A mesa limón, de Julian Barnes: as fábulas modernas do crepúsculo

barnes.jpg
O escritor británico Julian Barnes

O limón é a cor da morte na cultura chinesa, e en Helsinki, a principios do século XX, nun bar frecuentado por Sibelius, os que se sentaban na mesa limón estaban obrigados a falar da morte. Así comeza a promo editorial de A mesa limón, un libro de relatos do escritor británico Julian Barnes. A través de once relatos, Barnes adéntrase con precisión na vida de sexaxenarios, septuaxenarios e octoxenarios que xa non poden eludir a existencia da conta atrás pero nos que segue a existir o alento da vida.

Os vellos non adoitan ser unha materia narrativa libre: atrapados nas súas lecturas e nos seus recordos de infancia, os escritores inzan a literatura de personaxes anciáns que repiten os prexuizosos esquemas da vellez literaria ao longo dos séculos: moitos vellos das novelas son sabios, admonitores, apacíbeis, paternalistas, refuxios, forxadores da formación vital dos protagonistas. É dicir, sempre son materia secundaria, e un tanto decorativa. No noso país, ademais, desempeñan o rol mitificado da preservación da tradición e da identidade cultural (aínda que non, curiosamente, a da súa desintegración contemporánea, que eles contribuíron consciente ou inconscientemente a materializar).

mesa_limon.jpgNas historias de Barnes o vello convírtese, pola contra, nunha importante materia narrativa recuperada, desprovista de tabúes e valores míticos, susceptíbel de deberse á complexidade dramática que supón a certeza, tan progresiva, da morte. A sabiduría revélase coma o que, moitas veces, en realidade é: a capacidade de predecir unha consecuencia a base de ter xa visto repetidas moitas veces situacións precedentes. A apacibilidade da vellez só é a confianza nunha rutina de movementos asentados no tempo e, case, no córtex: o que coñecemos como manías. En Vixiancia, un melómano pensa todo tipo de solucións drásticas para eliminar aos tusidores do público da Sinfónica, que magnifica no seu oído por riba do silencio. En Hixiene, o vello militar, que acode á cidade para a cea anual de veteranos do Exército, descomponse mentalmente ao descubrir a desaparición de Babs, a puta con quen exercía a rutina anual da infidelidade marital. Na Historia de Mats Israelson, o protagonista busca nun prosteiro alento a redención dun amor non consumado, levado en silencio durante décadas nunha pequena cidade sueca.

Barnes escribe elexías da minúscula grandeza da vida cotiá, con toques de fino humor e ironía que, por veces, chegan a deslumbrar. Unha estupenda obra do autor de Arthur&George.

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *