Ata que os mares sequen camiña entre o libro de viaxes, as memorias, a reportaxe xornalística e o ensaio literario. Un libro sobre Escocia, vista e comprendida desde Galicia.
Escocia
Extraído do libro Cadernos de Escocia (en produción)
Fotos: Sole Felloza
Lembrei á miña avoa, cando me dicía: “neno, moito che ghustan as pedras, así sempre estás no monte que hai abondo delas”. Sempre me chamou a atención que a miña avoa non apreciaba demasiada diferencia entre aquelas pedras tocadas pola man da cultura, moldeadas e artificializadas, e aquelas que eran penedos, cons, ou laxes naturais. Teño que dicir que eu tampouco.(…)
Cando un canteiro de Palmeira, autor de intrigantes caras de pedra que deixaba penduradas de pereiras e maceiras, me dixo que el non facía nada artístico: simplemente executaba o que estaba dentro da pedra, fiquei sorprendido, pero non tardei en entendelo. De algún xeito as pedras nos levan onde nós non podemos: á permanencia.
Edimburgo é unha cidade basáltica que esconde no seu interior, no corazón mesmo da cidade, posiblemente no seu lugar máis protexido, unha pedra de arenisca.
