A visita do Arquiduque Leopoldo Guillermo ao seu gabinete de pinturas. David Teniers, o mozo.…
Libros

Os escritores John Berger e Ryzard Kapuscinski
Non, non penses que vou falar do caso José María García, aínda que o título do post iría que nin pintado. Refírome, máis ben, ao opúsculo de Ryszard Kapunscinski, Os cínicos non serven para este oficio. Sobre o bo xornalismo. O pequeno volume -130 páxinas- recolle o resultado de varias conversas e coloquios mantidos con Kapunscinski por parte de investigadores e xornalistas en Italia, e remata cunha conversa entre o polaco e John Berger.
Sexa porque o libro é o resultado dunha transcrición da conversa oral, sexa porque o propio estilo narrativo de Kapunscinski fuxía de calquera esgo de pedantería, o libro lese coma os consellos dun avó. E fronte aos que cren que o saber se fai máis complexo conforme máis o dominas, Kapunscinski ofrece unha lección auténtica de humildade, intelixencia e luminosidade sobre a práctica do xornalismo. Se cadra, os profesionais máis novos da comunicación pensarán que algúns dos consellos do vello son banais e lóxicos: non o son. Son guías sorprendentes para manter a cabeza fría nunha profesión na que, segundo o propio escritor e xornalista polaco, “hai que sacrificar unha parte de nós memos, porque convivimos con ela 24 horas ao día”. Ocorre como con algúns refráns, que non os comprendes ata que non sufres as consecuencias e de súpeto cobran sentido real. O libro remata co coloquio con John Berger, o notábel labrego da literatura e da arte. Escolmei algunhas citas luminosas do libro que podes consultar dentro do post.
