
Fotos: Sole
Pitlochry é unha fermosísima vila de Perthshire, ao sur do parque natural das Cairngorms, toda ela dedicada aos deportes de natureza pero sosegados, tranquilos, para señores maiores. A súa rúa principal é un marabilloso repertorio de tendas de utilería para cazadores e pescadores; os vellos sentan nos bancos planificando longas xornadas de pesca nos ríos. Andas por Pitlochry e danche gañas de ir saudando a todo o mundo, pola mañá, mentres vas mercar un xornal saba e lle das unhas chuchadas á cachimba. Digo que te dan gañas, pero xa o fai a xente: unha rutina tradicional de sorrisos e portas con axóuxeres que soan a bosque chinés cando se abren e se pechan para coller o pan.
Pitlochry ademáis ten un festival de teatro popular, unha versión escocesa do landismo, digamos, ou en clave galega, con señoras estilo anakiro protagonizando enredos de salón. Unha das obras de máis éxito do festival chamábase “Scandal in the Ceilidh”, que viríase traducindo, literalmente, como “Escándalo na fiada”, e no que señores maduros vestidos con xerseis de rombos, mulleres enxoiadas prospectando a apariencia futura de Pili Pampín e gaiteiros deslenguados protagonizan un elenco digno de José Luis Moreno. Iso si, o festival non recibe nin unha soa subvención e está orgulloso diso: unha placa na entrada do teatro así o conta, e coloca a todos os doadores locais que fan posible este momento de humor para maduros.
Dous vellos amigos que xuntarán uns cento cincuenta anos entre os dous están sentados nun primoroso banquiño, acubillados baixo carballos, alí onde o río Tummel baixa cuns rápidos. Ambos os dous levan monos de pescador, as súas canas esténdense sobre a auga fresca e cristalina do río e teñen abertos cadanseus xornais.
-Péscase moito aquí?
-Péscase máis que na casa, abofé -conta serenamente o máis novo, debe andar nuns setenta e ben longos.
Dáme unha risa parva ante a retrancada que me soltaron e os dous fitan para min pensando que tanta risa é excesiva, pero que ao fin e ao cabo son estranxeiro e, xa que logo, de nervio fácil.
-E o banquiño, é seu?
-Non ho. Pero aquí pídese quenda coma no médico -contesta o outro.
-Levaranlle algún salmón ás súas mulleres.
-Elas prefiren que lles levemos o retiro.
Pártome a gargalladas e fago un aceno de marchar. Un dos vellos chámame de volta:
-Oia vostede! E pódese saber a que veu a Pitlochry?
-Pasabamos por aquí e paramos. Vimos das Cairngorms.
-Pois suban río arriba un pouco que hailles unha cousa digna de ver.
-O que?
E os vellos non contestan e fanme un aceno urxíndome a que subamos. Efectivamente, non moi arriba hai unha pequena presa que embalsa a auga do Tummel. Pero a presa ten algo ao carón. Algo fermoso e bonito. Unha escada para peixe.

Resulta que é un sistema de tanques con trinta e catro piscinas durante 310 metros. Está pensada para que os peixes poidan remontar o río e seguir o seu curso natural. Hai moita troita, claro, pero o fermoso aquí é este salmón de río, este salmón sen graxa, puro músculo. O salmón de San Rosendo, os que engordaban os abades de Santo Estevo de Ribas de Sil no estanque do Claustro Pequeno, que aínda hai quen conta que lle ensinou a asubiar a un e polas mañás saudaba lizgairo ao monxe cociñeiro cun canto de maitíns. Aquí en Escocia o salmón tamén é mítico, pero aínda non ten as limitacións legais de captura que teñen os nosos.
O sistema é enxeñoso. Os peixes van remontando e cada pouco tempo, unha piscina con auga máis remansada permítelles descansar e tomar folgos. E logo veña a seguir remontando piscinas ata a saída. Un medidor automático permite saber canto peixe sube cada ano. As autoridades estiman que remontan esta escada uns 5.400 salmóns todos os anos. A escada de salmóns está chea de turistas locais: aos escoceses encántalles facer turismo de turbinas, cisternas, presas e canles.
A compañía escocesa de hidroelectricidade ten varias destas escadas para peixes: unha vez vistas, non parecen nin tanta inversión nin moito menos. Pero abraia que unha compañía teña tanto respecto por algo tan básico coma o ciclo natural dun río. Está claro que estamos malacostumados.

Home, malacostumbrados en moitas cousas si estamos, pero escaleiras para peixe aquí tamén hai unhas poucas.
Estupendo, Miguel, non o sabía! Podes dicirme dous ou tres sitios nos que haxa? Gustaríame ir velas un día. Están pagados e feitos polas hidroeléctricas, coma este?
Por certo, a quen lle interese, aquí hai un estudo da Universidade da Coruña sobre esta curiosa tecnoloxía.
https://upcommons.upc.edu/revistes/bitstream/2099/7032/1/13-2%255Carticle2.pdf
nesas “chuminadas” e onde se reflexa o nivel dun pais, aqui ainda hata non ahi moito era , non sei se o arreglaron bastante normal ver videos onde os xabalis se desfacian s patas o intertar subir polos tramos dos canales onde caian , non s ei si o de isabel II , acababan afogado despois de destrozar as patas, vianse as marcas da sangre todo polo canal porque ninguen previra ou quisera facer unhas rampas cada 500m. Non sei como son as exclusas das demais presas , a da furaqueira( vimianzo) soen ser esas do tipo rampa para miñusvalidos de 90 grados que permiten burlar a lei, non son para nada operativas pero temolas…
atopado… e de hay http://www.diariodenavarra.es/20051206/navarra/cazadores-rescatan-jabali-caido-canal-navarra-guerendiain.html?not=200512062033281014&idnot=200512062033281014&dia=20051206&seccion=navarra&seccion2=&chnl=10
http://www.diariovasco.com/pg060212/prensa/noticias/AlDia/200602/12/DVA-ALD-218.html
http://www.latribunadetalavera.es/noticia/ZC4F8D281-E2B3-E027-5C7E8BBACA3BD07E/20140906/chapuzon/jabali
nootese as fechas 1004-2005-2014 en distintos sitios eso si… e ahora unha pregunta¿ se en vez dun porco fora un home ou un neno por onde poderia subir ou agarrarse para descansar ??. en fin millor metelo no peto en comisions que gastalo en ramplas
@Miguel
Eu tamén debezo por ver as fish ladders que temos en Galicia (que fosen construidas por Fenosa xa non mo creo tanto).
No meu perfil de Facebook están poñendo escadas de peixe de todo tipo en Galicia! https://www.facebook.com/magago/posts/10152532965768089?comment_id=10152534510653089&offset=0&total_comments=21¬if_t=share_comment
Non furrula a ligazón do facebook… pero xa o estou vendo: onde hai canles de muiños ou antigos aserradeiros todo dios ve agora escadas de peixe!
A ligazón de Facebook furrula perfectamente, pero tes que ser amigo meu no Facebook para velo. É o gran problema das redes sociais, e que a xente segue sen decatarse: alí formouse un gran fío de coñecemento ao redor dun tema moi concreto, en vez de facerse neste fío de comentarios do blog, en aberto. Así que todo ese pequeno esforzo de coñecemento vai morrer alí sen que a xente o poida usar cando o precise.