¿Guías Michelín?¿Guías Repsol, Gourmetour? Déixense de historias. Lanzo aquí unha proposta pública para establecer o definitivo e fiable ranking de restaurantes deste país.
Propoño a Guía Branca de Restaurantes Galegos.
Unha publicación anual definitiva de restaurantes de Galicia editada polo Consello Galego de Colexios Médicos. E non, non estou tolo. Voume explicar.
Hai moitos, moitos anos -eu debía ser moi pequeno, porque lembro que os meus ollos chegaban xusto ata a táboa da mesa-, fumos recoller ao meu pai ao aeroporto e paramos a xantar no camiño, nun restaurante de sona nas aforas de Compostela que aínda existe na estrada a Padrón, o Cierto Blanco. Tiña sona de ser un lugar fino. Un sitio importante. Mentres comiamos, un señor moi alto con pinta de médico ou rico -as dúas cousas parecíanme iguais- saiu dun reservado e saudou aos meus pais. Era Pensado, o meu otorrino.
-A este sitio -corroborou meu pai, serio- veñen comer moitos médicos de Santiago.
Crin sentirlle unha admiración que de aquela non comprendín. Sería a primeira vez que escoitara esa frase, pero desde logo non a última. Ao longo de todos estes anos, indo comer a uns sitios ou a outros, sempre que preguntas por un establecemento de sona, alguén precisa: “ese restaurante é moi bo. Vanche comer alí os médicos de Santiago, si”. E esa alusión aos profesionais hipocráticos de residencia compostelana certificaba inmediatamente a calidade do lugar.
Os médicos de Santiago son os substitutos dos curas no imaxinario popular moderno de Galicia. Especialistas con consulta pública e privada -na rúa da Senra, en Montero Ríos, Alfredo Brañas ou no Hórreo-, con capacidade anímica para ventilarse bós cocidos, años ao espeto, mariscadas para acabar cunha ría enteira a golpe de mércores. O médico non ten complexos nin prexuízos, con tal de que ao plato chegue o mellor: o restaurante pode ser caro -montaxe clásico de sala, especialidade en mariscos, camareiro cincuentón de chaleque sesentón e peinado anasagasti- ou barato -figón costumista de gran produto-. Todo lle interesa. Aí se explican as curiosas existencias de Reservas de Rioja ou Ribera del Duero por riba dos 60 euros en moitos locais que non aparentarían ter clientes tan enópatas. A lenda -e esas botellas de reserva, sen dúbida- aliméntase, se cadra, a base das voluntaristas tarxetas de empresa dos visitadores médicos -sempre as primeiras en disparar-, ás veces polas dos propios doutores e, fundamental, a partir de congresos -os médicos continúan a liderar o ranking de congresos internacionais da cidade.
O caso é que no negocio da restauración non se é nada se non se conta coa graza da visita médica compostelá. E iso é así porque o éxito, o que se di o éxito individual e social exhíbese, no noso país, en dous costumes de base gastronómica: o número de boas casas de xantar que tes de man e a calidade do produto co que te agasalla o teu dealer furtivo de marisco e peixe en veda. O médico é un triunfador do primero dos costumes (e supoño que moitas veces tamén do segundo), é o campión visíbel, xunto cos notarios, nunha cidade de profesores, funcionarios e teatreiros, ergo sabe comer. Un médico é fiábel. Vai a un restaurante cando xa ten ido a outros moitos. E xa sei que non todo é así, por suposto, cápteseme a ironía de todo o texto. Aquí referímonos ao star-system de gastrodoutores, xa me entendedes: aos do despacho con cruceiro e hórreo de prata.
Se eu fora o doutor Luis Campos, presidente do Consello Galego de Colexios Médicos, montaría de inmediato unha sección editorial para editar a Guía Branca de Restaurantes Galegos. Sería un xeito de institucionalizar unha práctica popular. Vestiría aos inspectores da guía de rigorosa bata branca (nada de anonimato, non se pode ser médico e anónimo ao mesmo tempo), buscaría o apoio loxístico e financeiro dun par de compañías farmacéuticas e regalaría un fonendoscopio enmarcado aos restaurantes que saíran publicados. Cada vez que a xente nos repetira: “alí vanche moito médicos de Santiago”, soaría un cling cling! de propaganda de balde. Tío, coa Guía Branca podes saber todos os restaurantes aos que van os médicos compostelanos. Pagarás pero nunca quedarás mal. E nos anexos da Guía incluiría un apéndice de receitas médicas, escritas con caligrafía ilexíbel sobre papel de calco, que ofreceran remedios gastronómicos contra as enfermidades do ánimo. A fideuá da Casa dos Martínez para anestesiarse contra a morriña. O chuletón do Almacén para erguer un espírito abaixado. As vieiras con arroz do Don Gaiferos para volver dunha separación abrupta. Arrincarías a receita e a entregarías no restaurante. E a compañía farmacéutica financiaría unha gran parte do custe do prato.
P.S.: Curiosamente, outras profesións tamén de vello avolengo e tradición no país non gozan de credibilidade gastronómica no imaxinario popular. Os avogados. ¿E logo os avogados comerán…?

manolo, discrepo; eu teño escoitados case sempre “este é moi bo, vanche médicos e avogados de santiago” sen distincion. Hai tempo que os curas caeron do top-ten do star system, a única excepción foi hai un ano cando un jicho me quería colar un filtro de auga para a billa dicindo que xa o colocaran moitos curas, médicos e políticos.
espectacular post, don m.gago
De todas formas, Abrahan García cuando da algunas recetas dice, para cuatro personas o dos y un cura
¡A min gustanme mais equeles albergues-papadoiros, que estaban cheos de camions a porta nas horas de comer, nas vellas “carreteras”!
Alí todo quisque pagaba o seu, salvo ó que se escaqueba sen facelo.
Apertas.
Os abogados non comen, saben esperar a fame..:-)
Enópatas. Bo palabro.
Simplemente suscribo o post de D. enriquecastillo. Magnífico post Sr. Gago.
Debería prodigarse máis con estas finas ironías que nos axudan a sacudirnos de tanta tontería.
Mallado…. saiuche mallado…..
Eres de moita finuuuuraaaaaaaa!!!.
Sempre que paso por aquí saco algo en limpo.
Outro día escribe algo do marisco que teñen papado os Doctores a conta da xente do Barbanza.
Tela Manuel.
Si, Cubeliños, moito bo marisco teñen papado…
…e tamén moito ben teñen feito (ás veces ben cobrado e outras, hai que ser xusto, non).
Un comerciante de viños me comentaba que os viños máis caros sempre llos compraban pacientes agradecidos para doutores acertados. Saír dunha enfermidade sempre é un proceso que provoca esas estremas. Compréndoo.
… de Xustiza é decilo… moitísimo ben teñen feito…
Ben o sei!!!! Todo che parece pouco…¿ que prezo ten a saúde?
………..