Tintín e o Secreto do Unicornio, unha viaxe intelixente á imaxinación de Hergé

O primeiro libro que lin da serie de Tintín foi O Secreto do Unicornio. Creo -non estou certo- que o fixen en galego. Cando eu era novo, o mundo dividíase entre Tintín e Asterix. Francamente, aínda que alguén poida pensar o contrario, eu sempre fun máis de Tintín que de Asterix. Por iso quería ir ver que é o que fixera Spielberg con esta historia que sucedeu na nosa infancia, ou sexa, na nosa patria, e un sempre é sensible ás cuestións patrióticas.

Tintín e o Secreto do Unicornio é un excelente filme de acción. A técnica 3D benefíciase sen dúbida da captura de movemento en tempo real, e o feito de deixar a Tintín, a Haddock e a Milú no espacio irreal do 3D evita a decepción que sempre, ou case sempre, supón ver un cómic con actores reais. O resultado é unha película trepidante na que sobrancea a produción milimétrica de Peter Jackson, e que se pode disfrutar nas escenas que acontecen no sultanato de Bagghar, cunha secuencia final en sidecar que é do mellor que se ten feito en moito tempo no subxénero ‘persecución’. Spielberg foi moi listo: só unha persoa que se atrevera con Tolkien podería tamén entrar noutro mundo minucioso, como era o mundo de Hergé. A película non decepciona, máis ben ao contrario, e permite darse o gusto de ver o mundo de Tintín como se se nos dese unha oportunidade máxica para confrontalo coa imaxinación. O 3D represéntase de xeito moi sobrio, sutil, e se cadra aí se vexa a experiencia de Spielberg, que non quere trangalladas que molesten.

Sé o primeiro en comentar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *