Last updated on 16 / Abril/ 2010

O que sempre me preocupa dos camiños é onde van parar. Se sodes afeccionados a camiñar polo monte, seguramente xa vos decatariades coma min de que, ás veces, non hai final. Os camiños desaparecen no medio dun prado, ou nun bosque. Consecuencias de camiñalos cando xa foron abandonados e aprenden a desaparecer no medio dos penedos porque os sitios aos que levan, moitas veces, xa non existen, ou están a piques de esfumarse.
Como dicía o outro día, observando o mundo desde o Bico do Castelo Grande, decatámonos de que, máis que controlar o mar, aquel castelo debía defender un camiño que subía val enriba e, doadamente, entraba nas Terras de Soneira. Ollei os mapas con calma e comezaron a aparecer cousas. En liña recta, case polo mellor itinerario posible entre as suaves lombas de Mazaricos, atopámonos un lugar. Un lugar polo que teño pasado ducias de veces, sen determe nunca máis que a ver a ponte: Brandomil. Esta aldea de topónimo pondaliano fíxome lembrar. Consultei o monumental Miliarios e outras inscricións viarias romanas do noroeste hispánico, de Antonio Rodríguez Colmenero e Santiago Ferrer Sierra (descarga en PDF) e outra vez, deume a risa. Brandomil. Unha mansio, un lugar de parada no stadia CLXXX dunha vía romana lendaria en Galicia: a vía XX per loca maritima. E non un lugar calquera. Nun informe creo que non publicado, esa aldeíña actual foi no seu momento un importante centro urbano que ocupaba 27 hectáreas. Máis abaixo no post o ides ver por vós mesmos.

Grandimiro / Brandomil na suposta vía XX.
Todo historiador afeccionado local deste país que se precie ten que tentar ubicar no seu concello algúns dos seguintes monumentos perdidos: o Monte Medulio, as Aras Sestianas e a vía per loca maritima. Hai non moito estiven nunhas xornadas de historia local nas que unha afeccionada irada lle dicía a un enxeñeiro de camiños interesado na Historia: “si, si, moita teoría pero non nos di por onde pasaba a per loca maritima!!!”. Poucas veces teño visto peor recriminación a alguén! A Per Loca Marítima esperta auténticas paixóns: saca o mellor e o peor que un leva dentro. Miren se non este impresionante fío de 1200 comentarios en celtiberia.net ao respecto.
¿Que tiña que ver Brandomil co Bico do Castelo Grande? Aparentemente nada. Pero repasamos a contorna e, de súpeto, revisando os mapas da área, atopamos varios topónimos castelo beireando ese camiño. Castelos que non estaban en ubicacións elevadas, senón no medio do val, como controlando o paso. Achegámonos ata Brandomil – Grandimiro.

Reportaxe gráfico: Sole
Quen teña pasado por Brandomil -por exemplo, cando vas de Negreira a Fisterra-, seguramente terá apreciado a fermosa ponte do XVI que adianta a pequena aldea que vén despois. Pasando co coche, mesmo parando na ponte, a aldea é unha máis entre tantas da terra de Soneira e os interiores galegos. Pero o bonito, o realmente interesante de Brandomil, é comezar a mirar en serio. A mirar os detalles. E había moitos.
Esa tarde falamos en Brandomil cunhas seis ou sete persoas, como Mercedes, esta vella de 79 anos que inicia o post, vestida co atributo tradicional de Soneira, unha das poucas terras do país na que as mulleres aínda visten nun peculiar estilo tradicional, caracterizado polo sombreiro ancho e o pelo recollido cun pano negro embaixo. Cando lles preguntabamos polo pasado da aldea, todos, Mercedes, respondían:
-Miren, este é un pobo afundido.
Ao principio non sabía que querían dicir exactamente. Imaxinábamo, pero non era capaz de visualizalo. Lembrábame ás vellas lendas da lagoa do Carregal, en Corrubedo, baixo as que está afundida a cidade de Valverde. Pero alí estabamos no interior. E máis abaixo nacía o encoro da Fervenza, pero de aí a estar afundido…
Está afundido. Garantízovolo.

A terra chea de obxectos do pasado das leiras de Brandomil
Estas xentes dan unha patada e saltan materiais arqueolóxicos. Cargan carretas de terra dos seus agros nas que van tegulas romanas enteiras, que guindan para os recheos. Esta xente descansa, á porta das casas, en columnas imperiais. E coloca macetas en aras a deuses indíxenas. Esta xente vive sobre o seu propio pasado, sábeo, convive con iso. E todo, todo está aí. Este lugar é un dos grandes descoñecidos da arqueoloxía galega.


O castro e a súa muralla. Apreciade na segunda foto o (bo) estado no que se atopa o parapeto, unicamente algo derrubado e, moi importante, o parapeto de terra detrás.
Vaian, por exemplo, ao castro, ao carón da aldea. O seu potente parapeto nace xusto sobre a vella ponte. Dentro, unha croa circular que, se un examina con detalle, sorprende. Forrando ao clásico parapeto de terra da Segunda Idade do Ferro, pero literalmente, forrando, aparece a muralla de pedra. Na parte de atrás, a muralla faise máis grosa, aparecen trazas dun foxo colmado e unha enorme acumulación de pedras -aínda conservada, para a miña sorpresa- indica o lugar no que debía estar a porta, se cadra monumental. Enormes tellas caen desa muralla de pedra, e os camiños saen de alí. Cheira a necrópole. Outro día buscarémola. Pero -e isto é o interesante- o castro parece ser parte do aglomerado urbano. Sen dúbida, unhas boas excavacións permitiríannos saber moitísimo sobre a relación entre a cultura romana e a castrexa.

