. A nosa conciencia fai que non nos pareza ético o que facemos con eles, e preferimos renunciar a eses sabores antes que ter un conflito ético. Polo que se pode dicir que os vexetarianos temos un compromiso ético. Un compromiso que nos dicta a nosa conciencia.
    Non espero que compartas este punto comigo. Isto en canto ós animais domésticos.
    Pero volvendo co ecoloxismo, o de comerse animais salvaxes, paréceche moi ecolóxico?:
    http://www.foodspotting.com/places/128961-chef-rivera-restaurante-padr-n/items/165222-corzo-con-pudin-de-casta-as
    Desculpa se che cortei o rollo. Hoxe estaba reivindicativa e tomeina contigo. Recórdame cando o outro día ensineille o teléfono novo a un amigo e díxome que os de Samsung teñen grandes inversión na industria armamentística. Imaxina a miña cara!
    Apertas.

  11. Xosiño
    10 / Marzo/ 2011

    Tamén hai que ter unha cousa en conta: que moitos deses que agora teñen os Mercedes, os Audis… aparcados á porta da churrasquería, igual vos teñen chupado no pasado moito camiñar, moita bicicleta ou, aqueles con máis sorte, moita motiño baixo a chuvia pa ir traballar e agora poder ter eses coches.

    Ó mellor danllle máis valor a unha churrascada que a unha comida de pitiminí de 40.-€ por persoa; ó mellor danlle máis valor a ter un Audi ca unha boa biblioteca… Pero… que carallo! Pedíronnos a nós os cartos para mercalos?
    Fan ben!

  12. 10 / Marzo/ 2011

    Nada que obxectar aos coches que compra o persoal, Xosiño. E sen dúbida que lle dan moito máis valor ao churrasco que a outro tipo de comida. Pero non me digas que non é cachondo que sexamos os galegos os que teñamos máis interese por esas marcas! De todo o Estado!

    E, por certo, ao mellor non van a unha comida pitiminí de 40 pero seguro que lles encantan as mariscadas de 70… ;-)

  13. MIguel
    10 / Marzo/ 2011

    Estaría boa que non puidésemos gastalos cartos no que nos dese a gana; que coche de alta gama e churrasquería de carretera parece unha contradictio in terminis,de eso nada, materialismo dialéctico puro y duro, ou non?.

  14. 10 / Marzo/ 2011

    Hahahaha! Non sei se máis materialismo ou máis duro. :-)

    Como dicía no post, a min esta historia encáixame perfectamente na idiosincrasia do país que, por certo, ten unha relación moi curiosa cos coches caros, máis alá da anécdota dos jaguars circulando polas pistas de Avión. Hai tempo o antigo propietario do concesionario de Porsche (Vigo) falaba de que en Galicia se mercaban bastantes coches desa marca. “¿E por que non se ven pola rúa?”. “Ben, a xente os merca para telos no garaxe”, dicía el.

    Obviamente, nese caso a relación é moi distinta que con estes coches Mercedes, BMW ou Audi. Son públicos diferentes e, posiblemente, con mentalidades diferentes. Os ricos ricos en Galicia non se ven.

  15. Xosiño
    10 / Marzo/ 2011

    Dígoche que, precisamente, é por iso polo que saen eses resultados para Galicia: porque aquí houbo quen tivo que sudar moito poderse permitir mercar un coche deses. (Aparte de que ós galegos gústanos o bo!) Outros gañaron cartos máis facilmente, coma en todos lado, vamos!

    O que non me parece correcto, nestes casos, é que se fagan comentarios coma o de Pancho, que meten no mesmo saco ter cartos, un coche caro, comer nunha churrasquería e ser un ignorante. Pois si, ó mellor xente dese tipo é unha ignorante, pero tamén uns linces para os negocios. Vaite tí a saber.

    Por que xulgamos, por exemplo, á figura do contratista (que seguro todos temos en mente), co seu Mercedes de 50 mil euros á porta da churrasquería, e non ó médico, avogado, editor… que vai no seu Porsche a cear ó restaurante máis caro e “chic” de Madrid? Por que o primeiro ten que ser necesariamente un ignorante e o segundo o “summum do glamour”? Hai algunha diferencia entre eles? Hai vairas varas de medir para isto?

    Por que non criticamos do mesmo xeito ás “mamás-pititas” que van buscar ós nenos ó cole en calquera cidade galega no seu BMW X5, Porsche Cayenne, VW Touareg…?
    A ver se van ser elas as que fan subir as estadísticas de buscas, e non os das churrasquerías…

  16. 10 / Marzo/ 2011

    Aí, aí, debate…:-)

    Ao que coñezo, non creo que Pancho considere o summum do glamour aos do Touareg, Xosiño. E non falamos de Madrid, que falamos de Galicia, cunhas estatísticas indicativas, tan coherentes que sorprenden, con independencia da marxe de erro que poidan ter ou non…

    Hai que ter en conta tamén un detalle: son buscas, non consecucións. É dicir, de algún xeito, reflicten o “desexo”, pero non a compra. Habería que tirar doutros datos para ver se efectivamente, o parque de automóbiles galego ten máis gama alta porcentualmente que os do resto das comunidades e o desexo se transforma en realidade.

