Capítulo 0 Entradas


Joseph Pierre Durand De Gros (gravado orixinal) e Romasanta (recreación cinematográfica).

Aquí vai unha historia tan intrigante como cinematográfica ou de banda deseñada. Prepárense.

Os irmáns Castro Vicente, dinámicos avogados e etnógrafos, ademáis de lectores de Capítulo Cero, avisáronme dunha estraña descuberta que realizaron ao fío dunhas xornadas sobre Manuel Blanco Romasanta, o mítico Lobishome de Allariz. Aquí podes ver a súa historia. Tras ser apresado nun pobo de Toledo, Romasanta foi xulgado en Allariz, nun caso que tivo repercusións internacionais polo truculento do asunto do lobishome asasino. Romasanta foi condeado a morte pero a raíña Isabel II indultouno. Unha das voces que clamaran polo indulto do asasino foi a dun curiosa e estraña personaxe: o hipnotista francés Joseph-Pierre Durand de Gros, que envía unha carta desde a Universidade de Arxel, baixo o seudónimo de Dr. Phillips, pedindo á raíña que non se mate a Romasanta e se lle permita poder ser recoñecido cientificamente. O Dr. Phillips estaba, ao parecer, exiliado en Arxel por “motivos políticos” e é autor dun destes tratados que orbitan entre a ciencia e o esoterismo tan clásicos dese momento do XIX: Electro-Dynamisme Vital, ou les relations physiologiques de l’esprit et de la matiere, tamén asinado baixo seudónimo. O xulgado de Allariz indultou a Romasanta, pero negouse a que Romasanta fose recoñecido polo Dr. Phillips, desobecendo á raíña.

Ou iso se cría.