Por congostras e hórreos entramos na aldea. Aquí e aló atopamos restos romanos, monumentais, pero de gran tenrura ao mesmo tempo. É arte provincial, imitando os estilos gloriosos do Imperio, pero de escola recoñeciblemente máis rústica. Grandimiro, a mansio chea de funcionarios imperiais consagrados á explotación das numerosas minas da contorna, nostálxicos das súas cidades orixinais.




A esquina da igrexa é unha ara convertida en maceteiro. Na casa do médico aparecen miliarios anepígrafes. E noutra casa enfronte da igrexa congréganse unha sorte de pía bautismal -non creo que sexa romana- pero apoiada sobre unha ara embaixo! Se seguimos camiñando, atopamos muíños, e mesmo capiteis romanos que son un bo descanso despois do duro traballo no agro no verán.

Pavimentos dunha habitación baixo o campo de millo.
A amable propietaria do agro vainos explicar por que Grandimiro / Brandomil é unha aldea afundida. O seu rico agro de millo ten sepultado algo abraiante. Nun corte da estrada foi onde excavaron os arqueólogos. O millo prántase a máis de dous metros de altura. Pero cortados pola estrada, vemos embaixo unha sección da vida cotiá da época imperial. Aparecen pavimentos dun balneario, rúas, muradas e casas, apareceron bases de columnas porticadas -que alguén roubou pola noite, denuncian os veciños. Todo iso, medrando embaixo do millo, e alí o vemos, todas as casas, ollando aló embaixo para o Xallas que aquí baixa calmo e vizoso.
En Brandomil as fermosas pedras do pasado fanse fermosas pedras do presente, convertíndose en obxectos cotiás dos labregos, para o seu desfrute -e a min, a verdade, non me parece mal. Vaian saber que tesouriños -pendentes, pulseiras, tesouriños de moedas- gardan as avoas de Brandomil baixo as súas camas, esperando a deixarllas ás netas que aínda permanezan na aldea, ou agachándoas para sempre tras de lareiras xa abandonadas.
A próxima vez que pasedes por Brandomil camiño de Fisterra, mirade ao voso redor. Alí existiu, durante catro ou cinco séculos, un pequeno -non tan pequeno- e provinciano espello do maior imperio do planeta. ¿Que relación ten a República de Homes Libres? Hai que tomala con calma, por agora. Moito nos queda por pasear ao redor de Brandomil, antes de sabelo.
Non deixa de ser unha sorte de brincadeira que Eduardo Pondal chamara Brandomil a un dos seus heroes castrexos poéticos, o bravo guerreiro soterrado no veciño dolmen da Arca da Piosa: xusto foi escoller o pobo máis romanizado da comarca.

Ola Manuel, en primeiro lugar parabéns polo blog.
Certamente Brandomil é unha pasada a pouco que deas unha patada aparece algo, pero en toda a contorna pasa algo parecido.
Hai un número da revista Brigantium no que se analiza todo o asentamento.
No prelo de Xerais está unha publicación, dun grupo de historiadores locais, sobre a Terra de Soneira que, de seguro, nos achegará unha visión seria, contrastada e de conxunto de todo o patrimonio da comarca.
Dende o SNL do Concello organizamos durante o mes de abril unhas Xornadas sobre historia de Galicia coincidindo con que a Deputación da Coruña nos traía unha exposición sobre ese tema. Trouxemos varios expertos que lle explicaron ao alumnado dos centros de ensino distintos aspectos relacionados coa historia e máis concretamente coa historia local, faláronlle das mámoas, que tamén temos unhas cuantas, dos dolmens, dos castros e por suposto dos romanos e dos suevos que tamén deixaron unhas pegadas importantes, sobre todo na toponimia.
Hai que sementar entre os rapacese rapazas e entre o público non especializado o interese pola historia, pola arqueoloxía, por coñecer o que nos rodea, cousa que dende Capitulo 0 fas de maneira excepcional.
Un saúdo
Pepe, moitas grazas polo comentario.
Si, xa sabía das xornadas de Historia de Galicia (moi ben), pero non do libro da Terra de Soneira. Estarei pendente para botarlle unha ollada, porque a zona interésame moito. No caso do mundo romano nesa área, ou do mundo medieval, unha ollada de conxunto virá fenomenal.
Ola Manuel!
non vexas a ledicia que sentín ó ver o teu interese pola nosa aldea. Debo recoñecer que unha imaxe fai máis que mil palabras.. e neste caso foi o que me trouxo a ler o teu blog, a imaxe da señora Mercedes da Fandiña, entrañable. xa me imaxino a vosa conversa, co que lle gusta falar.. jejjeje
Os meus parabéns por dar a coñecer este lugar tan interesante.. en tantos e tantos sentidos.
Un saúdo
Xa se ve que a señora Mercedes ten sona! :-)
Un saúdo
Encántame como escribes. É un pracer inmenso seguirte. Fas que vivamos as túas experiencias, que sintamos o que ti sentes, que vexamos o que vós vedes… a través das túas palabras. E as imaxes son sublimes. Parabéns ós dous polo marabilloso conxunto que formades
Moitas grazas. É por comentarios coma estes polos que seguimos escribindo e tentando compartir con emoción esta visión de Galicia.
De verdade, grazas de corazón.
Que raro que non ande por aí o monaguillo de brandomil.
Este blogue teu é um poço sem fundo… quanto mais foço nele, mais fermosura vou topando. Posts como este sobre Brandomil vinham-che-me mui bem hai cousa de um ano, quando andava a trabalhar com a toponímia desta zona para a minha tese… umha mágoa lê-lo com tanta demora!