A banda deseñada da Torre dos Mouros, debuxada e guionizada por Manel Cráneo, xa está…
Torre dos Mouros

Pois hoxe é un gran día, porque como agasallo para esta fin de semana, presentámosche as primeiras dúas páxinas da banda deseñada da Torre dos Mouros, nas que o debuxante Manel Cráneo recrea os principais achados arqueolóxicos da campaña 2012 nun contexto humano. A acción está ambientada no século X, unah época na que Lira e Carnota eran moi distintas a como son hoxe e no que a vella fortificación dos seus devanceiros vai xogar un papel crítico nas vidas dos veciños.
O resto da banda deseñada, por suposto, xa está en fase de produción moi adiantada, e o traballo con Manel é fascinante. Debido á súa necesidade de facer visible, darlle corpo a un mundo moi distinto ao actual, fainos continuamente preguntas sobre o territorio, o espazo, a distribución humana, as actividades económicas, os edificios, os camiños, os sistemas defensivos, as roupas, a política, a espiritualidade, a sociedade…
Aí é cando un se dá conta da relevancia de facer este tipo de proxectos de divulgación vinculados a un xacemento arqueolóxico: a banda deseñada obriga a pensar de forma máis global no propio sitio arqueolóxico e a ter en conta aspectos que, nas inercias do traballo e nas preguntas que te fas sobre o propio xacemento, non tes en conta. Son magníficos complementos do traballo científico.
Aquí tes unha entrevista que lle fixemos in situ a Manel Cráneo cando visitou en xullo, no que el conta a súa maneira de traballar.
Podes consultar e descargar as dúas primeiras páxinas no interior do post. Aviso que xa engancha nada máis comezar.
Finalizamos o traballo de campo na Torre dos Mouros (Lira, Carnota) e agora toca procesar os resultados. Entrementres, ofrecemos unhas conclusións de urxencia sobre o proxecto que tocan diferentes ámbitos: o arqueolóxico, o social, o comunicativo ou o turístico.
