Last updated on 24 / Marzo/ 2013

En posts anteriores das Repúblicas de Homes Libres teño sinalado un singular fenómeno arqueóloxico que rexe, alomenos, o límite occidental da comarca da Ulloa: os procesos de intensa fortificación, ao longo da Historia destes pasos naturais, e especialmente en época altomedieval. Queira que estes pasos estiveran fortificando ou controlando os accesos a un territorio político moi definido, queira que a centralidade da Ulloa en Galicia convirta a Serra do Careón nunha sorte de fronteira entre a Galicia occidental e oriental, o caso é que hai unha impresionante realidade arqueolóxica aínda en gran parte por investigar. Recoméndoche repasar o post sobre os Gardiáns Dobles da Ulloa.
O sábado tivemos a oportunidade de presentar Herdeiros pola Forza no Castelo de Pambre, cos amigos da Eira da Xoana, a Asociación Cultural O Galo e toda a xente que se achegou ata a fortaleza para acompañarnos na presentación. Como chovía, refuxiámonos e montamos o tinglado no interior da capela de San Pedro, que foi parroquia de Pambre na Alta Idade Media, aos pés mesmos da muralla impoñente da máis fermosa das nosas fortificacións medievais. Trala visita guiada, levei á xente que lle apeteceu a coñecer o ‘tataravó’ do castelo de Pambre.

Trátase dun singular xacemento arqueolóxico: Os Castelos de Remesedo. Está por riba desta fermosa aldea rehabilitada e corresponde ao modelo de castelo altomedieval lugués que xa temos descrito no blog noutras ocasións. Aproveita unha dorsal pétrea para gañar altura e inaccesibilidade, e constrúe unha plataforma por un lateral, e un terraplén sobre o espazo circundante. Os Castelos é impresionante pola ubicación, sobre o río Pambre, controlando os camiños que viñan da parroquia de Eidián e A Golada. Ten comunicación directa visual coas outras dúas fortalezas, de diferentes épocas históricas. Velaí está Pambre, cabo do río, case agachado; Pambre é a preocupación baixomedievalmedieval do control directo dos recursos e dos camiños. Enriba de Pambre, do outro lado do río, está o impresionante castro de Remonde, en aparente magnífico estado de conservación, alomenos nos seus parapetos.
Na visita describín Remesedo coma o ‘tataravó’ de Pambre: nada ten que ver a mentalidade que erixiu Pambre coa que decidiu ubicar aquí os castelos de Remesedo. Aínda que a cronoloxía deste lugar pode ser moi dilatada (na Ulloa estas fortalezas de terra duran ata o século XIV), se cadra a súa ubicación nos estea a falar dun tempo distinto a Pambre, un século VIII-XI. E quen sabe se non chegou a ser tamén coetáneo e complemento de Pambre.
Remesedo introdúcenos nun momento social decisivo de Galicia: quen o edificou e para que? Foi un protopoder feudal? Ou foi algún tipo de colectivo? Do que non nos cabe dúbida, é que na época na que os homes elevaron a plataforma e a gabia que defende as partes vulnerables de Remesedo, a Ulloa era importante, e os seus camiños aínda máis. Tan importante como para ser unha fronteira enorme e, en certo xeito fortificada, de ducias de quilómetros de estensión.
Durante a visita, apareceu outro posible castelo que controlaría este paso de Pambre: o castelo de Mácara, ou de Ramil. Ten moi boa pinta, pero estamos traballando nel.

pena non me enterar a tempo da presentación do fin de semana, non obstante, creo que te trabucaches co nome do río, Tambre_Pambre.
Dato que creo que é interesante:
Antigamente o río Pambre era o río Ulla, sinalado nos mapas, hoxe por ser o ramal mais longo chámaselle Ulla o que ven do sur no madral do Batán, onde se unen os dous, mesmo nos torrentes de Mácara, sen embargo a aldea de Ulloa está mais arriba e mais o norte, no curso do actual Pambre, corroborando xunto coa localización coincidente do antigo comitatus Ulloensis(+-), que iste foi o Ulla. sen embargo o actual Ulla, fluía polo Comitatus Durriensis no S.VIII (Odoario, en fin) que foi o xerme do castelo de Amarante (entendo que), coetáneo do castelo de Pambre. Ben é certo que o Tambre non nace moi lonxe de onde ten as súas fontes, o actual río Pambre, pero estas a falar do Pambre non do Tambre. (ti trabucacheste adrede?)
Non, non, era unha simple gralla, o nome correcto do río é Pambre. Grazas pola achega!
Localización dos Castelos en patrimoniogalego.net:
http://patrimoniogalego.net/index.php/38266/2013/03/os-castelos-de-remesedo/
Excelente investigación. Preto desa zona da Ulloa, non me acorda ben onde, creo que na parroquia de Ramil, no concello de Agolada, existen os restos dunha antigua torre, a Torre de Benquerencia, que nun documento que teño sinala que pertenceu aos Suárez de Deza, e que foi derrubada polos irmandiños. Un saúdo.
Estouvos moi agradecido a todos vos por ir contandome a historia e xeografia desta nosa terra,da que tanto sabedes e pouco publican
Neste derradeiro vrao tiven a sorte de vixiar esta parte de Agolada(Ramil,Borraxeiros,Berredo…),vixiancia dos lumes de todo-los anos por estas terras e que por sorte poucos tivemos pra apagar
Ben que andamos pola parte de Ramil e limites coa provincia de Lugo, sitios coma Santa Mariña,o monte Farelo(969 m de altitude)un dos mais fermosos miradoiros que ten este noso reino.
O caso é de que un ollaba dende un cume media Galiza,polo menos,sen saber que a beira dos camiños que recorría tiñamos os restos da varias fortalezas(o castelo de Pambre claro que si)
Estouvos moi agradecido por contarme historia dunha terra que case nada sabia e que por ben perto andiben neste vrao
Nano, non sei se estaremos algo trabucados. Falas da TORRE DE BENQUERENCIA, pero seica estaba no concello de Barreiros, Lugo. Nese concello teñen a carretera de GOLADA (falas de Agolada). Eu lin os datos na rede, polo que penso que alguén esta trabucado.
Non, non estou trabucado, os restos da torre de Benquerencia están por esas terras, non me lembro onde, teño que consultar os datos. Un saúdo
Nano, esto foi o que lin na Enciclopedia Galega Universal: BENQUERENCIA, TORRE DE, situada en San Pedro de Benquerencia (Barreiros), foi destruida pola Irmandade Galega no transcurso da Revolta Irmandiña.
Páxina na rede:http://historia.benquerencia.info/torre_fortaleza_de_benquerencia.htm.(nesta páxina, nunha imaxe aérea, figura un lugar co nome de Agolada). Unha aperta.
O Castelo de Valquireza estaba situado na parroquia de Val de Sangorza no Concello de Agolada ao carón do río Arnego. Aínda existe o topónimo Monte do Castelo. Pertenceu aos Suarez de Deza e posteriormente tras as loitas destes co arzobispo compostelano Berenguel de Landoira no s. XIII suponse que pasou á mitra compostelan ao igual que o resto das súas pertenzas no Deza, e foi derruído polos irmandiños no s. XIV e coas súas pedras construíuse a Torre de Sesto, a chamada Torre dos Catro Ventos, situada na parroquia de Sesto un par de km máis ao norte. Esta torre pertenceu aos Pimentel Soutomaior, señores da casa de Vilar de Ferreiros, no concello de Santiso, do outro lado do Ulla.
Grazas pola información, Xosé Ramón!