Buscando documentarme para o vindeiro ciclo narrativo da República de Homes Libres, vin esta fin…
Repúblicas de Homes Libres

Durante esta aventura cultural que é a República dos Homes Libres, Brandomil deixounos pensando. Unha poboación de certas dimensións, habitada a finais do Imperio Romano e, debido aos poucos datos do rexistro arqueolóxico, non sabemos se posteriormente. A curiosidade e as preguntas son obvias: podería haber preto de Brandomil algún recinto de gran tamaño, igual que o Aloia e o Castro Valente?

A muralla do Aloia na banda do Leste, cunha altura de tres metros. Foto: Xenome
Toda persoa que se mergulle nalgunha investigación ou prospectiva no tempo, sabe que este é caprichoso, e que nos vai dar continuamente sorpresas, mesmo alí onde non o espera. Tal cousa pasoume hoxe. Quen coñeza a biblioteca do Consello da Cultura Galega sabe que ten dous andares, o gran espazo de embaixo, coa mesa do Plenario, e un andar superior, estreito, polo que a penas cabe unha persoa, por baixo dun fresco de Xosé Freixanes que reinterpreta o mapa do Reino de Galicia de Francisco Ojea, de 1634 (onde aparece Luania, efectivamente, Carlos). Aquí tedes unha foto. Como padezo dunha vertixe de coidado, evito na medida do posible ese segundo andar no que están os libros de Historia. Pero hoxe estaba buscando documentación para un texto do traballo.
Pero, ao buscar entre os libros, atópome un editado polo propio CCG, aínda que na época de Filgueira Valverde (na que eu aínda non traballaba alí). Titulábase Historia Civil y Eclesiástica de la ciudad de Tuy y su obispado, de Francisco Ávila y La Cueva. A edición contaba cun pequeno prólogo contextualizador e acto seguido un longo manuscrito, que supuña a primeira publicación da monumental obra que este historiador tudense estaba redactando aló polo 1839. 150 anos esquencida, nada menos. “¿Tui?”, pensei. “¿Aloia?”, seguín. Boteille man.
Para a miña sorpresa apareceu isto. Case me tremen as mans. Mirei para abaixo e deume máis vertixe. Marchei do corredor co voluminoso libro entre as mans. Transcribo:
CAPÍTULO Vº
Entran los bárbaros en España, vienen los suevos a Galicia donde se establecen, noticia de lo que sufrió con ellos Tuy y su tierra, fundan los de esta ciudad una nueva población en el monte Aloya, y otras memorias de aquella época.
Abrín moito os ollos e comecei a ler detidamente, transcribindo a caligrafía daquel historiador de hai cento cincuenta anos.
