Operación Lamprea: algúns lugares interesantes

Estamos xa na tempada de lamprea e a rede ferve con gourmets que procuran lugares nos que ir cumprir o ritual anual de saudar ao noso telúrico bichaco dos ríos: a lamprea. Eu xa me estreei onte e desde logo non será a última da tempada. Escoller onde ir comer lamprea é moi importante: coñezo a moita xente que lle colleu manía por ir comela a sitios (ás veces famosos) onde a elaboran mal e a lamprea, se se elabora mal, é como se tiveras toda a tarde un dinosauro no bandullo. Hai que escoller ben os lugares.

Creo que probei case todos os restaurantes de sona onde se cociña lamprea, pero seguro que me quedan aínda uns cantos por probar. Dos que coñezo, as lampreas que máis me gustan son destes locais:

Santiago de Compostela

Mesón de San Lázaro. Santiago de Compostela. Probeina onte á bordalesa, en excelente compañía, precedida dunhas zamburiñas á prancha e rematada cunhas cañas de crema caseiras, café e chupitos. Cunha botella de Finca Resalso, 33 euros por cabeza. Relación calidade / prezo: excelente.

Restaurante Acio. Lamprea á royal. A lamprea tratada coa idea dunha elaboración clásica de caza, picada e reconstruída para o comensal. Iago Castrillón realiza un plato de gran nivel.

Casa Marcelo. Durante a tempada, Marcelo ofrece opcional no seu menú degustación unha lamprea con porro (ollo, con porro de horta), que está fantástica e é outro xeito para degustar este curioso peixe apreciando todo o seu sabor.

Padrón/Rois/Pontecesures

Ao redor do Ulla atopamos algunhas das mellores casas para probar a lamprea.

-Casa Ramallo (Rois). Quen me coñece sabe a miña querencia por este templo da alta cociña tradicional (si, hai esa idea) de Galicia. Probámola en tempos case tardíos con Luis, un amigo da Rioxa, que vivía a súa primeira vez. Encantoulle e nós ficamos felices: unha gran elaboración bordelesa. Non lembro o prezo pero estaba ben (non chegabamos aos 30 por cabeza, creo lembrar). Outra vez probei un guiso de lamprea con chícharos que era cousa fina.

Chef Rivera (Padrón). O chef Rivera e o seu fillo Alejandro atrévense todos os anos a facer un menú de lamprea do que xa temos falado en Capítulo Cero, con pratos de gran acerto e outros un pouco máis regulares. Por encargo, o chef tamén recupera o seu famoso timbal de lamprea, unha medievalada que nunca probei pero da que non tardarei. O menú anda sobre os 50 e algo máis bebidas.

Restaurante Olivo (Pontecesures). O chef Luís Baleirón retornou de Suíza para poñer en práctica á entrada de Pontecesures unha cociña de carácter ilustrado. Hai uns anos probei alí a primeira lamprea collida ese ano no Ulla. Xa saben que as lampreas teñen un ciclo, e agora, a partir da semana que vén, e durante tres ou catro, están no seu prime time, no seu mellor momento. Pois esta superou esa primeira proba de esixencia grazas á mestría do cociñeiro, que a preparou suavísima nunha elaboración ao albariño. Memorable.

Arbo

O Mesón da Rula ofrece elaboracións á bordelesa e a outra elaboración antes tan característica en toda a Galicia lampreeira pero que hoxe fica só en Arbo: a lamprea curada e rechea. Hai comedores de lamprea ás que non lle gusta curada e afumada porque afirman que son os peores exemplares os que sufren este proceso de momificación. A min paréceme moi ben, pero o fiambre sempre se fixo coas sobras. A lamprea rechea a min encántame. Un momento sibarita total é encargarlle á señora Rula unha lamprea curada para levar convosco de volta para a casa. Non é barata pero vas disfrutar de lamprea toda a semana seguinte na túa casa.

25 Comments

  1. 17 / Febreiro/ 2011

    Se coñeces sitios onde se faga ben, anímote a comentalos tamén aquí. A ver se entre todos facemos un bo Mapa Lampreeiro de Galicia para desfrutala mellor este ano!

  2. Anxo F. Saborido
    17 / Febreiro/ 2011

    Eu recomendaría en Arbo “O mesón da lamprea”, concretamente na parroquia de Cabeiras, xunto á Igrexa. É un sitio moi concurrido nestas datas na que o ritual comeza na adega, cun bo branco da casa e xamón, xunto aos viveiros das lampreas. Subimos ao comedor onde degustamos a empanada de lamprea, a lamprea rechea e afumada, para pasar á especialidade da casa, á bordalesa. Logo contiunaríamos co cabrito ao forno e remataríamos, esta parte é imprescindible, co variado de postres, café e chupitos!! Un manxar cunhas vistas fantásticas! É a miña recomendación.

  3. Luis A.
    17 / Febreiro/ 2011

    ¡Ay, Manuel! Sólo por un descubrimiento así habría merecido la pena aquel viaje. ¡Cuántas veces lo habré recomendado desde entonces! Y efectivamente, creo recordar que fueron 27 o 28 euros (con todo: empanada, lamprea, filloas, vino…), porque nos dio para retomar el eterno debate entre precio y valor, comparándolo con la cena del día anterior.

    Un abrazo, ¡y enhorabuena por el doctorado!

  4. arume dos piñeiros
    18 / Febreiro/ 2011

    Casa Emilio, Catoira. Inigualable. Á bordalesa. A Oca de Vigo tamén a fai esquisita, cando a pon ocasionalmente no menú.

  5. arume dos piñeiros
    18 / Febreiro/ 2011

    Agora recordo en Casa Pepe, Valga, Pontecesures. Tradicional tradicional.

  6. 18 / Febreiro/ 2011

    Non probei a da Oca, Arume! Teño que atopar unha oportunidade para ir a ese restaurante, pero como pecha as fins de semana sempre me colle mal…

  7. arume dos piñeiros
    18 / Febreiro/ 2011

    Os venres á noite está aberto. E creo que se consegues unhas oito persoas mínimo, aínda podes cear os sábados en grupo. Pero non estou seguro. Podo mirar.
    Vou dicir: unha lamprea algo máis melosa do habitual. Non en van bordan os chocos da ría.

  8. turismodepontevedra
    18 / Febreiro/ 2011

    O Frenazo en as Neves (con permiso dos restaurantes de Arbo). Para mostra esta entrada de Alfredo de música y vino sobre o frenazo.

    http://musicayvino.com/?q=node%2F2186

  9. Alfredo
    18 / Febreiro/ 2011

    Coñezo a lamprea de todos os sitios mencionados, a excepción da do Mesón de San Lázaro e a da Oca, e concordo coas opinións pero sorpréndeme que non teña aparecido logo de oito comentarios Casa Calviño en As Neves, para min referencia indiscutible á hora de falar de lamprea.

    A ver se temos a oportunidade de volver a coincidir nun xantar e que mellor excusa que cunha lamprea por diante, eh Gago?

  10. 18 / Febreiro/ 2011

    Nunca lle fun á Casa Calviño, Alfredo. Si, é imperdoable. Grazas pola referencia!

  11. Brigantium
    18 / Febreiro/ 2011

    Eu coñezo dous sitios en Arbo, O Mesón da Lamprea en Cabeiras (fun coma tres veces) e Os Pirús, moi preto da beira do Miño e dos pescos de onde sacan os bechos. Neste último fan unha lamprea rechea pa flipar e a bordalesa e impresionante. A lamprea é de por sí un prato forte e de dixestión digamos que lenta, pero eiquí fana ata case dixestiva. En Cabeiras teñen demasiada xente e eso as veces empeora un pouco o producto (un oriundo dalí me dixo que non volvera porque a última que lle trouxeran mais ca unha lamprea era unha miñoca grande). Téñoa probado na casa tamén afumada e á brasa cun puoco de touciño e no outono pasado probeina afumada nunha fideua, avantaxes de ter amigos de arbo con pescos propios. Como podes ver non me gusta nada de nada ;) .

  12. Anxo
    19 / Febreiro/ 2011

    Na parroquia da Devesa en Valga, faise unha boa lamprea á borelesa en algunha taberna.

  13. 19 / Febreiro/ 2011

    A miña única experiencia foi en Casa Emilio (Catoira), que xa comenta antes “arume dos piñeiros”. Pareceume exquisita de sabor e textura, suave, pero o certo e que o aspecto é un puco desagradable!!

  14. 19 / Febreiro/ 2011

    Moi boa pinta os lugares que me comentades, señores. Anxo, non poderías precisar máis a taberna (se non sabes o nome non pasa nada, pero darnos algunha indicación de localización) da parroquia da Devesa?

  15. Anxo
    19 / Febreiro/ 2011

    Manuel, O nome das tabernas non o lembro porque xa hai tempo que no vou por alí pero douche as coordenadas según aparecen en Googale Eaarth:

    42º 42′ 51,49″
    8º 39′ 42,72″

  16. 19 / Febreiro/ 2011

    Iso si que é precisión! ;-)

    Moitas grazas.

  17. 20 / Febreiro/ 2011

    Eu espero sempre a marzo pra catala. Penso que e conveniente que derrita a grasa que leva no lombo que acostumbra amargar. Por eso non lle ven mal que faga abstinencia uns días no pilón. Xa o decía o noso Alvaro Cunqueiro: hasta abril para mín, as de maio pro criado e as de San Xoan pro can”
    Comín lamprea en varios sitios de Galiza e non sabería aconsellar. Donde me parece que millor me soupo, foi nun garito de Portugal, preto de Arbó, que non sei o nome. Tamén axudou o viño da casa un merenzao caralludo.

  18. 20 / Febreiro/ 2011

    Que bo, cun merenzao! Temos descoidadas as lampreas na banda portuguesa. Haberá que facer unha expedición para ver como resolven o cociñado deste esvaradizo animal. :-)

  19. 21 / Febreiro/ 2011

    Eu tamén me sorprendín. De onde sacaría o raio do portugués o bastardo. Seica fai cen litros pro seu consumo, aunque coido que non soio era bastardo, porque a cor era ben roxa. O merenzao 100 non da unha cor de roxo tan comunista. Pero o viño era dinísimo.
    Estamos a mesma xente a preparar outra comida, intentaréi sonsacar mais detalles.

  20. KALVIN
    28 / Febreiro/ 2011

    DONDE ESTAN AS REFERENCIAS DE LAMPREA SOBRE AS NEVES? A NOSA VILA TEN TANTO ARRAIGO COMA ARBO NA ELABORACION DA LAMPREA. TANTO RESTAURANTE O FRENAZO COMA RESTAURANTE CALVIÑO SON REFERENTES PRIVILEXIADOS EN TODA A PROVINCIA, RESTAURANTES DE PRIMEIRA ORDE QUE SABEN ADAPTARSE AOS NOVOS TEMPOS E DE INDISCUTIBLE CALIDADE

  21. PEDRO
    22 / Marzo/ 2011

    Para mi gusto, la mejor en Casa Jose (Valga)

  22. 22 / Marzo/ 2011

    Vimos uns amigos mais eu (http://nuncaestardesilachicallega.blogspot.com)
    de probar a lamprea do Ulla e teño que atestiguar que non se pode comparar na sua preparación o bicho do Miño.
    Adoutan cociñala demais, e perde esa tersura de carne que presenta nas Neves ou en Arbó.
    Todo o demais delicioso en Restaurante Ramallo de Rois, Padrón.
    Dende os berberechos (XXL) ata os postres caseiros pasando polo salpicón.

  23. javier
    9 / Abril/ 2011

    En esta tempada de ese bicho tan curioso e sabroso que e a lamprea, decanteime por probala en Casa Emilio (catoira), Casa Calviño (as neves) e Casa mezquita (arbo). Todas estaban boisimas pero chamoume a atencion a de Casa Mezquita por estar feito o arroz na mesma sangue da lamprea e cun toque de albariño que facia o prato delicioso, ademais tiñan unha empanada de lamprea excelente e para rematar convidaronnos a unhas orellas de tamaño e forma casi de persoa realmente boas. Lastima do licor cafe que nos serviron co cafe, porque foi o peor que tomei nos ultimos anos

  24. manoel
    15 / Novembro/ 2012

    Eu,van alá xa moitos anos,coñecin na Devesa en Valga, un bar onde a señora Carmen facía unhas lampreas de collon de mico.O bar chamabase “A cacharela”

  25. Ghallegho
    8 / Febreiro/ 2013

    Eu probeino en arbo no restaurante os pirús ata agora a miña única vez hei decir que estaba caralluda e quedamos supersatisfeitos, saíunos a uns 45 € por persoa pero realmente valeu a pena

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará