Repúblicas de Homes Libres: santuarios e castelos na beira do Tambre

Last updated on 7 / Xuño/ 2020


O Monte do Castelo, en Portomeiro (Val do Dubra). Apréciese a delicadeza da canteira de pedra na aba do monte. Unha veciña díxonos que cesara a actividade.

A través do Bluetooth, Sole dinos mentres baixamos co coche por unha pista nalgures nas abas que baixan ao Tambre en Val do Dubra.

-Flipades tantas veces que a xente xa non vos vai facer caso.

Rímonos e dámoslle a razón.

-É certo. Pero, ¿que lle imos facer?

Estamos na solitaria aldea de Novais, sede dun antigo mosteiro chamado Novallis, mentres dous enormes cans corren amezadoramente contra o coche. Acabamos de pasar a mañá nun recinto fortificado, outro dos castelos nos que estamos a teimar, tentando comprender cinco séculos perdidos da nosa Historia na serie Repúblicas de Homes Libres. Puxéranos sobre aviso sobre o Castelo de Portomeiro, no Val do Dubra, un lector de Capítulo Cero, David, revelando unha vez máis a estraña relación entre mosteiros altomedievais e castelos hoxe desaparecidos. Aquí contabamos a historia en detalle.

Así que chegamos á aldea de Portomeiro, onde sorprende o impresionante traballo de restauración das antigas casas tradicionais, de enormes sillares. Desde alí xa se ve o Castelo, ou Monte Maior. Este Monte Maior está xusto enfronte, río Tambre de por medio, do Castro Maior que pertence a Compostela. Chama a atención a relación de pares de castelos entre ambas as dúas partes do Tambre. Unha señora nos fala de que alí no Castelo vivían os romanos e de que os túneles baixaban ao río Tambre. Un clásico.

Subimos, coma sempre polo camiño máis difícil. Ata que comezan a aparecer enormes penedías, e dentro delas covas. Subimos aínda máis pendentes, enfiando o cumio, apartando maleza. Ata que unha fiada de pedras nos fala de que estamos a entrar na fortaleza. ¿Que sorpresas haberá? Andamos curiosos. Para comezar, esta:

A muralla do castelo, como acontece no Castro Valente ou no Castelo de San Marcos, ten dous estilos diferentes. Desta volta, sorprendidos observamos como na área que mira ao Tambre (que alí pega fermosos meandros), a Castro Maior e tamén ao Porto do Crego, o estreito paso que sube do mosteiro de Novallis (actual aldea de Novais) e do seu paso de barqueiro (que se conserva na tradición oral) a muralla é monumental, mesmo con dous niveis diferentes, de pedra e con mesmo elementos defensivos a maiores, como atalaias e torreóns, dos que isto que vedes é un exemplo:

Da banda do val de Portomeiro, pola contra, a muralla é moito menos monumental, máis inestable. O mesmo conto.

O castelo combina as súas murallas coa presenza de enormes penedías que reforzan a propia estrutura do castelo, pero que tamén crean covas e espazos labirínticos. Fixádevos nesta foto:

Non puidemos chegar ata alí, pero o que está marcado con vermello é un muro derruido que tapa algún tipo de paso entre penedos. Acontece continuamente no castelo. Penedos de xeitos caprichosos que aparecen rodeados de muros agora caídos, pero que antes debían compoñer algún tipo de estrutura común no que se fusionaban rocha e vivendas ou defensas. Un dos exemplos máis alucinantes é este:

A muralla discorre e pasa por detrás desta pedra. Vedes que Xurxo mira con interese cara o interior. Hai unha cova. É que a muralla pecha a cova. Se vos fixades na segunda foto, aínda está en pé un anaco do peche. Pero, e aquí vén o interesante, nun estremo parece que hai un espazo para descender e meterse nese húmido e escuro lugar. Con todo, en canto comezamos a andar polo borde da muralla e nos puxemos na estrema que mira a Castromaior e ao Tambre, é dicir, en dirección Suroeste, comezamos a dubidar de que o uso deste lugar fora exclusivamente militar. Que isto era algo máis. Sobre todo, polas pías labradas artificialmente nalgunhas rochas:


Pía totalmente labrada.


Neste caso, a pía, que debe ter unha orixe natural, está realzada con ese borde.


Detalle da anterior.

Por todas partes, atopábanse restos de dous tipos de material cerámico: tégula e tella. A tégula, de orixe romana, como a que vedes na fotografía, é plana. O estilo da muralla, razoablemente ben conservada, era similar aos outros castelos que levamos investigando nestes meses.

Pero non foi o máis abraiante. Camiñando polo medio da croa, de súpeto Xurxo botou un berro de sorpresa. Apareceu esta pía.

Unha pía perfectamente disposta, no centro da croa, e no interior de algún tipo de recinto do que percibimos a cimentación ao redor. A pía, que representa un clásico altar rupestre que proliferan na Gallaecia co mundo romano (falarei esta semana do santuario portugués de Panóias, onde está o máximo exponente deste tipo de traballos sagrados), é rectangular, e está construído nunha pedra que simula perfectamente unha ara. A nosa sorpresa é maiúscula. É a primeira vez que nos atopamos isto así nun castelo, designado con esa nomenclatura e con evidencias de habitación en época tardorromana ou medieval. Determinados elementos propios dos espazos relixiosos galaicorromanos figuran aí, nun misterioso contorno cheo de covas graníticas e francamente moi ben preservados. E ademáis, un tanto lonxe de onde é frecuente a súa aparición, coma no castro de Santomé, en Ourense. Toda unha sorpresa. ¿É para flipar ou non?

Chamamos a un amigo arqueólogo para compartilo. El escacha da risa na outra banda do teléfono e comeza a cantar con acento ecuatoriano:

Nemeeetóoooonnnn!!!!

Neste vídeo podes ver aínda moitas máis cousas do castelo de Portomeiro: unha cova con muriños interiores, unha porta orixinal perfectamente conservada e con algo máis de detalle esta sorprendente pía:

Nota: para chegar ao castelo de Portomeiro o máis axeitado é subir pola canteira, onde localizamos un camiño aberto que entra na croa. Nós fixemos o camiño desde o lado exactamente contrario, onde apenas hai un pequeno sendeiro da xente que sube a ver algunhas das espectaculares covas deste lugar. Aquí está a localización do castelo.

Anteriores posts das Repúblicas de Homes Libres

21 Comments

  1. A. Vidal
    27 / Marzo/ 2010

    Magnífico video ¡¡¡ , e moi ben presentado ¡. A ver para cando unha serie documental televisiva desta misteriosa República.
    Chamoume a atención a pía , e de paso darche a coñecer o castro de Famelga (Cotobade)
    acondicionado agora polos veciños , e que ten unha pía curiosísima no centro do castro (mellor ver). Tamén ten un petroglifo que eu xa non sei que pensar del….( se é da idade de pedra , unha pincelada cristiana ou a man dun hippy )

  2. 27 / Marzo/ 2010

    Grazas, Vidal: a verdade é que o concello de Cotobade me encanta e teño unha visita arqueolóxico-gastronómica prevista para cando os días se nos fagan un pouco máis longos!

  3. 28 / Marzo/ 2010

    Sinalar, por certo, que a diferencia do Castro Valente ou do Castelo de San Marcos, neste lugar non parece que se dera unha ocupación breve ou coxuntural. Aquí, cando menos a través do que se aprecia superficialmente, debeu haber unha ocupación bastante dilatada no tempo, ao mellor desde a Segunda Idade do Ferro ata os séculos VIII ou IX.

  4. david
    28 / Marzo/ 2010

    eu flipo, ti flipas, el flipa, nós flipamos, vós flipades, eles flipan

    polo interés do que se vai vendo, pero tamén

    pola desidia e o abandono das políticas culturais das administracións e das políticas dos cidadáns particulares, quero dicir: verás un cazador no monte, pero ver a alguén que ande a ver é ben raro; somos unha colectividade que vive allea a si mesma, non só no idiomático, tamén no cultural, tamén no ecolóxico, etc

    é como se todo fose orgánico; como se nada se proxectase en historia; as aldeas abandonadas en certa maneira convocan o mesmo misterio destes castelos; cal é o seu rastro no tempo?; as mesmas silveiras, as mesmas muradas derrubadas; o outro día estiven nunha fermosísima igrexa abandonada, santa Baia de Chacín, as portas reventadas, o vacío, os teitos que ameazan a desfeita, a humidade, dalgunha maneira resultaba tan misteriosa como esa pía de Portomeiro; quen, sen coñecer o ritual imaxinaría para que esactamente servía unha pía de auga bendita?; lugares do abandono: colectivamente imponse a sensación de que nos dá igual unha murada milenaria, un antigo camiño, restos de enterramentos megalíticos ou un idioma; pero quen perde a súa dimensión temporal cara o pasado perde a súa capacidade de proxectarse no porvir; non é o caso deste blog e eu sinto aí a súa virtude esencial; no fondo, dito así se me permites, un petroglifo é unha tecnoloxía da información e da comunicación (mesmo que esta sexa comunicación co sagrado, ou co trascendente e información do numinoso ou do innomeable, as esvaradías fronteiras do irracional); de aí que sexa tan interesante ver o último, o que virá e o que foi na mesma mesa tan ben surtida por certo (había que facer unha semana gastronómica do millo)

    unha aperta que me lío e grazas de novo

  5. Antón
    28 / Marzo/ 2010

    Os agochos baixo xigantescos cons semellan os que hai no Castelo do monte Lobeira , na raia entre dos concellos de Vilanova e Vilagarcía de Arousa e atalaia sobor da ría.
    Un saúdo

  6. 28 / Marzo/ 2010

    Lobeira é unha estupenda analoxía para este Castelo de Portomeiro (aínda que este último ten unha superficie máis ampla na zona superior que o de Lobeira, máis abrupto). E Lobeira tamén é un castellum altomedieval, cabeza dun territorio naquel momento.

  7. 28 / Marzo/ 2010

    David, coincido contigo en que a desidia co patrimonio é, por desgraza, un problema tanto colectivo e político como particular e individual neste país. Por veces botamos a culpa ás administracións das súas actuacións (e a teñen innumerábeis veces, non hai máis que ver a canteira a punto de merendarse este castelo ao principio do post) pero ese sinalamento non é máis que, moitas veces, unha escurrida de vulto. Se quixeramos máis os nosos montes, e só se queren cando se andan, non se cometerían tantas tropelías como se fan, estou convencido.

  8. Xabres da Teixeira
    28 / Marzo/ 2010

    Maginífico traballo. ¡Eu cando sexa grande quero facer estas cousas coma ti!
    O mencionado das pías, troúxome as mentes unhas pías que vin nu castro, cerca da Mezquita-Ourense-, as que os veciños da aldea chaman maseiras.
    O caso é que son pequenas e , polo menos as que ví, son cuadradas e duns cuarenta ou cuarenta e cinco centímetros de lado. Parece como se nelas estivesen ancladas columnas, non sei…, ¿aguén poderia opinar sobre eso.?
    Se queres pásote unhas fotos dalgunha delas, para que ver de saber algo mais sobre as mesmas.
    Saúdos.

  9. 28 / Marzo/ 2010

    Moitas desas pías máis pequenas sen dúbida eran soportes para postes. Hai evidencias arqueolóxicas ao respecto. Con respecto ás máis rectangulares e grandes, como estas que vedes aquí, pois sen dúbida a cuestión é bastante máis complicada. Eu, xa che digo, no caso desta última, cando a ves, parece claramente un ara romana pero sen labrar, de xeito natural. Publicarei esta semana ou a que vén as fotos que teño de Panóias para que vexades o modelo das pías nas pedras máis desenvolvido.

  10. anxo
    28 / Marzo/ 2010

    Pararabens polo vídeo.

    Permítome unha suxerencia: Castro de Cantelle, no cumio do monte Cantelle, onde nace o río Ulla. Estuven hai anos alí. Non vin ningunha pía pero si un castro moi ben conservado.

  11. 29 / Marzo/ 2010

    Moitas grazas, Anxo! Encántame o Deza e a Ulloa e anoto a referencia para cando vaia por aló.

