
Lenzo oeste da Torre dos Mouros.
Antón Malde xa a intuíra na primeira planimetría da Torre dos Mouros, pero o drone aéreo permitiunos ver por riba do mato e intuír a posible terceira liña defensiva ou delimitadora da Torre dos Mouros. Probamos o drone aéreo hai un par de meses, nun día de condicións tan excepcionais como raras a nivel metereolóxico. Aquí explicamos un pouco o proceso e o pouco que sabemos por agora desa terceira liña defensiva que incrementa a monumentalidade de todo o sector oeste da Torre dos Mouros (a que mira para Carnota e o mar) e especialmente a do recinto alto da Torre.

A terceira liña defensiva. Aparece de esguello, pero é que non era o noso obxectivo ese día!
Tamén o que vedes na imaxe superior. Esta é a entrada monumental á Torre dos Mouros. A claridade das estruturas non aclara a enorme singularidade desta forma de fortificación. A calzada rectilínea rodeada de muros, a tan diferente envergadura das dúas murallas…é do máis interesante e intrigante.
O interesante é esta versión renovada do hexacóptero que montou o meu irmán Xurxo Gago, e que está a ter nestes momentos moitas aplicacións, como un espectacular uso termográfico para control de cultivos, que permite “ver” o stress hídrico das prantas. A nova versión permite a navegación guiada por GPS, na que o papel do operador é supervisar o vóo e asistir o despegue e a aterraxe do robot. O resto -altitude, velocidade, detención- faise por software e mapas, con navegación predefinida.
Como dixo un dos compañeiros de Carnota que nos acompañou ese día cando repasamos abaixo as imaxes: “mimadriña, o que tal vai haber que rozar”. Encantoume!

Serán as investigacións as que determinen as cronoloxías. Pero a título persoal, as liñas concéntricas de murallas, o grosor e monumentalidade da primeira, a entrada enlousada… lémbranme a cousas xa vistas en Elviña, Baroña ou San Cibrao de Lás. Xa vira varias fotos de Torre dos Mouros, pero realmente ata que vin esta imaxe aérea non o tiven tan claro.
Se ten unha cronoloxía posterior aos castros, desde logo parece responder á mesma tradición arquitectónica.
Eu non lles atopo semellanza coa de Baroña nin coa de Elviña. Elviña segue un pouco ese sistema castrexo de entrar en diagonal, e a de Baroña…bueno, pois teño as miñas dúbidas mesmo da propia entrada, á luz dunha foto inédita dos 70 que teño por aquí. Si se parece máis a Lás, pero é que Lás é un castro bastante atípico.
Por agora, e mentras as evidencias non determinen o contrario, nós non cremos que sexa castrexo, esencialmente polas técnicas construtivas e as evidencias de rebaixes de pico, etc. Aínda hoxe, un voluntario acaba de recoñecer in situ as fotos da terceira muralla e nunha área específica, o paramento en bloques desde logo non é castrexo (na miña modesta opinión).
http://www.facebook.com/media/set/?set=a.423541007712620.102594.352396424827079&type=1