    O que si non me poderás negar é que unha das máximas aspiracións vitais para moita xente é pillarse un cochiño deses, e meter aí os cartiños. Cadaquén que os meta onde os queira, pero non deixa de ser, que queres que che diga, sintomático. É o paradigma clásico de que facer cos excedentes: investilos en galas ou investilos en negocios/cuestións produtivas/formación/I+D/activos…

    Por desgracia, creo que en Galicia pecamos máis do primeiro que do segundo, non? E aí está a crítica de Pancho (e a que eu podo facer), non tanto a que compras, senón a como define a nosa economía e, en certo xeito, a sociedade.

    E que cada un merque o que lle pete, faltaría máis. Hai que entender as decisións particulares, pero tamén considerar as consecuencias colectivas. Pensar algo máis alá e ver que podería revelar. Tamén todo emigrante que volveu de Suíza tiña a angueira de facer un edificio infame de seis plantas en primeira liña de praia, que para el era o colmo do éxito do seu traballo. Hai que entendelo individualmente, pero saber que en conxunto foi nefasto. E isto é unha reflexión aberta.

  17. Pancho-lapatianco
    11 / Marzo/ 2011

    Manda carallo. A cola que está a traer este post tan “inocente” a primeira vista.
    Xosiño. Non confundo para nada o de ter “cochazos” ca ignorancia. Porque hai casos e casos, concordo. Coñezo no meu entorno médicos pailáns e enxeñeiros túzaros que non entenden porqué nunha concentración parcelaria débe respetarse, e non desfacer, un camiño tradicional centenario (“co prácticas que che son as liñas rectas, home”). E sí, teñen cochazos. E pola contra familiares sen moitos estudos con bastantes de cartos, vencellados ó mar, pero con todavía máis sentidiño e un alto grao de respecto ó entorno que os levan a pular por crear reservas mariñas en certa ría do norte de Galicia. E tamén teñen bos coches. Tamén Gago ten un bon vehículo e non o considero un ignorante. No meu caso, en vez de por un turismo, optei por unha pequena furgoneta, igual de cómoda pero máis práctica, ó meu entender, o cal nin moito menos quere decir que sexa mellor nin maís listo.
    O que para min é significativo do vencello (imaxinario, ou non) entre “cochasos” e as churrasquerías, é o mesmo que pode haber entre a cantidade de “polígonos” industriais valeiros e sen dotacións (algúns non teñen nin alcantarillado, nin luz, nin conexión telefónica) e a cantidade real de industrias e negocios. Industrias (naves) que por outra parte, logo se permiten levantar en calquera leira ou terriña que ten o empresario, co impacto que esto ten sobre o territorio e o resto de implicacións como a dispersión, etc.. E un caso recente e sangrante é o de Vimianso (así con s), cun destes polígonos (novo do trinque e baleiro por suposto) a escasos metros do sonado castelo desta vila. Había outros tres emprezamentos mellores e con menos impacto, incluso máis baratos. Pero este “víase” máis, claro. E seguro que ti tamén podes dar outros exemplos semellantes.
    Ou, como ben dis, as nais-pititas que vexo a cotío, por ter a vinte metros de casa unha escola de preescolar.
    Non falamos tanto de en qué se gasta a xente os seus cartos, se non do reflexo que eso significa de cómo construimos a nosa sociedade. Porque todos sumamos.
    Saúdos.

  18. Tito
    11 / Marzo/ 2011

    Por curiosidad metín no Google Trends este do carallo unha ducia larga de comidas, desde os percebes ata a tortilla ou a cerveza, e “La Coruna” aparece sempre entre as tres primeiras cidades, por riba as mais das veces de Madrid e Barcelona. Non sei eu si será moi fiable esto.

  19. karl
    27 / Maio/ 2013

    Paréceme ruín a crítica da cultura gastronómica enlazándoo cos problemas de fame no mundo. Os problemas da fame non teñen que ver con xantar nun restaurante en Galicia. É unha critica maniquea que vexo en moitos temas. Ou sexa como hai fame no mundo nin se deberían empregar o tempo nin os recursos en nada, máis que resolver o tema da fame. Débese axudar a cada sociedade para atopar os seus propios recursos para resolver os seus problemas, pero de aí a facernos un harakiri existencial hai un bo trecho. En definitiva paréceme particularmente insultante e fóra de lugar. Hai moitos inmigrantes que traballan en restaurantes e no sector da pesca, enviando divisas ao seu país e axudando á mellora socioeconómica (supoño que eles son tamén insolidarios en vez de traballar atendendo nenos con fame na súa terra en vez de comprar televisores e móbiles). Non só me parece unha crítica fóra da realidade, senón especialmente insidiosa e contraproducente

  20. karl
    27 / Maio/ 2013

    Por certo comerse animais salvaxes e domésticos é o máis ecolóxico que hai: as vacas, xatos, cabritos, perdices axudan a manter un ecosistema máis vivo. A morte é esencial para a vida (non a crueldade). Quen non coma carne pois que non coma, pero que non manipule o termo ecoloxico

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *