Last updated on 30 / Xaneiro/ 2011
Lembra que podes escoitar, mentres les, a banda sonora das Repúblicas de Homes Libres en Spotify.
Cada novo paso, é unha nova pregunta.
Por iso non quería entrar eu aínda no interior de Galicia. As poucas explicacións que se teñen dado sobre a proliferación destes estraños castelos no alto dos montes era a súa proximidade á costa; unicamente o control do mar. E listo, así de simple e todos para casa. Pero eu sei que non é certo. Que todo é máis complexo. Que a penas entrevemos os relampos deste enigma.
Conforme comezas a explorar o interior de Galicia, o país amosa a mesma densidade de fortalezas en altura, a 600, 700 ou 1000 metros de altitude que na costa.
Tíñalle medo á Ulloa. Percorrendo as súas pequenas estradas, en numerosas ocasións parei o coche ante a presenza de algo sospeitoso no medio dunha fraga: localizaba pequenas motas ao estilo normando ao carón dos antigos camiños reais. A documentación medieval que tiña consultado revelaba que na comarca estaba tremendamente vivo un fenómeno que a finais da Idade Media esmorecía en Galicia: a mediados do XIV a aristocracia da Ulloa aínda vivía en castros. Explícome: non só denominaba aos seus solares como castros, senón que toda a súa estrutura defensiva estaba cimentada nas antigas fortificacións prerromanas e mesmo mámoas da comarca, como Ambreixo, a Mámoa de Losoiro, o Castro das Seixas, Curbián…e podería seguir. Como se de xeración a xeración pasasen eses antigos lugares de poder e continuasen a ter a súa función.
Por iso tíñalle medo á Ulloa, pero hai cousas que non se poden evitar. A finais de 2010, se cadra outubro, mentres produciamos as fotos para o calendario do románico ulloán, nun día de nubes e claros unha raiola de sol petou no fondo do valciño no que se atopa Palas de Rei. E observei intrigado como brillaban uns penedos aló nos confíns. Durante o resto do día, mentres camiñabamos entre parroquias, entre ménsulas, pórticos e cruces celtas, non podía deixar de mirar aqueles penedos sempre visibles desde todas partes.
Así que cando rematamos o traballo fumos ata aló. Dinme de conta de que os penedos non eran só algúns: era un cordal enteiro. De seixo. Todo de seixo branco, aflorando mentres descendían dos altos. O cordal subía ata á altura dunha aldea: o Hospital. Era o primeiro lugar ulloano tralo paso do Corno do Boi, a depresión que permitía superar a serra do Careón e entrar desde Toques á Ulloa. Miraba os penedos continuamente, ata que localicei o que me proía. No penedo máis alto había sinais de derrubo e cachotería.
Un home -que resultou ser o presidente da Comunidade de Montes- mirábame divertido desde detrás dun valo.
-Menos mal que aínda os podes ver! Gañámoslle o xuízo a Villar Mir.
A compañía do exministro Villar Mir quería converter aquela dorsal de seixo, que funcionaba como unha muralla fronte ao porto do Corno do Boi, nun segundo e aterrador Serrabal. A xente da aldea do Hospital e os veciños de Castro das Seixas opuxéronse nos tribunais. Alegaron que pola aba pasaba o Camiño Primitivo e “había outras cousas”. Villar Mir recorreu ao Supremo. O 3 de novembro do ano pasado, a Xustiza resolveu e finalizou o contencioso: Villar Mir non podía destruír a riqueza paisaxística e histórica desta dorsal branca. E tiña que pagar as costas do xuízo. Touché. Un fato de paisanos conseguira deter a ambición destrutora de Villar Mir. Toda unha lección para os políticos galegos que se levan dobregando décadas -non temos claro con que contrapartidas para a nosa sociedade- ante as empresas do empresario madrileño.
-Un home -di o señor cando lle pregunto por ese penedo con tanto cachote derrubado- trouxo un libro da Habana no que se falaba dese lugar. O coitado subeu aló enriba e andivo buscando tesouros.
-Pero iso é un castelo? -pregunteille.
O home encolleuse de ombreiros.
-Nunca oín tal. Son os penedos do Hospital.
Confiado, logo procuraría da outra banda da dorsal, na aldea do Castro das Seixas, toponimia clarificadora. Tampouco. Ninguén tiña unha memoria clara dese lugar.
Pero alí arriba había cousas. Vaia se había cousas.
I. Os Castelos Brancos do porto do Corno do Boi


Imos avanzar algo. Estamos a falar dunha auténtica dorsal montañosa de seixo que foi fortificada como unha descomunal muralla. Dúas pequenas fortificacións moi próximas entre si, sustentadas en penedos da cresta desta dorsal, vixían o paso do Corno do Boi e o Camiño Primitivo que discorre pola ladeira, un pouco máis abaixo. E entre elas, crin detectar algunha gabia e algunha alteración do terreo. Pero imaxinádesvos estes castelos. Cando subín ao máis alto, a primeira vez, o día abreu o sol de súpeto e todo ao me redor comezou a brillar, a cegarme. Todos os restos do castelo eran o mítico, o máxico, pero tamén o ingobernable seixo branco. Facendo equilibrios entre as ruinas, coñecimos a estrutura do primeiro, que sería relativamente similar ao do segundo. Un gran penedo. Pola súa banda este, un foxo o rodea, e se une na banda oeste cunha plataforma na que se perciben estruturas e habitacións. Desde alí, unha muralla mínima e intrigante cingue a banda sur desta pequena fortaleza. Cegado, dou con tella caída, pero o lugar parece hipnotizar. Parécese moito a outro castelo noutro lugar, do que xa falarei. Mesmo nos pequenos detalles.

Fotos: Gago / Bragaña


Avanzamos dorsal abaixo ata o seguinte castelo, montaña abaixo. A estrutura destoutro sóanos algo máis. Lémbranos o que definimos como castelos protofeudais en Galicia. Tamén hai un gran penedo, pero os seus incógnitos construtores elevaron unha plataforma sobre o terreo. Calculo que sobre ela habería unha empalizada de madeira. Percíbense os restos dun pequeno foxo na base. E sobre a terra, cachote a eito.
Sentados no alto entendemos doutro xeito esta fermosa dorsal brillante. De algún xeito, todo isto, castelos, seixo, penedas, é unha impresionante muralla -militar e natural ao tempo- para protexerse do que entrara por ese montañoso paso de enfronte. Ollo para atrás. Terán que ver estes misteriosos lugares cos Seixas?
A varuda familia dos Seixas naceu aló abaixo, no Castro das Seixas. Señores das terras de Toques e Friol, a súa principal realización é o fermoso Castelo de Narla, unha xoia do Renacemento militar, e mantiveron orgullosos o seu nome galego durante o XVI. A finais do XIV foron un dos antagonistas dunha loita de clans, de familias, entre os Seixas e os Ulloa, polo control da comarca. Os Seixas tiveron que recuar, polo Porto do Corno de Boi, ata os confíns de Toques. Grazas á novela O Castelo de Pambre, de Antonio López Ferreiro -a segunda novela en galego do mundo moderno- coñecemos as campañas militares desta cruel guerra ulloana entre as dúas familias. A toma do Castro das Seixas foi un dos últimos escenarios. ¿Serían estes pequenos castelos de seixo o lugar orixinal desta familia, o episodio final da batalla entre Ulloas e Seixas?
Descendemos á actual aldea do Castro das Seixas. Os veciños amósannos onde estaba o Castro, por riba da aldea, hoxe arrasado para facer un prado. Engaden unha descrición do lugar, con murallas térreas que acompañan con achados de cerámicas e tellas. O Castro das Seixas estaba aló, non sobre o monte. Preciso ler o antigo Memorial dos Ulloas que se conserva na Biblioteca Nacional e no que se detallan as campañas militares desa guerra interna, pero creo case ao 100% que isto é anterior. Que nos leva ao milenio anterior. Que nos leva ao anonimato de quen fixo Castelos Brancos e brillantes, orgullosos desde toda a Ulloa.
Os Gardiáns Dobles da Ulloa

Fortificacións xemelgas nos accesos occidentais á Terra da Ulloa (vermello, de adscrición altomedieval e azul, castrexa) localizadas ata o momento
Durante varios meses estes dous Castelos Brancos facíanme pensar no espazo e no territorio. Exploreino en mapas. Percorrino a pé. Subimos a montes, metímonos a toxos; os memoriosos ulloáns faláronme de mouros, de tesouros, de salas subterráneas, de batallas míticas. Ata descubrir algo estraño, unha sorte de patrón cultural. A cadea montañosa que divide a Ulloa das terras occidentais estaba inzada de parellas de castelos e outras fortificacións. Uns inmediatos aos outros. Cada unha destas parellas está ubicada ao carón dun paso dese cordal montañoso, pero pola banda interior, ulloana, deste. Pero non semellan estar enfrontadas, senón de algún xeito cooperar ou complementarse. Parece unha resposta cultural, un deseño militar que non acadamos a comprender na súa dimensión.
O novo e o vello no Farelo
Precisaba eu mesmo respostas sensatas a estes emparellamentos. Grazas a Manuel Busto, autor dun dos mellores blogs do ámbito rural do país, Aquam Latam, de A Golada, coñecín a existencia da Torre Nova e da Torre Vella no monte Farelo, no paso entre A Golada e Antas de Ulla. Obviamente, estaba moi interesado en saber cal era a diferencia entre a Torre Nova e a Torre Vella. E atopamos algo fascinante que nos permite avanzar algo, por fin, nas Repúblicas de Homes Libres e na cronoloxía comparada dos sitios arqueolóxicos que nos estamos atopando.

