La Mar: a aposta polo caíño branco de Terras Gauda

Probei estes días La Mar 2010, unha aposta arriscada de Terras Gauda, para recuperar na subzona do Rosal un branco feito principalmente a partir de caíño branco. Esta variedade, moi pouco produtiva en relación a outras coma o propio albariño, demostra que moitas veces os criterios de selección das variedades por parte das adegas non teñen que ver tanto co potencial do viño como por outros factores. La Mar é un gran branco: amosa un perfil de branco galego máis sobrio que o albariño, non tan intenso como a treixadura, pero dunha gran untuosidade e golosidade. É dicir, é un viño elegante, atento e seductor, cunha fermosa cor dourada que lembra á dos albariños con dous ou tres anos de repouso. Terras Gauda está a producir pola súa conta a maior parte do caíño branco recuperado. O prezo, máis de vinte euros: non é barato, pero págase a exclusividade da uva e a súa baixa produción, aínda que se cadra a cata despois non responda á factura. Mágoa tamén de que a marca non sexa tan galega como pretende ser a variedade do viño.

4 Comments

  1. 4 / Decembro/ 2012

    Vender un viño do Rosal en castelán é coma vender un borgoña en alemán.

  2. xos
    4 / Decembro/ 2012

    É moi decepcionante o do castelán en Terras Gaudas. Xa pode estar bo, que eu non o penso mercar.

  3. 4 / Decembro/ 2012

    Hai que dicir que a etiquetaxe da botella que eu probei (mercada en tenda) estaba en galego. Por iso se me fai máis raro que colleran ese nome cando hai moitos xeitos de solucionar ese asunto.

  4. xos
    5 / Decembro/ 2012

    Se a etiqueta está en galego, pois entón é outra cousa. Pero a verdade é que anda que poderían ter buscado un nome que valera perfectamente en galego e castelán, xa postos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *