De viños con Wagner


O pazo de Fondevila, en Cabanelas, residencia de Anselmo Arias Teixeiro

Con frecuencia a políticos, adegueiros e axentes turísticos énchense a boca falando da historia do viño do Ribeiro. Pero non deixa de ser curioso que aínda falte un gran estudo histórico sobre a viticultura da comarca. Hai datos parciais, artigos, ciscados. A consecuencia é que a xente mírame raro cando afirmo que o Ribeiro posiblemente conserve máis adegas medievais e renacentistas que a Borgoña, e que foi berce dunha cultura do viño moi sofisticada a nivel europeo. E adoito dicilo porque a pouco que se rañe, os documentos están aí.

Hoxe, grazas a un comentario de Ouh! neste post, puiden ler un deses exemplos. Trátase dun documento elaborado a mediados do XVIII polo Anselmo Arias Teixeiro, señor do pazo do FondodeVila, en Cabanelas, unha marabillosa aldea no corazón dos viñedos de calidade do Ribeiro. Coñecín a Cabanelas nesta visita e posteriormente, descubrín na aldea outro segredo alí gardado. E teño pendente unha terceira visita para ver unha terceira cousa marabillosa custodiada nun pazo e da que saberedes no seu momento.

Este documento era como prender unha vela no tempo e alumear a cultura do viño no Ribeiro en pleno século XVIII.