Do libro Cadernos de Escocia (en proceso de produción)
Fotografías: Sole Felloza
Edimburgo abandónase rápido en coche. Tras deixar o centro atrás hai algún suburbios de casiñas baixas dun vermello pardo, antigo, case victoriano, obreiro. Aparecen as tapias de propiedades grandes rodeando a esta cidade da que non sabes canto pertence ao mar e canto ao campo. E non se tarda practicamente nada, se cadra non máis de dez minutos, en conducir por un campo feraz, de pequenas aldeas e casais, valados de pedra, grandes fincas cheas de cereal e bosquetes nos que pola noite durmen as curuxas e durante o día campan solitarios nunha paisaxe totalmente agraria.
Estamos nas Lowlands, a autenticamente remota, a realmente descoñecida paisaxe escocesa, malia estar ao carón de Edimburgo e a fronteira inglesa. Anodina coma o interior do campo francés, razonablemente fértil, de campos extensos e granxeiros relativamente prósperos, achairada, sazonada artisticamente con grandes propiedades dos séculos XVIII ou XIX. As Lowlands escocesas, as Terras Baixas, é o lugar no que as cousas aconteceron realmente no vello reino de Alba, en contraposición ás Highlands, as Terras Altas, onde se cadra as cousas foron soñadas ou inventadas. A terra da realidade contra a terra do mito.
A historia está repleta dos territorios duais, uns incomodamente físicos, outros liberadores e imaxinarios, a penas sostidos por unha presa de realidade á terra: é coma se os países precisaran un refuxio no que é posible manter unha certa dose de irrealidade, de onirismo, dunha fantasía que non é tolerable noutros lugares. Os Estados Unidos actuais soñan en Alaska, a Galicia dos 80 soñou nos Ancares e a dos 90 soñou no Courel, Escandinavia soña en Laponia, a Irlanda do seu Rexurdimento nas Illas Aran, e así sucesivamente. A tecedeira dos relatos escoceses pensou nas Highlands para crear libremente a Escocia ideal, pouco contraditoria, libre nos soños de quen a soñaban.
Sen embargo, a maior parte da poboación escocesa actual vive ben lonxe da Escocia típica que aparece nas guías turísticas e nas películas. No censo de 2011, advírtese como o eixo sureño Edimburgo-Glasgow -coas cidades satélite de Falkirk, Stirling ou Bellshill, entre outras moitas- concentra unha enorme cantidade de poboación. No Leste, se cadra atraídos polo petróleo desde mediados do século XX, existe unha certa poboación nucleada ao redor de Aberdeen -que, en certo xeito, tamén é unha lowland, unha terra baixa doada de habitar e cultivar, e Inverness, que concentra certa industria de servizos ao redor das terras altas. O centro do país, o norte e o oeste, esas montañas fermosas, belas e cheas de brétema, son extensións baleiras, cunha poboación polo xeral inferior ás 0,1 persoas por hectárea: con algunhas zonas de Ourense, estamos falando dos grandes paramos europeos, as consecuencias das revolucións industriais do XVIII e o XIX e a emigración como resposta social.
(…)
Outra das cousas que Galicia e Escocia teñen en común é que o mellor, artisticamente falando, do seu patrimonio medieval, son as abadías e mosteiros. Alguén me rebatirá que os castelos son ben bonitos, pero estará aplicando certamente categorías galegas e hispánicas, pensando que o fenómeno dos castelos é medieval. Ben é certo que a maior parte dos castelos que están en pé hoxe en Escocia teñen, efectivamente, fundacións baixomedievais (do XIII ou XIV) pero a obra en pedra, as fachadas e os volumes, son ás veces militares, de finais do século XV, XVI ou XVII, ou pacegas xa dos séculos XVIII e XIX. Aquí non houbo nin Irmandiños nin Reis Católicos que botaran abaixo as fortalezas dos nobles. Ás veces pregúntome que tería pasado se en Galicia non se deran eses movementos. Cambiaría a paisaxe do país? Teriamos os outeiros cheos de torres románticas e ruinosas?