  12. 30 / Marzo/ 2010

    Grazas, José Luis. É un chulo reportaxe sobre os castros do Deza. Pero téñoche que dicir que faltan uns cantos dos máis chulos nel. :-)

  13. Moncho
    30 / Marzo/ 2010

    Alucinante! Alucinante non só polo que estades a descubrir coas vosas saídas, senón tamén por -como dicilo?- que todo iso estea ahí… prácticamente ó lado da casa é, ó mesmo tempo, tan agachado no monte que tan só os veciños do lugar saben que nese lugar “hai/houbo algo”… Neste caso concreto, podo dicir que eu fun de pequeno ó colexio de Portomouro, miña nai deu clases alí alomenos 25 anos, coñecemos a moitas persoas da zona, e esta é a primeira noticia que temos da existencia dese castelo…
    Noraboa por este traballo. É penso que digo ben: realmente é un traballo… porque estades a documentar máis sobre estes lugares que calquera cousa que se poida ter feito ata o momento e, o máis importante, a compartilo con todos nós.
    E penso tamén que falo por boca de todos se digo: queremos máis!!

    Un saúdo!

  14. 30 / Marzo/ 2010

    Grazas, Moncho! Que vos interese -e así o amosan os comentarios pero tamén a audiencia de cada post da serie- é un enorme ánimo para facelo ben. Agora, despois de Semana Santa, prepararemos un par de posts para recapitular e entender todo correctamente, e estou pensando en facer un contedor que permita comprender todo mellor. O modelo do blog está ben para ir poñendo novidades pero precisamos velo todo algo máis en conxunto. Sobre todo porque hai moitos lugares, moitos achados, e eu estimo que entre Compostela e o mar aínda nos faltan por visitar facilmente uns dez xacementos máis, que non sei en que estado estarán.

    O interesante é que, aínda que non o esteamos a contar aínda, todo o traballo de campo nos está permitindo ter unha fotografía global bastante interesante, e supoño que tamén a moitos de vós.

    Con respecto ao Castelo de Portomeiro, temos pendente un retorno cando haxa mellor temperatura e teñamos a máis vellos na rúa. Queremos facer con eles unha recollida de microtopónimos e tradición oral. A pouco que rañamos o outro día xa apareceron cousas. Tamén preciso buscar nun par de fontes a ver se por alí se atoparon inscricións ou aras romanas. Ten unha pinta criminal, pero o baleiro documental (na rede) é grande con respecto ao Val do Dubra.

  15. Norte
    20 / Maio/ 2010

    Pois xa fun a velo. Impresionante. Menos mal que, polo momento, salvóuse do avance da canteira, que pola banda do castro parece estar parada, aínda que segue habendo actividade na zona. ¿Cántos xacementos interesantes, mesmo imprescindibles para encher as lagoas de coñecemento da nosa historia, desaparecen para sempre pola iñorancia, a cobiza e a desidia? Polo menos gracias a xente coma vos quedará algúnha testemuña de sitios coma este. Gracias Manolo.

  16. 20 / Maio/ 2010

    alégrome de que te resultara interesante. Outro día tes que baixar a buscar o mosteiro de Novallis, a pé do Tambre. Coidado cos cans ceibos.

    Si, por sorte, a canteira non tocou de miragre o castro. Pero alégrome que a historia estea saltando aos medios. A ver se se consegue frear o vandalismo aló.

  17. Norte
    21 / Maio/ 2010

    Supoño que coñeces outro castro moi cerca de Portomouro. Cando voltaba de visitar o de Portomeiro vin que o GPS indicaba un castro e alá que me fun a buscalo. Conserva uns parapetos moi claros e está ó lado da carretera.

  18. Ismael
    20 / Febreiro/ 2011

    Hola, boas, eu son un veciño de portomeiro,gustoume moito o reportaxe, quero decir que haberia que facer algo para que a zona do castelo estivera en mellor estado pois a zona esta totalmente abandonada.Gustame moito ilo visitar de vez en cando, parece que cada vez que vou vexo ago novo!! eu aida son bastante novo e as miñas opinions alí non seven para nada.Por iso necesitaba a bosa axuda!!Moitas grazas

  19. 20 / Febreiro/ 2011

    Ismael, conta comigo para explicarlle aos veciños a importancia do castelo de Portomeiro. Non temos ningún problema en achegarnos ata aló para botarvos unha man con iso. O meu correo é magago@gmail.com, por se me queres escribir.

  20. Ismael
    21 / Febreiro/ 2011

    Moitas grazas pola vosa axuda!!!!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *