Baixo as rúas de Valladolid transita un pequeno río chamado o Esgueva. O urbanismo acabou…
Paparotas & Co
Os lectores de Capítulo Cero lembraredes un post que escribín en setembro ao redor dos antigos poemas populares que se conservaban nas aldeas da ría de Arousa sobre o varamento de baleas. Se lembrades, unha das baleas que falabamos era a de Peralto (Escarabote). Dicía o seguinte:
Outra balea que xenerou un auténtico acontecemento foi a que embarrancou en Peralto (Escarabote), e aínda debía estar viva. Queda a memoria dela en señores e señoras moi maiores que era nenos cando o viron, e as coplas que se inventaron valeron para preservar esta memoria. O poema chegou moi mutilado a nós, pero chegou. A señora María Treus, dos Casais de Graso, lémbraa porque xa que ela era da aldea da Madanela, cando tiña que baixar á Vila (a Pobra do Caramiñal) a vender os produtos da horta íaa cantando, coas outras nenas, polo camiño. A copla completouse cos recordos de Tareixa Abuín, axudada polo seu home Bieito López.
Pois ben, meu pai Manuel Gago Pérez, que está a facer un traballo inxente e memorable de recuperación da memoria mariñeira da ría de Arousa, conseguiu un auténtico tesouro. O poema completo que narra o episodio do varamento da balea de Peralto, aló a principios do século XX. Estaba mecanografada, e tíñaa gardada Manuel González Davila (Manolo das Taras). Podes baixar o orixinal en pdf aquí. Os recordos da poboación contan que ao final non se deron desfeito da balea e acabárona botando ao mar en cachos porque xa apestaba Escarabote. Iso xenerou un incómodo dano colateral: como en Escarabote eran moi dados ao uso do bou de vara, un aparello de arrastre, este non facía máis que enganchar nos cachos da balea, na súa osamenta, etc, e andaban ás voltas ata que lles rompía o aparello. Lembrábanse ben da condenada balea cada vez!
O poema é unha pequena xoia da tradición oral arousá. Está construído en coplas e preparada para ser vendida en feiras da comarca. A súa estrutura formal permítenos ver como se construían os esterotipos que definían as diferentes comunidades da comarca; o humor como característica fundamental dunha sociedade viva e dinámica, a da Galicia de principios do século XX. Pero ao lela por primeira vez despois de tantas décadas, non podo menos que pensar, en certo xeito, neste retrato colorista dunha fartura ocasional que o mar trouxo a comunidades que non podían acceder doadamente á comida de carne, ou con tan elevada cantidade de proteínas. O retrato que vemos aquí ten ese metatexto: a dunha sociedade case vexetariana (por forza) que está a vivir un festín do azar. Cantas veces se repetiría isto, cantas veces se contaría esta historia en versos, na historia das nosas rías? Estou convencido de que hai máis de dous mil anos, nunha vella lingua hoxe perdida, as comunidades da Idade do Ferro, e antes delas as do Bronce, e antes delas as Neolíticas, celebraban festivamente este agasallo da natureza con métricas, con estereotipos locais e con humor. E, seguro que como en aquela época, o noso poema ata ten un heroe, José Ramón. Que faria exactamente José Ramón? Iso se nos escapa.
Aló imos a ver o poema, que volve a ser público despois de durmir décadas nun caixón. Clicka no interior do post para podelo ler.
