Estampas pompeianas (I): o espello do tempo
2 / September/ 2010 – 6:18 pm | 3 Comments

Aos lugares nos que fuches feliz non volvas. Ante esta chamada á fuxida, o mellor é afrontar o reto. E descubrir na túa ollada sobre a máis fascinante cidade do mundo antigo que xa es outro.

Le a historia completa »
Home » Diario, Notas arqueolóxicas, Repúblicas de Homes Libres, Roteiros

Repúblicas de Homes Libres: o castelo de Ínsua

19 / December/ 2009 12 comentarios


Fotos: Sole

Aínda que non temos tempo nin para mirar aos lados (literalmente), as viaxes de produción fotográfica permítennos facer algún alto para explorar sitios para a serie Repúblicas de Homes Libres. Aquí estamos vendo o mundo (encarnado na ría de Muros e no río Tambre) desde o Castelo de Ínsua, na Serra de Outes, unha aillada fortaleza nun monte espectacular que os cabestros da forestal ou de montes ou da nai que os fixo destrozaron chantándolle unha caseta por riba. Desde aí vemos o mítico castelo de Luania (onde estou sinalando na foto) e a ubicación das ruinas do mosteiro de Cuarenza, pero tamén ese impresionante penedo da segunda foto, a Pedra Serpal. Como non se ve ninguén ao carón que sirva de referencia, parece pequeno, pero é enorme. E debe estar cheo de lendas.

Seguimos. Lembrade que cando menos nos faltan dous ou tres episodios da serie por contar. Será en febreiro ou marzo. :-)

12 comentarios »

  • david says:

    Pedra Serpal e á enfilación antiga para entrar na ría, é dicir a Marca da ría. Os veleiros de Noia entraban adentro marcando a enfilación pola Pedra Serpal (creo que tamén teño visto Tabeirón, porque desde o mar figura unha aleta, pero pode que sexa un dato trastocado) e a punta sur da Illa da Quebra. Tamén lle axudaban a marcar pedras de peixe e tal os Bois da Luaña, uns lombos que desde o mar parecen lombos de bois a pacer. Iso cando vían e non había néboa. Se había néboa e era de día, guiábanse polos sinos das Igrexas e o ruído especial do mar en según que cons. Hai xente que no mar se emborracha coa néboa, mariñeiros experimentados. Se era de noite e había néboa e non podían oír os sinos, só había unha maneira, un tanto misteriosa, e que só entende realmente alguén que o vivise: a guía neses casos era o que chaman “o mar grande”, un debalo do mar diferente ao das ondas, que aquí vén sempre, de maneira invariable desde o Oeste. O patrón tiña que notar, sentir ese mar e guiar o barco en función da súa orientación invariable; mellor non verse nesas.
    Unha aperta, estas informacións veñen dos mariñeiros vellos que aparecen nos vídeos sobre a restauración do Balandro Vieta que están colgados, xunto coas curtametraxes dos rapaces do IES Porto do Son, aquí http://vimeo.com/channels/66149

  • R. says:

    David, qué narración máis alucinante. Lémbrame ás “neves grandes” que seguen os esquimais nos roteiros invisibles das neves brancas. Cada vento brua e debuxa azoutes diferentes sobre a neve. Un mapa de signos e sons realizado polo vento do círculo Polar.

  • Rebeca says:

    Fermoso o lugar, e tan básica coma útil a función da Pedra Serpal. “Menos es más”. Complicada tarefa a de entrar pola ría. Supoño que igual de complicado que dar montado unha iniciativa audiovisual coma “vinte dez” a canle dos rapaces do IES de Porto do Son. Noraboa!

  • magago says:

    David, un gran relato. Tamén teño visto que se fala da Pedra Serpal como “Pedra do Berveo”, pero na rede eu non din localizado informacións sobre ela, a maiores de que é un gran sitio para facer escalada.

    Haberá que investigar o folclore.

    Poderosa imaxe a do “mar grande”!

  • david says:

    hoxe subín ao Castelo cos nenos a ensinarlle a pedra Serpal ou Xarpal, tiña unha curiosidade non comprobada
    e en efecto,
    se desde a mesma posición na que ti que estás na 2ª foto xirases o brazo uns 45 graos ao norte, ou á esquerda túa, estarías sinalando o Castelo de Portomeiro, perfectamente visible e definido no horizonte, (recoñecerialo senón coñeces o seu perfil pola canteira de seixo que hai aos pés del)
    nada extraordinario por outra parte pois vese a terra do Tambre e a terra da Ría toda, ata o Pindo
    pensei na familiaridade coa que os rapaces viven a beleza desta terra

  • magago says:

    Efectivamente, David, teño a percepción de que as ribeiras do Tambre, que son unha das murallas naturais máis grandes que hai nesta parte de Galicia, están inzadas de castelos mirándose os uns para os outros. É unha conxetura na que andamos.

  • Sobre o castelo, acaba de saír un libro de Carlos Barros titulado “Torres, barras e demo. Os irmandiños da ría Muros-Noia” centrado na Serra de Outes e no castelo que deu orixe á vila. Hai unha noticia da presentación do libro na Coz
    http://www.lavozdegalicia.com/barbanza/2009/10/28/0003_8067086.htm
    é moi interesante porque alén dos datos históricos convencionais aporta muitos outros moi interesantes dende o punto de vista das mentalidades.
    Ademáis, sobre os puntos de enfiar, na ría de Vigo a min dixéronme, ou eu entendín (que non sempre é o mesmo), que lle chaman tamén “abicar”

  • magago says:

    Si, Avelino, ese libro debe tratar sobre un interesantísimo castelo que hai noutra parte de Outes, o “Castelo de Outes”, que conta cun montón de folclore, e que ten unha historia -real e mítica- do máis interesante, mesmo novelesca, que coñecemos moito grazas ao pleito Tabera-Fonseca. Estivemos ao pé mesmo o outro día, pero publicarei un post cando consigamos meternos en el (creo que aquelo é unha xungla infame). Ademáis, hai confusión porque podería haber algún tipo de recinto anterior nas proximidades.

    Pero se non me trabuco, do pobre castelo da Ínsua deste post por agora non sabemos nada que nos digan os libros.

  • Xosé says:

    Na aldea de Nimo chámanlle, coma ti comentabas, Pedra de Berveo.

  • Manu says:

    O nome de Berveo non terá que ver co deus Berobreo?

  • magago says:

    Ehem, Manu, dilo ti, non eu. :-)

    Recoñezo que tamén o pensei, aínda que os restos arqueolóxicos do suposto castelo están esmagados pola caseta forestal. Iso si, non parece haber un castro coma no monte do Facho.

Deixa un comentario!

Engade o teu comentario debaixo, ou trackback do teu propio sitio. Ti tamén subscribirse a estes comentarios via RSS.

Pórtate ben. Manteno limpo. Queda no tema. Non sexas troll. Nada de anónimos vengativos nin outras trangalladas

Podes empregar estes tags:
<a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>

Este blog recoñece Gravatar. Se queres ter un, rexístrate en Gravatar.