

As Piscinas do Atlántico, en Madeira. Fotos de Fernando Guerra
Se a arte da fotografía é difícil, a máis delicada e sutil das súas especializacións é a fotografía de arquitectura. Fotografía para especialistas, e polo tanto, moi esixente na súa precisión, no nivel de detalle, no saber reflectir que é o importante nun volume, nun edificio, e como debe ser realzado. Se outros fotógrafos contan coa xestualidade, co movemento, coa composición, os fotógrafos da arquitectura móvense nun contorno puramente atmosférico, ambiental, onde a destreza está nos tempos de exposición, na obturación, no trípode.
A través da imprescindíbel Barriga dum Arquitecto, coñecín o traballo do arquitecto lisboeta Fernando Guerra, e descubrín un novo xeito de advertir os edificios. Guerra sempre se preocupa de introducir a escala humana, de forma sutil e integrada nos volumes, e consegue extraer a emoción maior que existe nos grandes volumes contemporáneos, tantas veces muda e invisíbel. Guerra podería reconciliar a arquitectura contemporánea co gusto popular, porque consegue extraer esa beleza imaxinaria que existe no cerne das cousas. Consegue facer que os edificios falen e se convirtan en parte de nós, como sempre foron.
E, se non me cres, prende os altofalantes e mira as diapositivas con audio das Piscinas do Atlántico, un proxecto de apertura dun espazo de lecer ao carón do mar deseñado por Paulo David en Lobos, na illa de Madeira. E marabíllate. Logo podes visitar o seu sitio de antoloxías, Últimas Reportagens e curiosear ata ver, doutro xeito, a fotografía de arquitectura e desexar que os edificios te falen como lle fan a este rapaz.

Encantaronme, sempre manten nas imaxes unha impronta das actividades da xente co entorno, tamén me chama a atencion a perspectiva , ainda que se lle supon po la sua profesion.
Gustariame saber que equipo usa normalmente, ainda que non quero que lle pase coma a aquel fotografo que foi invitado a unha cea, e a o finalizar o xantar, mostroulle a os anfitrions parte do seu traballo, ante o cal a anfitriona, dixolle que eran unhas imaxes espectaculares, e que ben que lle notaba que tiña moi boa camara. Ante o cal, el respondeu que tamen a cena estuvera caralluda, que tamen se notaba que tiña moi boa tarteira…
Saudos.-