A sofisticación do viño no Ribeiro no XVIII


O pazo de Fondevila, en Cabanelas, residencia de Anselmo Arias Teixeiro

Con frecuencia a políticos, adegueiros e axentes turísticos énchense a boca falando da historia do viño do Ribeiro. Pero non deixa de ser curioso que aínda falte un gran estudo histórico sobre a viticultura da comarca. Hai datos parciais, artigos, ciscados. A consecuencia é que a xente mírame raro cando afirmo que o Ribeiro posiblemente conserve máis adegas medievais e renacentistas que a Borgoña, e que foi berce dunha cultura do viño moi sofisticada a nivel europeo. E adoito dicilo porque a pouco que se rañe, os documentos están aí.

Hoxe, grazas a un comentario de Ouh! neste post, puiden ler un deses exemplos. Trátase dun documento elaborado a mediados do XVIII polo Anselmo Arias Teixeiro, señor do pazo do FondodeVila, en Cabanelas, unha marabillosa aldea no corazón dos viñedos de calidade do Ribeiro. Coñecín a Cabanelas nesta visita e posteriormente, descubrín na aldea outro segredo alí gardado. E teño pendente unha terceira visita para ver unha terceira cousa marabillosa custodiada nun pazo e da que saberedes no seu momento.

Este documento era como prender unha vela no tempo e alumear a cultura do viño no Ribeiro en pleno século XVIII.

O texto está tirado da tese de doutoramento “Antonio y Anselmo Arias Teixeiro. Dos lulistas gallegos en el siglo de la Ilustración” (ver en PDF) de Miguel Álvarez Soaje, e investiga os escritos que se conservan destes dous entusiastas lulistas, alquimistas do século, e os seus sorprendentes escritos sobre metais, imáns, etc.

O texto ao que me refiro é un manuscrito no que Anselmo Arias detalla as súas tribulacións na xestión dos viñedos familiares, ao redor da gran preocupación do momento: evitar a corrupción do viño nas adegas. É polo tanto un tratado máis de enoloxía que de viticultura, pero dá tantos datos e tan distintos que nos revela un Ribeiro vinícola complexo, sofisticiado e internacionalizado. Esta cita é absolutamente gráfica nese sentido:

Supuesto que no en invierno, en verano sí se corrompe el vino y con más facilidad en las riberas que en las montañas, aunque también en las montañas de Lugo, Mellid y Londres se corrompe.

No Ribeiro do señor do Pazo de Fondevila, os distintos nobres, frades e cregos da zona intercambian coñecementos e técnicas para impedir a perda de produción, gardando a memoria das anadas, da súa climatoloxía e os remedios que empregaron. Abades e fidalgas como Dona Margarita cooperan aparentemente no concurso da innovación, intercambiando coñecemento sobre fenómenos, como a fermentación, que non acaban de comprender. Neste Ribeiro está o viño do ano, ao que chamaban Viño de Gasto, pero tamén o Viño de Garda, viño que se gardaba nas barricas de carballo que agora varios viticultores están tentando recuperar en Galicia. Estaban aí e non o sabiamos…

A Anselmo Arias preocupábanlle dúas cousas para a preservación do viño: o frío e o ruído. En canto as temperaturas, resistían mellor as adegas mellor situadas en Cabanelas, no alto da vila, que eran as que ofrecían o mellor viño. Ese era o caso, por exemplo, dos monxes de Sobrado, que alí a tiñan. Falaba de tratados de ecoloxía franceses (Ecoloxía, ciencia dos Ecos, ollo), e de como este eco e ruído podía afectar ao viño. O gran problema neste sentido eran os trebóns do verán, cos seus tronos que tiñan a capacidade de corromper o mellor tinto. Hai unha cita magnífica:

Dijo el Maestro Pablo, que estando él mismo en la feria de Carballino vendiendo una pipa de tinto suyo, bueno y sano, estando la pipa mediada, por la tarde se vinieron unos truenos con lluvia y, habiéndole puesto por esta causa bomba a la pipa, a poco rato y allí mismo encima de el carro, brincó fuertemente a lo alto dicha bomba y el vino incluso que restaba por vender, principió con increíble pujanza a dar pulos y a hervir, de manera que se corrompió para siempre jamás. Lo mismo dijo él mismo, había sucedido en la feria misma a otro y me parece, dijo a Mathías de Loureyro. En esto se ve cuan poco hay que fiar en el tinto.

Fala de como os ingleses chegaban ata o Ribeiro e tiñan os seus propios sistemas de preservación. E en canto ao frío, leva unha cita que amosa tamén a terrible mentalidade da época. As mulleres, con menstruación, eran portadoras de frío e, polo tanto, tiñan prohibido achegarse durante o periodo ás adegas nas que se preservaba o Ribeiro:

Las mujeres, ni por pensado entren en las bodegas y, principalmente, estas mozonas gordas y rollizas, las cuales despiden (como son fuertes) tanta porción menstrual que, con llegarse a una vasija, afirma la experiencia, en muy breve la malean. Esto sin pegarle a la vasija porción alguna menstrual, más que sólo el vapor. Algunos afirman que mujer hubo que, con sólo traer el vino de la taberna en las manos que llegó a casa, siendo y estando el vino bueno, el vino llegó derramado totalmente.

O resultado é unha lectura fascinante para un amante do viño. Eu, que non son viticultor nin enólogo, non lle podo tirar toda a chicha que ten. Pero aquí queda a referencia para quen estea interesado.

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *