Repúblicas de Homes Libres

Subindo os montes, descubrimos que as lendas sempre, sempre agochan a realidade. Acompañados polos membros da Asociación Monte Pindo Parque Natural recoñecemos unha das realidades arqueolóxicas máis enigmáticas e fascinantes da nosa Historia, e das que levamos falando tempo en Capítulo Cero: os Castelos Baleiros.

O Pindo, este puño de pedra pechado sobre o Océano, agocha nos seus labirintos fascinantes secuencias cronolóxicas e culturais, restos arqueolóxicos derrubados polo tempo e preservados polo aillamento, moitos deles cheos de misterio e dúbidas. Esponxa dos conflitos bélicos, aquí, en covas a maior parte delas perdidas, gardáronse os escapados da guerra, pero tamén é unha sorte de fósil dos conflitos bélicos que sacudiron a Galicia ao longo dos séculos. Ao norte e ao sur da montaña, dous castelos esquencidos contémplannos desde os séculos. Aquí te presento a segunda parte da nosa viaxe ao corazón do xigante Pindo.