Aquí, nas terras baixas, os reis escoceses (e eventualmente os ingleses) patrocinaron catro grandes mosteiros que hoxe son esqueletes de balea deitados en apacibles vilas. Xoias do románico e do gótico, son obras magníficas e chamativas. Viaxando cara o sur, a escasos quince quilómetros da fronteira con Inglaterra, está Jedburgh, unha das catro grandes abadías. A viliña de Jedburgh, atravesada polo río Jed, é un apacible lugar de 4000 habitantes, famosa polas súas carnicerías e por un doce con sabor a menta traído polos ingleses. Como dicía, igrexa e política eran -e seguen a ser- asuntos ben próximos. Os reis escoceses promoveron a instalación dos agustinos e en 1147 comezouse a construír a abadía de Jedburgh baixo o patrocinio de David I.


Ao meu ver, é posiblemente a máis fermosa factura románica de Escocia, unha fermosísima xoia que é ao mesmo tempo espiritualidade e poder, fascinación e misticismo. Hoxe conservamos o esquelete da igrexa da abadía -o resto dos edificios ficaron unicamente nas fundacións-, pero iso faino observarlo como un prodixio aéreo e luminoso: unha transformación forzosa do románico en gótico, dos pilares grosos afianzados na mentalidade medieval e a luz abríndose paso polas galerías xa dando conta do novo estilo luminoso. .
A abadía sufriu o cambio de mans continuo durante a Idade Media ata que os protestantes fixérona trizas no século XVI, entrementres acolleu cortes reais, intercambios, acordos diplomáticos. Cando casou nela Alexandre III con Yolande de Dreux, en 1285, cóntase que unha aparición pantasmal deu un aviso á congregación sobre a morte do rei, quen no seguinte ano morreu, efectivamente, da caída dun cabalo.


Non moi lonxe de Jedburgh fica a marabilla de Melrose Abbey. Outra volta, un val amable, unha viliña fermosa de casas baixas e un río que a atravesa e que no seu tempo deu servizo a este mosteiro cisterciense. Melrose tamén foi fundada en 1146 polo rei David I e, como Jedburgh e boa parte das abadías católicas nas Illas Británicas, conserva unicamente a igrexa. É fascinante poder ver estas ruínas para adquirir certas nocións do catolicismo que noutras igrexas, que sufriron modificacións en épocas posteriores á Idade Media, xa non é posible detectar, como a estrita barreira que en Melrose existía, no interior da igrexa, entre os monxes e os famuli que non chegaban a profesar pero que, entrando ao servizo da Igrexa, ceibábanse dunha vida terrible en campos fríos.
As arquerías no baleiro de Melrose, a luz penetrando por onde antes os vitrais encheron estes espazos de cor, outorga ao conxunto unha fermosura engaiolante. Walter Scott, que era un auténtico amante destas ruínas, suxería disfrutalas á luz da lúa, máis que ás do sol.
Así o di no seu poema The lay of the last minstrel (O laio do último trobador).
If thou would’st view fair Melrose aright,
Go visit it by the pale moonlight;
For the gay beams of lightsome day
Gild, but to flout, the ruins grey. (…)
When silver edges the imagery,
And the scrolls that teach thee to live and die;
When distant Tweed is heard to rave,
And the owlet to hoot o’er the dead man’s grave,
Then go–but go alone the while–
Then view St. David’s ruin’d pile;
And, home returning, soothly swear,
Was never scene so sad and fair!
(Se pretendes ver Melrose con xeito,
vai visitala no pálido luar;
Xa que os raios brillantes da luz do día
reforzan, desprezándoas, o gris das ruínas (…)
Cando a prata define as imaxes,
e as inscricións que te ensinan a vivir e morrer:
cando o distante río Tweed escóitase rosmar,
e a curuxa ouvea sobre a tumba do home morto,
logo vai -pero vai ti só nese momento-
e mira a pía arruinada de San David;
e cando volvas a casa, xura verdadeiramente,
que nunca houbo momento tan triste e fermoso!)

Pola contra, nós debemos disfrutar destas ruínas cun dos días máis fermosos e azuis que outorga o verán escocés, un día apacible de prados luminosos. Subo arrastrando a miña vertixe ata o campanario para ver unha fermosa colección de caras, de gárgolas, e dentro delas, un curioso porco (se cadra porco bravo?) que toca a gaita. A gaita medieval que, por certo, e sen ánimo de meterme en polémica ningunha, aparecerá sempre representada nas gárgolas escocesas -máis tarde veremos outra en Rosslyn Chapel- cun só roncón, ao xeito da galega. Supoño que a de tres roncóns era máis ben a gaita militar.

Griffith, Roger (1835). “Melrose Abbey & ruined interior”.
O tempo espiu as deliciosas esculturas que un día encheron Melrose. Desde o cemiterio obsérvase aló enriba unha marabillosa Virxe María gótica, descabezada, e observando as estampas románticas do século XIX, onde as tumbas dos cabaleiros aínda repousaban entre moreas de capiteis arruinados, entra a melancolía lunar do bo de Walter Scott.



En Melrose soterráronse reis, duques, condes e a selecta aristocracia escocesa. No claustro, do que só quedan os alicerces, figura un destes deliciosos misterios lendarios escoceses. Camiñando ao chou, entro na sala capitular e distingo un corazón gravado no chan, cunha lenda escrita nun inglés arcaizante. Fala dun noble corazón. Resulta que durante a escavación arqueolóxica de 1996 foi atopado no subsolo da sala capitular unha caixa que contiña unha plaquiña. Aludía a que durante as obras levadas a cabo nas ruínas na década de 1920 fora localizada unha caixa cun corazón neste lugar, e que este corazón era o de Robert the Bruce. E aquí aparece outra historia que nos conecta intensamente con Galicia.
O asunto non é menor. Robert I the Bruce é un dos grandes heroes nacionais de Escocia. Fillo dunha familia nobiliar con pretensións ao trono, e tras disputas e mesmo o asasinato do seu rival Comyn, Robert accedeu ao trono en 1306, sendo coroado en Scone, no mítico lugar de entronización da monarquía escocesa. Derrotado por Eduardo I, o cruel rei que aparece en Braveheart, escapou a Irlanda e as Illas Occidentais e de alí emprendeu unha terrible guerra de guerrillas contra os ingleses e a aristocracia escocesa aliada con eles, ata que os feitos desembocaron na batalla de Bannockburn en 1314, e nunha brutal campaña de raids contra as cidades inglesas do norte. Eduardo I non recoñeceu a Robert the Bruce e, procurando a leximitidade, os bispos e aristócratas de Escocia enviaron a famosa Declaración de Abroath ao Papa: un notable documento que vincula, de novo, a Galicia con Escocia, e do que falaremos máis adiante para non deter o relato.

Séntome nun banco e fico, disfrutando do sol, observando aquela humilde placa no chan na que disque está soterrado o corazón do rei que mandou restaurar este mosteiro tralas sanguentas guerras contra os ingleses. Poucos turistas decátanse do lugar, pero unha señora de longo pelo cano aparece, fica parada diante da placa, e ao pouco deposita unha rosa, que queda deitada entre a herba. Unha vermella rosa. Se cadra ela non saiba a lenda que nós sabemos: ese corazón gardado baixo un humilde prado, o corazón dun rei imparable e valoroso, visitou o vello Reino de Galicia.
A lenda conta que Robert the Bruce quixo ir loitar ás Cruzadas. Cando morreu, o seu corpo foi soterrado na abadía de Dumferline, pero o seu corazón quedou custodiado polo seu máis fiel cabaleiro, Sir James Douglas. Robert expresara a súa intención de morrer nas Cruzadas, e xa que non puidera ser, encargoulle a misión aos seus guerreiros. Sir James Douglas levou o corazón nunha caixa sobre o seu peito, e acompañado de Sir William de Keith, Sir William de St. Clair de Rosslyn e os irmáns Sir Robert Logan de Restalrig e Sir Walter Logan, emprenderon a viaxe das súas vidas. O reverendo Stone, na súa obra de 1927, The Cult of Santiago, indispensable para rastrexar as conexións británicas da peregrinación a Compostela, dá conta de que Sir James Douglas parou en Santiago para honrar el mesmo -o seu propio nome- e ao Rei Robert, que era moi devoto de Santiago, tras morto. A historia vive nas penumbras das lendas que unen os reinos de Escocia e Galicia desde tempo inmemorial: O propio reverendo James afirma que “non hai rexistro da presenza de Douglas na catedral, pero non teño dúbida ningunha de que estivo alí”. As crónicas escocesas que consultei -do XIX, o poema épico The Brus de John Barbour, as memorias da Casa de Douglas- non mencionan esta peregrinación a Compostela. Pero hai que afirmar que sería moi factible facer unha paradiña técnica na Coruña, facer rapidamente o Camiño Inglés, beber unhas boas xerras de Ribeiro trala devoción, e continuar cara o sur á procura de pagáns e infieis. A min pareceríame perfectamente escocés.
Como non había ningunha cruzada en curso en Palestina, os cabaleiros decidiron parar en Sevilla, onde se alistaron no exército de Afonso XI, nunha campaña que ía emprender contra o reino de Granada. Na batalla de Teba y Hardales os mouros fixeron unha manobra de despiste, e sir James Douglas botouse contra eles. Primeiro guindoulles o corazón de Robert the Bruce e logo berrou unha bravada: “Agora pasa ti por diante nosa, como ti terías querido, e nós seguirémoste ou morreremos”. O certo é que uns cantos morreron, entre eles Sir Douglas, e o corazón foi recollido polos escoceses que sobreviviron á batalla e levado a esta abadía de Melrose por Sir William Keithr. O certo é que durante as escavacións de 1996 abriuse cautelosamente a caixa e atoparon un corazón que, polo tamaño, podería ser o do belicoso e heroico rei de Escocia, que aínda batallou, coma o Cid, despois de morto.
Un rei que visita Galicia despois de morto atravesando o mar, e custodiado por bravos cabaleiros Douglas e Sinclair: as honras non sei se deberan corresponder a Santo André ou a Santiago. Pero permitídeme soñar coa estampa aquí, diante do corazón de Robert the Bruce.
Así que non podemos menos que desviarnos co coche, abandonar as abadías, e internarnos pola campiña en dirección a Kelso. Ao chegar unha granxa avísasenos que estamos nun terreo privado e adentrámonos por unha pista de terra que nos leva ata un sitio pouco coñecido pero poderosamente icónico: a torre de Smailholm. As doces abadías non valen moito para percibir o sentimento de ameaza dos homes ante unha fronteira eternamente cruzada.

Pouco ten que ver Smailholm cos descomunais castelos das sucesivas marcas cristiás contra os árabes que visitarían os cabaleiros escoceses de Robert The Bruce. Pero todo nela fala dunha vida difícil. É unha impoñente torre, adusta, rexa, excepcionalmente alta para mirar ao longo das Lowlands o devir dos exércitos ingleses. Da outra banda, obsérvase no alto dun outeiro un cromlech. E, no chan, por baixo nosa, con ese efecto transparentador dos pastos escoceses, velaí vense o resto das cabanas dunha aldea de servos que un día alimentaron a estes señores. A torre fixérona os Pringles no século XV. Logo dunha serie de raids procedentes de Northumbria en 1544 que roubaron 700 cabezas de gando e 100 cabalos, os Pringles recolleron as súas pertenzas e marcharon a vivir a un lugar máis tranquilo. A Torre pasaría á man dos Scott. Si, os de Walter Scott. Aquí veu o escritor de pequeno, a tomar os aires traído desde Edimburgo, na granxa anexa a Smailholm, e aquí o rapaz empapouse das baladas da Fronteira, que despois compilaría nun volume emblemático da súa vida. Antes da súa morte en 1832 quixo facer unha visita á vella e adusta torre e levou con el ao gran pintor Turner, que a retratou fermosa e suficientemente misteriosa e romántica.

William Turner (1834) “Smailholm Tower”
Achegámonos algo confusos ata a torre, dubidando se é visitable ou non. O motivo da nosa dúbida é a ausencia clara dun sendeiro percorrido, andado por humanos, que se achegue ata a fortaleza. As ovellas pastan con tranquilidade e unha artúrica nube de mosquitos voa sobre a ciénaga que rodea a torre. Hai que dicir que se levantou un vento soberanamente frío, e densas nubes de chumbo percorren este céo interminable. Dubidamos no acceso, recoñecemos as estruturas talladas na rocha e entramos no recinto. Un aviso nunha porta indica: “A torre está aberta, pero ás veces temos a porta pechada polo mal tempo”. Abofé que debe facer frío terrible nestas soedades, neste páramo no que a ameaza viña ás veces do sur, pero ás veces tamén do norte.

Pouca cousa hai no seu interior. Os restos arqueolóxicos: pipas, navalliñas, moedas, fragmentos de vidro, falan da vida, máis ou menos confortable, no interior desta torre. Algúns indicios de beberen licores traídos dos Países Baixos, e o resto, esas escenificacións con bonecos que tanto gustan aos escoceses. Como museo, Smailholm Tower non valería un peso, pero non sentín perder nin un só minuto en achegarnos ata estes paramos.
Aquí, neste frío e neste vento, teceuse unha fronteira que aínda dura.

Nalgures (acho que em Otero Pedraio) lim que esses cavaleiros escoceses trouxeram o coraçom do Bruce em peregrinaçom a Compostela.
Andiven tras desa historia, pero non puiden verificala. Nos textos escoceses do XIX fálase de que doblaron a “ingle” de España (entendo que debe ser Galicia) e desembarcaron en Sevilla para atoparse con Afonso XI. Non me estrañaría que fixeran parada en Santiago, pero non atopei aínda referencias. Vou ver nas crónicas medievais.
Consultadas as fontes medievais sobre a vida de Robert The Bruce e as memorias da Casa de Douglas, todo parece outra magnífica historia tecida entre o real e o imaxinario, esa argamasa milenaria que nos une.
Nas fontes inglesas máis antigas, A Coruña aparece citada como “The Groyne”. A palabra “groyne” significa espigón. Pero podería ser tamén unha forma arcaica para “groin” (ingle). Dende o cabaleiro Osborne e os seus compañeiros cruzados ata os peregrinos do Camiño Inglés, o carácter da Coruña como lugar de desembarco ou paso para as xentes das illas británicas.
Bo apuntamento, Luis. Vou poñer aquí a fonte máis antiga que temos sobre isto, que é o texto de Barbour:
And with ane nobill cumpany
Of knychtis and of squyary,
He put him thar in-to the se.
A lang way furthwarde salyt he;
Betuyx Cornwale and Bretanyhe
He salit, and left the Grunye of Spanyhe
On north half hym; and held thar way
Quhill till Savill the Graunt com thai.
Hai que dicir que a fonte detalla ben previamente que, partindo de Escocia, os cabaleiros paran un tempo nos Países Baixos reclutando persoal, e que Sir James Douglas non quere saír do barco, e máis ben recibe a todo o mundo con viandas nel. Detalla bastante, pero resulta curioso que trate a “The Grunye of Spanyhe”, ou sexa, á Coruña, como un accidente que “deixa ao norte tras del”. Seguramente pararon tecnicamente na Coruña, pero carecemos de toda certeza que Douglas peregrinase a Santiago (aínda que poidamos pensar que sexa moi probable). É curioso que nese relato, que é un relato piadoso, e na Inglaterra da época, na que se coñecía ben a pereegrinación do Apóstolo, non se faga mención a esa cuestión, que sería ben relevante no carácter, como digo, de piedade de toda esta fascinante historia. A mecha da peregrinación provén do acto de fé do reverendo Stone en 1927, ao que se aferraron todos aqueles que lles gustaría que Robert the Bruce, liberador dun reino, visitase este noso.