
É incrible que isto se estea a producir, pero os amantes da natureza no Barbanza e noutras comarcas galegas poden apreciar a depredación que se fai destas especies ano tras ano, orientada á venda ilegal destas aves rapaces no mercado negro. O meu irmán Xurxo Gago e Javier Iglesias van ofrecer unha conferencia-denuncia pública, no Ateneo Valle Inclán de Ribeira, o venres 4 ás 21:00, amosando como hoxendía, baixo a impunidade, seguen existindo estes ladróns de aves. Veranse as técnicas que empregan, as especies que depredan e as consecuencias das súas accións. No texto dos organizadores:
O roubo de falcóns e de aves de presa en xeral para o comercio ilegal ou satisfacción persoal, soa quizais a un problema arranxado dun pasado lonxano no eido da conservación da natureza. Nada máis lonxe da realidade no Barbanza. Eiquí, nesta comarca, onde podemos atopar, boa parte de todas as especies que habitan na península ibérica, sofren un expolio dos seus niños, é dicir o roubo dos seus ovos ou das súas crías, no caso dalgunhas parellas incluso sistemático, ano tras ano, sen que se lle poña remedio. O obxectivo desta charla e informar e denunciar esta vergonzosa situación, á que se ven expostas especies que están catalogadas pola lei de vulnerables coma azores e gaviláns, ou incluso en perigo de extinción coma o falcón peregrino.

Un comentario