Última actualización o 14 / Xuño/ 2010

Buscando documentarme para o vindeiro ciclo narrativo da República de Homes Libres, vin esta fin de semana unha película moi estraña: Valhalla Rising (2009), dirixida por Nicolas Winding Refn, é unha película británico-dinamarquesa que presenta a viaxe, no ano 1000, dun guerreiro fuxitivo, Un-Ollo (One Eye), cun neno, na compaña de vikingos que parten para as Cruzadas de Xerusalén, pero mercé a unha estraña forza rematan noutro lugar (e non digo máis). Ata aquí podería parecer unha película de aventuras, pero non o é. Trátase dun filme introspectivo, escuro, cheo de simbolismo, no que o 80% da película transcorre sen diálogos: hai acción brutal, pero desde logo non é un filme de acción e, polo que vin, xenera paixóns encontradas, se cadra porque o espectador non sabe onde ubicarse para recibir o filme e comprendelo. A min encantoume: interésame o marco histórico como un espazo para historias de algún xeito intimistas e que desvelen os conflitos internos das personaxes.
Traio Valhalla Rising aquí porque no filme, a paisaxe e a ambientación da natureza xoga un papel fundamental. A miña sorpresa, con todo, foi outra. A primeira parte do filme transcurre nun castelo en Sutherland, Escocia. Pero non nun castelo dos que coñecemos de xeito convencional, coas súas torres e murallas e ameas, senón dos máis antigos, dos que estamos a percorrer por toda Galicia para escribir a República de Homes Libres, atalaias roqueiras en territorios salvaxes. Algúns dos que visitamos están en lugares así, e deberon ter pouca máis infraestrutura que a que vedes nestes fotogramas, e os temos percorridos coa luz, a brétema, o clarescuro destes fotogramas. Sobre estes trazos tan leveáns nós procuramos, mil douscentos, mil catrocentos anos despois, as pegadas dos homes.







Sé o primeiro en comentar