
Foto e manexo do Hexacopter: Xurxo Gago
Pois para a xente que agardaba con curiosidade as imaxes do Hexacóptero (ou o Escornaboi, ou a Vaca Loura, como lle chamamos na escavación) aquí vai a primeira vista do sitio arqueolóxico desde a área superior. Coa foto en máis resolución pódense apreciar bastante ben as estruturas, e despois do día de hoxe, no que o muro perimetral colleu moita definición, aínda máis. Máis ou menos, as principais estruturas visibles son estas que vedes aquí:

Como unha primeira valoración, no sitio arqueolóxico advertimos a importancia dun dos vértices: o do Suroeste, no que se aprecia aínda unha sillería de moita calidade que nos podería falar -non o poderemos saber nesta fase da intervención- dunha sucesión cronolóxica no lugar, pero tamén dunha importante fase de definición do sitio arqueolóxico. A arqueoloxía é trepidante. O sábado pensabamos que o muro perimetral se fixera en dúas fases, pero trala limpeza de hoxe á mañá, cremos que todo el corresponde á mesma época. Cando? É contemporáneo da Moura ou posterior? Aínda debemos pensalo un pouco máis, pero unha curiosa nova gravura fíxonos pensar…O fascinante de Pena Furada é que nada pode ser o que parece, ou si…
Nesta primeiro experimento de probas co Hexacóptero para imaxes arqueolóxicas aínda aprendimos algunhas cousas. Volveremos nos vindeiros días para tomar xa con calma novas imaxes e daremos algunha fotografía en alta resolución.

estivemos o sábado de visita e pareceunos fascinante o traballo de investigación, e vimos o hexacóptero traballando!!
moi interesante a foto aérea. Xeolóxicamente semella un podium natural (un altar, vamos) co seu ritual ou pasos de acceso tallados na pedra, formado e sobreelevado por unha escollera natural. Resulta interesante observar como na parte onde esa escollera natural non existe, ou non é tan intensa, é onde intentaron reproducila artificialmente e construiron varios muros perimetrais de cascote para delimitar o podium ou escollera, configurando un recinto sagrado cerrado. Me parece que é a cara do oeste. Formalizando de esta maneira unha auténtica Torre Ara ou Torara. Sería interesante unha sección transversal do terreo, sobre todo, este-oeste, me parece.
Vin en google earth que na mesma serra do Monte do Gato, a parte de existir outra Pena Moura, tamén existe unha pedra cunha pía. Todas mirando cara o oeste. Está nunha foto de google earth.
sería interesante subir a google earth (panoramio) algunha de isas fotos aéreas con boa resolución. Que os interesados poidan ver a zona
Nemigo, curiosamente alguén xa andivo pola intervención e subiu a localización a Panoramio con algunha foto da mouriña.
Agora, iremos producindo algúns materiais recopilatorios para que haxa máis documentación.
Bosquexo, apuntarte que o podium non é natural, senón que é artificial, está todo recortado e regularizado por tres das caras. Na banda contraria á moura (este), ademáis, hai unha sorte de escalóns moi brutos.
A miña opinión persoal neste momento é que mesmo non debemos velo estritamente como podio (é dicir, un espazo exento). Eu penso que tiña algunhas estruturas pegadas a el. Atopamos cerámica e algo de tella moi fragmentada nas tres das caras do podio. En todos os sitios menos na moura.
Unha nova gravura?? Onde apareceu, onde andivemos limpando o sábado?. Xa me contarás, quedei con gañas de ver esa zona limpa para saber como seguía o muro de sillares. Pensando na casa, o burato que apareceu no vértice do muro e que atopou Fátima, podería ser un encaixe para a colocación dunha ara ou o limpalo confirmáchedes que fora outro “lacus”?. Tratarei de pasar por alí estos días cando o tempo o permita. Seguide en contacto cos voluntarios por favor, falo por min en decirvos que estaría encantado en volver axudar cando o precisedes.
Graciñas por darnos esta oportunidade (a tí, a Antón, a JFK e o resto dos organizadores).
Xusto ao carón do vértice! Estate atento estes días, que a publicaremos con calma. Agora andamos organizando material, hai que volver aló a filmar outra vez desde o aire…, etc. Grazas a ti pola ilusión!