A Torre Nova segue o modelo xa especificando de gran penedo. Ten unha visibilidade moitísimo máis reducida que a Torre Vella, enfundada no fondo dunha valgada, aínda que controla boa parte da Ulloa sur. Localizamos tella, asento de muros, e por unha banda, seguindo o patrón habitual que observamos en fortificacións do século VIII ou IX, un foxo e un pequeno muro que insisto, imaxino como base dunha muralla de madeira.

Muralla e foxo na Torre Nova do Farelo (amarelo, muralla; tintado dixital). Ao fondo, pódese ver o emprazamento da Torre Vella.
A pregunta era outra. E como sería a Torre Vella entón? En San Martiño de Amarante contárannos que esa Torre tiña unha sala que levaba ata o Castelo de Amarante. Seguindo as penedas, chegamos ata aló. Non puiden evitar rirme ata dentro.
Nunca estivera aquí pero coñecía este lugar. Coñecíao moi ben.
Este lugar repítese por todo o país. Desde Pazos de Borbén ou Pontecaldelas ata Rianxo, a Costa da Morte ou a Mariña luguesa.


Unha fortaleza anular, un círculo perfecto que gabea entre as penedías. Un círculo perfecto de dez metros de diámetro, case sempre similar. Con numerosas pías, algunhas delas intervidas, nas proximidades ou nos límites da muralla. Baleiro no seu interior. Ao que nunca se lle chama castelo na toponimia. No que nunca aparece tella. E no que o cachote forma unha muralla -sempre derruida, claro- de metro e medio de grosor, máis ou menos. E, coma no Coto dos Infernos, nalgúns casos este lugar ten outro outeiro fortificado nas proximidades no que si pode haber toponimia máis próxima. Ríome. Busco unha cousa ao carón da muralla. E aí está, efectivamente. Unha pequena edifición, aparentemente sempre só unha, nun estremo.


Esta é a Torre Vella. A memoriosa Ulloa nunca me falla. Creo que non é inocente que identifique ás ruínas de pedra como Torre Vella. Os castelos que identificamos claramente a partir da documentación de antes do ano 1000, adoitan estar construídos en madeira. Sospeito que este lugar é máis vello, malia que as lendas o relacionen co Castelo de Amarante (co que coido que non se ten contacto visual desde aquí). Intúo que na construción destas murallas recóllese, con rapidez e desleixo, a tradición cultural das grandes murallas castrexas. E teño unha hipótese. Este círculo amurallado lévanos máis atrás aínda. Lévanos ao reino suevo, pero non necesariamente foi feito por suevos. Non sabemos quen encheu o país de círculos defensivos de dez metros de diámetro. E non sabemos por que lle gustaba emparellalos.
As orixes das parellas?
Os mapas da Ulloa dánnos as respostas. Hoxe no alto do monte do Coto Redondo, o paso máis meridional da Ulloa, desde as terras de Rodeiro e Camba, observamos algo similar ás parellas de castelos medievais ubicadas nos pasos máis ao norte. Pero isto non é medieval. É castrexo. E están moi próximas as dúas Torres do Farelo.

Dous castros separados entre si por a penas 100 metros, a case 900 metros de altitude sobre o nivel do mar. Vímolos primeiro desde abaixo. As dúas murallas, inmediatas, distinguíanse con claridade desde a distancia; as dúas fortalezas enchen o cumio do monte, xemelgas pero claramente diferenciadas. Os dous castros son case idénticos, cun foxo central e dous parapetos, un deles monumental, pero son cuspidiños, parecen do mesmo tempo, aínda que sen embargo, o Castro das Hedras agocha baixo a toxeira unha muralla monumental de pedra. Este é algo máis romboidal, pero o Castro Pequeno é deliberadamente circular. Morremos do frío que zoa. A orografía e a climatoloxía aquí é durísima. Non se pode cultivar. Non hai auga. Pero aquí están estes dous xacementos, case inalterados, dominando o quinto paso destes montes centrais de Galicia.
O mesmo patrón, por motivos que descoñecemos, parece continuar na Ulloa desde o mundo castrexo ata o mundo altomedieval: unha idea cultural que se nos escapa, e que enche a paisaxe dunha simboloxía que pouca xente coñece. Unha sorte de fronteira prefeudal. E xa vos adianto. Non é a única que estamos a localizar.
Aínda que obtivemos, se cadra, a intuición da resposta a algunha pregunta, marchamos con máis preguntas das que chegamos.
Non sei se algún día obteremos respostas a todo isto. Como dicía Don Mario: “Cando criamos que tiñamos todas as respostas, de pronto, cambiaron todas as preguntas”.
Pola nosa banda, seguiremos subindo aos cumios das serras de Galicia, buscando estes lugares esquencidos, para tentar entendelo mellor o país que temos aos nosos pés.

Villar Mir, Villar Mir… O seu desprezo pola Galiza só é parello ó seu amor polos cartos (se cadra por iso mesmo ten tantos e tan bos amigos “galegos”…).
Debía de ser de vital importancia, o control dos pasos aos dominios, naquel mundo protofeudal.
E tanto! Mesmo antes tamén. Lembra como as mámoas marcan antigos camiños. E xógome algo a que a elección de emprazamento dun castro nun 70% non tiña que ver só coa proximidade ás terras de cultivo, senón coa súa ubicación nun punto estratéxico, viario ou defensivo.
Vaia oh, ou está vostede en sincronía con el, ou da gusto ver como empregan os seus blogs para protexer este país dos depredadores (propios e alleos). Xusto hoxe leo en http://unpaisenlata.wordpress.com/2011/01/24/demolicion-da-casa-pais-fora-as-vosas-poutas-depredadoras-do-galineiro
a resposta á súa diplomática cuestión: “Toda unha lección para os políticos galegos que se levan dobregando décadas -non temos claro con que contrapartidas para a nosa sociedade- ante as empresas do empresario madrileño”. Fran P. Lorenzo chámalle “demolición da casa-país”, e eu dou por boa esa visión.
Interesantísimo este capítulo. Creo que xa lle falara nalgún lado desa teoría dun estudoso alemán que di que en determinadas zonas de Europa todos os topónimos vellos se repiten se aplicamos círculos concéntricos dende que aparece un topónimo dado. A ver se vai chegar vostede ao antigo lugar de onde viñeron os suevos tirando deste fío!
O mesmo sistema de par de fortes en outeiros de semellante altitude. A mesma xeomorfoloxia do seixo e dorsal. Castelos brancos xa que logo. A mesma estratexia respecto do territorio. A mesma toponimia na que o boi semella ser indicio, pra nos, de algo ( pode ser unha nova pista toponímica doutros lugares semellantes)
E todo isto en territorios ben afastados un do outro, A Ulloa e o Sur de Galicia. Non me sorprendería que houbera mais. Ou que a altitude en si mesma fose outra pista.
Vaia por deus. Vino estes días pero non tiven tempo de examinar ben o plan. A ver se lle boto un ollo tamén a isto do Galiñeiro, porque creo que podería afectar directamente á fortaleza do Galiñeiro da que xa temos falado, co cal basicamente o parque tería que reconfigurarse, se non se reconfigurou polo xacemento. En todo caso, o risco pode ser altísimo para un xacemento de gran importancia para a Historia do país. A ver se me informo porque ao mellor hai que mandar por rexistro un escrito a Patrimonio, falar cos ecoloxistas e estar pendentes.
Como pode ser que neste país sempre teñamos que andar soliviantados?
O do seixo, Miguel, é absolutamente intrigante. Como dicía no post, o seixo é ingobernable, pero tentaron gobernalo aquí con caracter militar. En si mesmo é unha contradición, xa que é moi difícil obter pezas deste mineral mininamente decentes para unha edificación defensiva. Para máis, nesta zona Toques-Sobrado-Palas -como en toda Galicia, pero aquí especialmente- o seixo ten unha significación máxica, protectora, nas edificacións, e iso é así desde o Forno dos Mouros, un dolmen de Toques, ata os castelos, pazos, casas labregas, etc…
Un caso práctico é ver como de esfareladas están as ruínas do Penedo do Hospital:
Se a comparamos coa consistencia da Torre Vella do Farelo:
Eu tamén non podo deixar de pensar nunha función simbólica especial para este lugar, canda o control do paso. O tema do cordal de seixo, ademáis, sería para estudar. Como dicía, sospeito que mesmo algunhas das áreas intermedias entre os dous castelos tiveron tamén función defensiva. Habería que imaxinarse, entón, 600 metros fortificados, con dous estremos coas edificacións e, se cadra, unha empalizada central por riba das pedras do cordal. Non o sei. Pero tenme marabillado.
As “non-cualidades” constructivas do seixo semella que van xuntas da mán da conseguinte feitura de madeira das estructuras.
Se se quixera terÃan levado porpiaños, como se fixo noutros casos. pero O seixo ten algo mais e adoita cimear casas e montes.
O tema eche ben interesante ho!
Um atrevimento sobre Farelo. O antropónimo “Farel” de origem gaélico siginifica segundo alguns autores, cito textual en inglês: “a superior man, heroic”. “Farelo” em galego como apelido estava relacionado em muitos casos com os nobres do nosso medioevo. Como sustantivo em galego significa: Parte periférica dos grãos dos cereais, depois de separada pela moagem: o farelo contém a maior percentagem das vitaminas. Serradura de madeira; serragem. Medicina Escama, caspa.Fig. Cacos, migalhas: o espelho ficou reduzido a farelo. Em plural tem um significado semelhante a “farrapos”. Que me corrija qualquer filóloga/o.
Se cadra a montaña (que non monte!) do Faro, entre Chantada e Rodeiro, ten algo disto. Por terras de Camba ós homes “grandes” do Faro chámanlles “farolós” e din que a Virxe do Faro asistiunos no seu parto. E algo lin de que na cima da montaña había unha cidade chamada Faro Brigantín, desfeita pra faceres a hermida da Virxe. Cousas.
Señores, é que o topónimo “Faro” é moi, moi sospeitoso. Lin algunha interpretación interesante ao respecto algunha vez. En moitos deles, hai chicha altomedieval e mesmo previa, tanto mitolóxica como arqueolóxica. Hai pouco estiven noutro destes Faros e o que hai aló….xa vos contarei. Con respecto ao tema da cidade mítica do Faro Brigantín (outro topónimo que fai sospeitar), sóubeno despois de subir ao Faro de Chantada. Aquelo está moi arrasado, pero lembro que de aquela non advertín ningunha estrutura rara. Pero non me estrañaría nada. Haberá que volver e buscar na bibliografía vella.
Téñolle tamén o dente posto ao Faro de Avión, no que temos toponimia castelo e o sepulcro antropomorfo dunha mártir, entre outras cousas. :-)
“Hai pouco estiven noutro destes Faros e o que hai aló….xa vos contarei”… conta, conta… ;-D
“Con respecto ao tema da cidade mítica do Faro Brigantín (outro topónimo que fai sospeitar), sóubeno despois de subir ao Faro de Chantada. Aquelo está moi arrasado, pero lembro que de aquela non advertín ningunha estrutura rara. Pero non me estrañaría nada. Haberá que volver e buscar na bibliografía vella”… volve, volve… ;-DD
http://www.concellodechantada.org/concello_historia3.htm#1_3
Villar Mir, marqués do Expolio. Nomeado polo Borbón. Parabéns aos que lle fixeron fronte e agardamos que llo sigan a facer, con marquesado e todo. Noxo de país!
Vaia, que interesante artigo. Acabo de lelo vía facebook polo Instituto de estudos ulloáns.
Coñezo a montaña de seixo de Hospital das Seixas. Recoñezo os puntos dos que falas, os cascotes, os restos de tella. Lembro que preguntei na aldea pola tella e alguén dixo algo dun galpón para as ovellas. Lembrei que o Castro da Somoza (en Antas de Ulla, xusto fronte a Coto Redondo) tamén fora empregado para gardar as ovellas.
Dende Coto Redondo vese As Seixas, perfectamente, pero tamén a outra montaña de seixo da Ulloa: os Castelos de Ambarría. Tres sitios para desfrutar da Ulloa e a súa historia.
Grazas polo teu artigo, moi interesante, repito.
Que interesante, Cristina! En que parroquia estarán os Castelos de Ambarría? Lembras?
Ola. Xa vin o teu comentario no facebook do instituto e respondinche alí. Xa fixen as comprobacións oportunas e esaxerei moito, so o 30 % do territorio da Ulloa estaría dentro do triángulo do que che falo nese comentario. Unha mágoa, deixeime levar pola paixón pero a ciencia é a ciencia.
Un saúdo.