Repúblicas de Homes Libres

Nos montes da Ruña (Mazaricos) presérvase un dos castelos altomedievais máis espectaculares cos que me teño atopado. Preservado polo seu aillamento, nunha auténtica paraxe de breixo, lagoas e unha friaxe aguda en case todas as estacións do ano, o castelo de Brandufe, ou da Ruña, é un auténtico enigma histórico.

A primeira vez que subín a Brandufe, por empinadas rampas rectas, todo aquel monte estaba cheo de neve, e os muíños de vento parecían cortar o aire máis que mexelo; seguimos as indicacións e achegámonos ata o Castelo Grande. Un poste de telecomunicacións non parecera afectar moito a este pequeno e impresionante xacemento arqueolóxico. Alí viamos, co cachote caído, como unha pequena fortificación fora vencida polos ventos e o tempo pero continuaba alí, relativamente transparente. O paralelo mellor conseguido no seu estado de conservación era Luania, aquel espectacular castelo en Noia. Brandufe estaba alomenos tan ben conservado como Luania porque se beneficiara da mesma condición: a súa gran distancia con respecto a núcleos habitados. O durísimo clima de alta montaña destes montes mazaricás da Ruña tamén impedían que a vexetación sepultara absolutamente o sitio arqueolóxico. Eis o castelo, posiblemente, a máis altitude da provincia da Coruña.