Repúblicas de Homes Libres: as arquitecturas imaxinarias

Camiñamos entre a pialla húmida e molesta destes días de verán unicamente de calendario. O peche entre densas nubes da área que pensamos visitar inicialmente impídenos achegarnos entre ela, así que optamos por repasar un castelo que estaba inaccesible a última vez que foramos. É o castelo de San Mamede, en Lousame. Xunto co seu xemelgo, o castelo de Fruime, controlan os dous montes do Confurco que, como vedes no mapa, son as zonas de paso entre o norte e o sur da península do Barbanza. A existencia destes dous castelos coordinados ao redor dunha antiga vía de paso induce a crer que, máis alá que estruturas de defensa puntuais, moitos destes castelos estiveron para quedarse, que non só son unha resposta a un perigoso fenómeno de agresión puntual pirata. E unha demostración de que hai que papar toxo e pasar vertixe por estes lugares hoxe inhóspitos: ao subirmos, decatámonos da diferencia entre este lugar e o castelo de Fruime, do cal vemos a atalaia medieval a penas entre a brétema. Mentres Fruime observa maxestuosa ao sur, á ría de Arousa, co primeiro plano no castro de Neixón, San Mamede non ve o mar. O seu é o control do norte, do val de Tállara, onde transitaba tamén un camiño tradicional entre Boiro e Noia.

-Estas cabronas estanse complementando -dicimos, empoleirados con esforzo no bastión oeste do castelo de San Mamede.

Este pequeno castelo, pola contra, induce a numerosas especulacións: elementos dos que nos faltan datos. Parece unha fortaleza do IX ou X, efectivamente. Está situada entre dous grandes rochedos, e os seus defensores fortificaron unha área cha intermedia con murallas de pedra. Este chan e os muros están hoxe baixo espesas capas de broza e maleza, pero nas enormes penedías que conforman os bastións orientais e occidentais, os construtores da fortaleza deixaron numerosas marcas na rocha. Desde escalóns para axudar a trepar, ata interesantes gravuras liñais que eu sospeito deseñadas para mellorar o agarre do calzado sobre este esvaradizo granito, no que case nos matamos. Pero hai máis. Sobre o bastión occidental, sobre enormes penedos, estes homes instalaron algún tipo de casoupa. Hoxe o alto está ciscado de tella e anacos de cerámica. Pero non hai onde…agarrala. O mesmo acontece no bastión oriental.

Por unha gran derrubo de pedra e terras previa a ascender a el -que sospeito que é parte do sistema defensivo, un xeito de protexer o donjon final- entramos nun complexo de batolitos inzado de pedras traballadas. Aquí a cousa complícase. Fáisenos difícil comprender como funcionaban estas partes dos castelos, como estaban edificadas. Todas estas marcas permiten asentar trabes de madeira, pero debían ter unha certa presión para resultar estables, xa que non son nada profundas. Aquí, no bastión Leste, aínda que a pialla, a chuvisca pápanos os ósos, tentamos seguir a lóxica da edificación de madeira. Un suco artificial percorre as rochas, mesmo saltando entre a gran fenda que leva ata unha cova inferior, onde hai cunchas de ostras (!!). Ese suco tamén está no fondo da fenda. En si mesmo, parece construír un conxunto de construcións non só defensivas senón tamén habitacionais, como delatan eses restos de comida na parte de abaixo. A ausencia absoluta de cachote nesta área faime presumir de que estamos vendo un estraño conxunto orixinalmente edificado en madeira, pero fáltannos as referencias para comprender toda a disposición de elementos. Sobre todo porque a escasa profundidade destes asentos labrados na rocha fainos presupoñer que eran só puntos de apoio, que para estar fixos e seguros debían estar moi consolidados coa presión desde outro lado, un lado que non dou atopado: temos que ir cun construtor ou un arquitecto, a ver que nos pode dicir. Coñecemos moitas hipóteses sobre a factura dos castelos en madeira en Europa, pero adoitan ser reconstrucións de castelos en ausencia de pedra, en territorios de chaira. En Galicia, con tanto penedo, a mesma orografía é a parte básica da defensa: en termos arquitectónicos, a cousa é moi distinta. Desculpade a ausencia de fotos, pero a mínima e aplanadora luz facía case imposible fotografar os resaltes.

Hoxe vemos estas fortalezas como un conxunto de penedos agrestes en terra de ninguén. Na época na que foron habitadas ao mellor habería que imaxinar unha sorte de monstros de pedra coroados por estruturas medio aéreas de madeira, que reconvertían este espazo natural nunha estraña figura no alto dos horizontes do país.

2 Comentarios

  1. Rafaeliux
    21 / Xullo/ 2011

    Parabéns polo artigo,a pesar de qiue descoñezo totalmente esa xeografía costeira viume á mente que aquí ao lado da miña casa,cerca do val do Arnoia tamén hai dous posibles castelos emparellados,de un xa falaches ti, o castelo de Sande(Cartelle) e o outro sería o lugar de A Torre (Zaparín)da outra beira do Arnoia e dominando outra paisaxe diferente.
    Grazas por sacar á luz todos estes temas!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *