Historias de foxos

Last updated on 27 / Xaneiro/ 2013

Como temos dito moitas veces en Capítulo Cero, hai todo un mundo na Idade do Ferro por explorar fóra dos castros. Pero moitas veces non sabemos onde está a información; os investigadores teñen que ter a cabeza moi aberta e a intuición precisa para decatarse de que ás veces o que parece sinxelo en apariencia, en realidade agacha outra verdade.

Un aspecto absolutamente fascinante dos castros e que está aínda sen estudar é o que acontece cos foxos. Si, os foxos son en apariencia un elemento defensivo que ten como función, en certo xeito, facer máis alta a muralla. Pero que ocorre cos foxos que foron deliberadamente tapados durante a propia Idade do Ferro, cando o castro estaba vivo e cheo de xente? Nos últimos anos, están aparecendo evidencias que os foxos, mesmo os foxos tapados, tiñan un uso, que non coñecemos pero podemos intuír. E un uso fascinante. Nesta historia ides ver historias máis sabidas, primicias e novidades ultimísimas da arqueoloxía da Idade do Ferro no Noroeste peninsular.

Encontros no foxo


Localización das foxas e dos foxos de Neixón. Exemplos de depósitos.

Cando o equipo do Instituto de Ciencias de Patrimonio comezou a traballar na escavación do castro de Neixón Grande a suposición parecía evidente. A poucos metros, máis para abaixo, estaba Neixón pequeno. Todo parecía indicar que se producira unha especie de mudanza e sucesión, desde un humilde castro ubicado na punta dunha península, e con escasa superficie, cara un gran castro circular, cunha superficie moi superior.

Pero non.

Os arqueólogos, baixo a dirección de Xurxo Ayán, comezaron a escavar e as casas non aparecían. Pola contra, comezaron a atoparse o que lle chamaban foxas ou bolsas. Unha especie de cubículos cavados na terra e recheos despois con todo tipo de materiais orgánicos. Tamén localizaron un foxo que fora colmatado en época castrexa. Pero o foxo, no seu interior, tamén de xeito regular, contiña depósitos de obxectos. E había cousas moi raras. Cerámica púnica de importación depositada enteira, restos de comida de todo tipo, material metálico como fíbulas galaicas e algo bastante estraño: un 17% das pezas de cerámica obtidas pertencían a unhas peculiares xerras castrexas, entendidas para a bebida de líquidos, se cadra cervexa ou viño.

Os investigadores decatáronse fascinados do que estaban a ver. Aínda que os achados non eran espectaculares desde o punto de vista visual, o que alí aparecía era fascinante. Estaban vendo por primeira vez en Galicia a constatación dunha práctica cultural moi frecuente nos castros do sur de Inglaterra, en Francia, en Irlanda e en xeral da Europa Atlántica. Con mellores condicións para a preservación orgánica, os arqueólogos británicos tiñan falado dun uso “rítmico” destas foxas nos castros ingleses. Estas foxas correspondían a ritos e prácticas levadas a cabo de xeito periódico. Unha práctica intensa, profunda, insertada na mentalidade destas xentes. Este castro non era exactamente un castro, era outra cousa.

Os investigadores conclúen que Neixón Grande, a través destes depósitos soterrados nos foxos, é sobre todo un punto de encontro nun momento no que Neixón é un importante centro comercial co mundo púnico. “Pero é difícil dicir onde remata o Atlántico e onde comeza o Mediterráneo”, sinalan os investigadores, en parte porque algúns dos rituais son compartidos no Mediterráneo, e en parte porque nos restos de banquetes que se parecen ver en cada un dos depósitos, figuran as ánforas nas que chegaba o viño púnico. Ese puido ser o nexo común. Un punto de partida. E se cadra debamos imaxinar a púnicos e galaicos celebrando cun banquete, na mesma mesa, a chegada do verán e da estación comercial. Estes depósitos finalizaron ao redor do cambio de era. Os investigadores exprésano de xeito moi fermoso:

“Arredor dos inicios do século I a.C., os romanos, que xa conquistaran o sur púnico de Iberia un século antes, finalmente conseguiron facerse coas rutas do comercio do Noroeste de Iberia -despois de varios intentos fallidos. Unha nova situación emerxeu, a cal sería cada vez menos a dunha base compartida común e unha relación entre iguais, e máis e máis unha empresa colonial e capitalista”.

Se hoxe ides a Neixón, veredes un monumental castro aparentemente baleiro. Pero baixo a terra gárdase a testemuña de cada un destes encontros entre galaicos e púnicos, soterrado, formando unha memoria baixo o chan, rodeando o foxo.

Para saber máis sobre esta parte de Neixón:
González-Ruibal, Rodríguez, Rafael, Ayán, X. Encounters in the Ditch: Ritual and the Middle Ground in an Iron Age Hillfort in Galicia (Spain) (descargar o pdf)

Luxo baixo a porta


Localización do foxo exterior do castro das Travesas

As Travesas é un dos castros máis grandes da provincia da Coruña. O arqueólogo Antón Malde realizou escavacións na década pasada e está procesando os materiais para formar unha colección visitable en Carral que permitirá admirar moitas das magníficas pezas do xacemento, desde un fermoso tesouriño de moedas baixorromano nun excelente estado de conservación ata todo tipo de útiles, cerámicas e instrumentos. Aínda que Antón escavou en varios puntos, imos centrarnos no que aconteceu na entrada do antecastro.

Malde estima a fundación desa área do castro ao redor do século IV a.C. Antecastro e croa das Travesas parecen ter sido executadas ao mesmo tempo, dentro do mesmo programa construtivo. Pero os visitantes das Travesas verán hoxe a impoñente muralla do antecastro sen foxo. Pero…haino. Só que os habitantes das Travesas tomaron unha decisión douscentos anos despois da súa construción. No século II a.C., os veciños colmataron o foxo e selárono. Malde e o seu equipo realizaron sondaxes só nunha pequena área ao carón da porta de entrada do castro. Decatáronse de que o foxo fora selado dunha vez, como unha obra así determinada. Pero pousados no fondo, enteiros, había outra vez un depósito fascinante: alí había unha fíbula anular, de gran calidade, e catro cacharros. Tres dos cacharros tiñan cadanseu tamaño distinto, no que parecía unha escolla deliberada dos participantes, pero había unha cuarta peza absolutamente magnífica. Un cacharro moi grande, de luxo, pero de tradición plenamente indíxena. Podedes vela nas fotos.


Depósito do castro das Travesas. Algúns materiais.

Pouco despois de aparecer os depósitos de Neixón, a moita distancia da ría de Arousa volvíase a rexistrar a mesma práctica, esta vez sen púnicos á vista. Malde non puido determinar con máis sondaxes se había outros depósitos marcados de forma regular, pero aquelo parecía indicar o mesmo. Depósitos ubicados á entrada, como se se estivera creando un foxo simbólico, un foxo invisible, un foxo ritual. O que en Neixón parecía ser excepcional, unha ritualización do encontro, nas Travesas parece formar parte do entorno simbólico que constitúe un castro. Coma se ese mundo soterrado fose parte da gramática do que debe ser un castro, para os galaicos.

O Castelinho e as figuras de plaqueta


O castelinho. En primeiro plano e foxo 1. Fotos: Equipo de escavación

No último número da revista académica Complutum, o arqueólogo portugués Filipe Santos e o seu equipo publicaron uns apuntamentos de urxencia ao redor dun achado fascinante e ben novidoso na Idade do Ferro. Escavando un xacemento fortificado na Torre de Moncorvo, na rexión portuguesa de Tras-os-Montes, Santos decidiu explorar o exterior do xacemento. A cronoloxía xeral da fortificación parecía ir do século V a.C. ata o I d.C., finalizando pouco despois da conquista romana, e durante ese tempo sufrira variacións. Santos comezou a traballar na plataforma Norte e atopou unha complexa sucesión de ata 4 foxos que non se percibían a simple vista! Outra vez, os foxos foran colmatados en diferentes momentos da Idade do Ferro. Nalgún deles apareceron materiais de todo tipo, pero o máis fascinante foi o foxo 2.

Trátase dunha estrutura arqueolóxica moi peculiar. Se ben os outros tres foxos parecen corresponder á fase temprana de monumentalización do sitio fortificado, un enorme torreón nesta zona norte e o foxo II parece situarse nun periodo posterior:

“A comienzos de la segunda fase (IIA) parece tener lugar una profunda remodelación del sistema defensivo, que relacionamos fundamentalmente con el engrosamiento de la muralla en la zona norte del poblado al tiempo que se levanta el torreón Norte y se construye el Foso 2. Todas estas remodelaciones se habrían producido, muy posiblemente, entre inicios del siglo II a.C. y el I a.C., inmediatamente anterior a la presencia romana en la zona. No es descabellado pensar que la rápida colmatación de éste último sea una consecuencia directa de la ocupación romana”

E que aconteceu nesa colmatación tan rápida do foxo? Pois algo fascinante. En primeiro lugar, depositáronse no interior estas tres armas:


Dolabras depositadas no foxo 2

Sóanvos a outra dolabra aparecida recentemente nun castro galego? ;-) Para os investigadores:

“El relleno intencionado del Foso 2 remite a una situación bien estudiada por J.D. Hill para los fosos de hillforts británicos en los que claramente las distintas partes de los fosos fueron deliberadamente colmatadas con el entierro de distintos elementos según las diferentes partes de los fosos. Todo ello presidido por un gran contenido simbólico como, sin duda alguna, sucedió en el caso del Castelhino”.

Pero a historia non acaba aí. Por riba de todo, cando estaban xa selando o foxo, alguén no Castelinho optou por guindar unhas pezas excepconais, case únicas. Fragmentos de xisto labrados, moi similares aos localizados no castro de Formigueiros en Samos, dos que tamén temos falado en Capítulo Cero. A forma na que están tiradas as plaquetas non parece ter ningún tipo de orde e concerto: é como se as arrincaran de algures e as foran botando alí dentro. E o que botaban con esas plaquetas eran chamativos e enigmáticos debuxos, que tamén foron localizados in situ nalgún lugar do interior da croa. Alí aparecen guerreiros, a primeira representación gravada dun xabarín no noroeste, e unha estraña figura de orante, coas mans e brazos abertos, que recorda a outros misteriosos orantes galegos. Está aí dentro o universo cultural da Idade do Ferro en Gallaecia.


Localización das plaquetas no foxo 2


Un exemplo de como son as plaquetas


Cazador e xabarín


Soldado e un “orante”.

As plaquetas aínda están en fase de estudo, pero o seu achado é ben enigmático. Das 147 plaquetas gravadas localizadas no Castelinho, 110 foran devorcadas neste foxo. Se ben non parecen estar ordeadas, e en conversa por correo electrónico Filipe Santos desbota un reenchido “votivo”, o certo é que si hai un acto deliberado en guindar todas esas representacións no nivel superficial do foxo, como selándoo. A cuestión é saber que tipo de intención houbo para botar ao foxo con estas imaxes. E aínda o máis estraño é que as plaquetas parecen ter diferentes fases de representación, usáronse alomenos en dúas fases nalgún caso. Na máis espectacular, a do xabarín, un gravador superpuxo un reticulado sobre esas figuras, como se noutro momento posterior ao seu primeiro gravado, quixese representar outra cousa, máis enigmática.

Cando vaiades un castro, e paseedes ao seu redor, pensade que ao mellor, abaixo de vós, seguen ocultos depósitos especiais. Un anel máxico que rodea aos poboados da Idade do Ferro, cunha maxia que hoxe xa non somos quen de ver.

Para saber máis sobre o Castelinho:

Santos, Filipe; Sastre, José; Soares de Figueiredo, Sofía; Rocha, Fabio; Pinheiro, Eulália; Dias, Rodrigo: “El sitio fortificado del Castelinho (Felgar, Torre deMoncorvo, Portugal). Estudio preliminar de su diacronía y las plaquetas de piedra con grabados de la Edad del Hierro (descargar pdf)

26 Comments

  1. manuel bs
    24 / Xaneiro/ 2013

    Ademais de ritual,pareceme tamén debido a o avandono temporal por algunha razón,¿as armas son romanas?depositaronas antes da invasión romana en gallaecia.¿Foron defender aos socios púnicos???’.
    ¿Os púnicos retiraronse a gallaecia tras seren derrotados?
    ¿os galaicos e os púnicos mesturaronse?
    ¿Depositaban no foxo de xeito ritual,co ánimo de gardar-se contra algo?
    ¿coa invasión romana acabou cas conexións atlanticas e do atlantico co mediterraneo?

  2. 24 / Xaneiro/ 2013

    mimadriña, manuel!

  3. Luis
    24 / Xaneiro/ 2013

    Un pequeno matiz: unha dolabra era, ante todo, unha ferramenta. Só circunstancialmente, eran empregadas como armas (sobre todo se os romanos tiñan que afrontar un ataque mentres realizaban algunha obra de enxeñería) Quizáis as dolabras foron as mesmas ferramentas coas que se pechou o foxo.

  4. 24 / Xaneiro/ 2013

    Estaban así de desprendidos! :-)

  5. manuel bs
    24 / Xaneiro/ 2013

    o Alfabeto de formigueiros que comparas co alfabeto ibero ,e coma o alfabeto tamazigh dos amazigh(bereberes actuais)mistura galaicos -púnicos,o adn mt(feminino)peninsular e do occidente europeo é moi semellante aos dos bereberes,(non ten que ver coa invasión dos musulmans).disto saberia angel carracedo máis ca min.

  6. manuel bs
    24 / Xaneiro/ 2013

    O valle de pas en cantabria,os pasiegos son practicamente (bereberes).

  7. OPT
    24 / Xaneiro/ 2013

    Tantos castros e tantos foxos, o que aí pode haber. Pra cambiarmos a visión arqueolóxica completamente.

  8. manuel bs
    24 / Xaneiro/ 2013

    A nosa conexión(Gaelica)é total e a nosa conexión(amazigh)é total,non hai mais que ver a muiñeia vella de malpica(os pasos de baile)ista sobre todo as outras tamén,cos bailes irlandeses,ademais de tradiciós musicais culturais etc,.

  9. 24 / Xaneiro/ 2013

    Manuel, eu voulle pedir un favor, e dígollo por ben: lea máis e comente menos, que me espanta á audiencia e á conversación con eses bereberes, a muiñeira de malpica e o adn mitocondrial.

  10. Ulmo de Arxila
    24 / Xaneiro/ 2013

    Impressionante o do castro do Castelinho. Podes dar mais dados sobre essas figuras de “orantes”? Poderiam ser o enésimo indício da existência de umha “caste sacerdotal” na nossa Idade do Ferro ou nom guarda relaçom necessariamente com esse aspeto?

  11. 24 / Xaneiro/ 2013

    Uf, tocas un tema tan fascinante como complicado!

    Fíxate que eu puxen “orante” entre aspas; quería dicir que a figura tiña “posición” de orante, pero outra cousa é que sexa un orante. É moi difícil sabelo porque o contexto no que aparece tampouco permite ver que sexa relixioso. Basicamente, ten unha forma parecida, pero…

    O tema da clase sacerdotal é tan fascinante como escorregadizo. E poño por caso o das Illas Británicas. César e outros romanos fartaron de dicir que había druidas na Galia, e mesmo que estes druidas galos ían aprender a Britania. Pois ben, por moito que sorprenda, sabedes que non hai ningunha -digo ningunha- evidencia arqueolóxica da existencia dos druidas en Britania? Ollo, hai evidencias de prácticas relixiosas, templos, etc., pero NON dos druidas. Hai un esquelete coronado sobre o que se pensa que puido ter que ver con este asunto, pero só é unha probabilidade, o famoso guerreiro de Deal (http://www.britishmuseum.org/explore/highlights/highlight_objects/pe_prb/s/skull__crown_of_deal_warrior.aspx) . É dicir, a existencia dos druidas só está confirmada plenamente por evidencias documentais procedentes doutra cultura. Cremos que existiron aló, pero se a eles non lles tivera escrito Xulio César estarían exactamente igual ca nós.

    E isto introduce tamén o asunto, porque pensemos: “cales deben ser as evidencias arqueolóxicas que indiquen a existencia dunha clase sacerdotal?”. Tentémolo co noso mundo. Imaxinemos que dentro de dous mil anos se escava unha aldea galega actual por parte de arqueólogos que non tiveron acceso a documentos escritos sobre nós, e localizan a igrexa. A igrexa vai dar moitísimos datos relixiosos: desde a orientación ou o mobiliario, ata os enterramentos interiores, finalizados no século XIX, as reformas posteriores con cemento, etc. Pero no noso caso, cal sería a evidencia da existencia dunha clase sacerdotal dedicada á relixión? Algún tipo de obxecto específico?

    Do mobiliario da igrexa, aínda que atopasen a sancristía e as casullas, non se podería inferir a existencia dunha clase sacerdotal especializada, só que ese pobo era relixioso, que a súa relixión tiña determinadas características e que para oficiala era preciso vestirse dun xeito determinado. Pero non a existencia dunha clase sacerdotal co monopolio da práctica oficial da relixión.

    A principal evidencia non estaría na igrexa, senón na existencia, ao carón da igrexa, das ruínas dunha casa de gran tamaño, posiblemente a máis grande da aldea, e con determinados elementos de monumentalización. Sería a casa reitoral o que podería facer sospeitar da existencia dun grupo especializado vinculado á igrexa e con notoria predominancia social na súa colectividade e que expresa a súa preeminencia social con superiores estruturas de almacenamento (hórreos máis grandes), elementos decorativos de carácter simbólico (escudos, cruces, figuras) e mesmo arquitectónicos (balconadas, patíns, mellor canteiría, etc.). E mesmo, a existencia desa casa non sería unha evidencia: a evidencia sería a presenza reiterada de casas similares en varias escavacións distintas de aldeas galegas.

    Agora ben, se escavasen unha urbanización construída en 2007, que conta cunha igrexa, e xa non houbera reitoral nin se puidera recoñecer o hábitat do sacerdote, que vive nun piso, como farían para atopalo?

    Obviamente, estou simplificando un pouco o asunto, pero é para poñernos a pensar.

    Agora ben, pero sen esas diferencias arquitectónicas, que outras evidencias, como recoñecer cientificamente a existencia de sacerdotes na Idade do Ferro? Amigüiños, iso ten moita máis tela. E desde logo aínda non está resolto máis alá das intuicións ou algúns indicios.

    Por certo, hai un indicio moi bonito vinculado a isto en Galicia do que falarei dentro dun tempo. :-)

  12. manuel bs
    24 / Xaneiro/ 2013

    non lle pretendo espantar a audiencia,e lin todo ata os articulos os que fas referencia,quizais xunte as cousas con demasiada présa.
    A inscripción do peixe no castro de formigueiros,ten unha letra,repetida,que vostede compara co alfabeto ibero,pois eu digolle que esa letra esta no alfabeto tamazigh(actual).
    Que habia unha clase sacerdotal,estou completamente seguro,(e xa lle dixen o porque noutras ocasións).
    O do adn mt confirma o que eu manifesto.
    Sobre o meu primeiro comentario non me di nada.?
    Sobre a mitoloxia galega ,hai o persoaxe do(lumeiro ou lubreiro)un vello barbudo que vivia nas covas das cembas das montañas,que se encargaba de mandar treboadas que descargaban sarabiadas ou dos cambios do tempo,esa figura mitoloxica ,creo que fai referencia a un druida ,podelo ver (mitoloxia galega )en youtube.

  13. 24 / Xaneiro/ 2013

    Si que lle contestei a ese comentario, Manuel. Contesteille: “mimadriña”!

    Fágame caso, lea máis, pero non os meus artigos, que son perniciosos para a saúde, lea outras cousas. E a xulgar polo seu último comentario, non só cómics de Goscinny e Uderzo. :-)

  14. manuel bs
    24 / Xaneiro/ 2013

    que pouco me coñece,nin sequera se molestou en contrastar a información que lle dou nos meus comentarios,é a miña opinión ,e digollo de verdade,en todos os artigos que comentei din datos que tiñan que ver ,a dicir máis se conectara os datos que eu dei chegaria a conclusións inequivocas ,contrastandoas con outras fontes,a miña intención non é molestar.
    O que escribo ten sentido.

  15. 24 / Xaneiro/ 2013

    mais didático (ainda!) que o artigo é o comentário sobre a possível existência duma caste sacerdotal. Chapeau!

  16. 24 / Xaneiro/ 2013

    Moitas grazas, dedos! Ese comentario que fixen sobre a clase sacerdotal pódese resumir en: “sólo sé que no sé nada”. :-) Pero é un bo punto de partida.

  17. manuel bs
    24 / Xaneiro/ 2013

    Voucho dicir eu,un templo (igrexa)é onde encontraches a inscripción(sicenata pacata) ,ti refericheste a unha pedra,non sei se te deches conta de que eran laxas superpostas,entre un conxunto delas.
    E non, no lin en ningún sitio,non me fai falta.
    Tampouco te deches conta do contexto(os romanos invaden gallaecia)e inscriben 2 palabras nun santuario,a primeira en lingua indixena(sicenata,vencidos)e dicir os indixenas lian e se lian escribian,porque outra cousa se ian molestar en escribilo en lingua indixena.
    A segunda en latín(pacata ,pacificados).
    Supoño que non me daras as grazas,pero eu si aportei,sobretodo entendendo a capitulo0 como medio didactico,de nada.

  18. manuel bs
    24 / Xaneiro/ 2013

    grazas polo de troll,que mente tan priviliexada a túa.

  19. 24 / Xaneiro/ 2013

    Manuel, como lle dixen antes, non lle quero mal, e se aínda non se dá conta voullo tentar dicir doutro xeito, pero será a última vez que llo diga. E é un consello, non outra cousa.

    Vostede é como o típico señor que está só na barra dun bar e de súpeto se mete na conversa que ti estás tendo cun amigo teu noutro lado da barra, a opinar. Pero en vez de facer un apuntamento e deixar falar ao resto -nun bar as normas de sociabilidade permiten ese tipo de cousas, coma nun blog- , non para de falar e falar e falar, ata que o resto acaban por calar. Ti estabas co teu amigo falando de política nese bar, pero este home pensa que sabe máis de política que ninguén e propón todo tipo de medidas estrafalarias para acabar coa corrupción, cos políticos e ata con Marrocos. E iso sen parar de darlle á lingua. Chega un momento no que toda a paisanaxe do bar acaba por calar, fastidiada, e miran o reloxio para cambiar de bar en canto acaben o viño. E o home non parece darse conta de que fala só e só para si mesmo. Ou si, pero dálle igual.

    Pois a vostede pásalle un pouco igual que a ese home. Máis que un troll, vostede é un brasas. E dígollo con todo o respecto. Aquí en Capítulo Cero, dentro das normas de respecto, cadaquén pode opinar sen problema, e as ideas que queira. Pero debe dar aire e espazo para que os outros falen. E vostede non fai iso desde hai moito tempo. Eu estou convencido de que non se dá conta, pero alguén llo ten que dicir.

    Outra opción é que vostede faga un blog e expoña tamén todas esas teorías ao mundo, máis enfiadas que en comentarios. Seguro que mesmo para poder arquivalas e traballar con elas vaille ser máis cómodo.

  20. Antón Malde
    25 / Xaneiro/ 2013

    No foxo de Travesas, a carón da entrada ao antecastro, pensamos iniciamente que se trataba dun contexto de derrube. Porén a aparición de certos obxectos indicaban unha deposición intencional que non se correspondía cun derrube. O entullo non era o derrube da muralla senón unha intencionada condenación e reenchido do foxo, que acrescentaba a superficie útil e reforzaba o terreno (con sectores pouco resistentes por mor da meteorización dos xistos).

    Por tanto, tiñamos un depósito votivo composto por pezas intactas e algunhas de gran de valor, depositadas ex professo, asociadas a un contexto de reforma construtiva. Esta reforma indica en sí, un segundo momento cronolóxico dentro da castro (en tanto que reforma a arquitectura orixinal) facto refrendado pola cultura material que o sitúa entre entorno ao século II a.C e o cambio de era.

  21. Formosa
    27 / Xaneiro/ 2013

    “o adn mt(feminino)peninsular e do occidente europeo é moi semellante aos dos bereberes”

    Incorrecto. O ADN mitocondrial nom é ” feminino”, tenhem-no mulheres e homes. As similariedades dentro da europa atlántica nom abrangem o norte de áfrica.
    http://www.ncbi.nlm.nih.gov/pmc/articles/PMC1182057/

    ” a nosa conexión(amazigh)é total”

    Comor??? Dada a proximidade geográfica o espantoso é que haja um abismo cultural e genético entre a Galiza e o norte de áfrica. Língua indoeuropeia frente a afroasiática: http://gl.wikipedia.org/wiki/Linguas_afroasi%C3%A1ticas
    Genéticamente é notável e muito significativo que os galegos ou franceses estejamos mais perto dos remotos rusos de ásia central do que dos vizinhos norte-africanos.

    “O valle de pas en cantabria,os pasiegos son practicamente (bereberes).”

    Os pasiegos, dos que conheço uns quantos pessoalmente, nom tenhem NADA ou muito POUCO a ver com os bereberes. Simplesmente um marcador genético( entre mais de 10 milhons) liga-os a estes. E isto explica-se por ser umha povoaçom muito isolada onde a DERIVA genética deu um cámbio de frecuências aleatório.

    À vossa disposiçom para qualquer dúvida.

  22. 27 / Xaneiro/ 2013

    Aí falaches.

  23. manuel bs
    27 / Xaneiro/ 2013

    O adn de irlanda ,gran bretaña(angloxaxón non)é semellante e ten orixes na peninsula iberica,mais compartimos un 16% de adn y co norte de africa,adn mt ainda máis,e dado que o adn galego e dos máis antigos de europa sen variar esta claro que é prerromano.
    E os bereberes que viven aislados(pastores)e non se misturaron ,un % de loiras(sobre todo mulleres)e de rasgos occidentais considerable.
    Dito por anxel carracedo,(compartimos máis do 20% co norte de africa),tamén dixo que o noso adn ten un tremendo parecido co de irlanda ,e que eramos celtas(cousa que rectificou ,por seren un comentario nada cientifico),e que o adn das iils britanicas prrocedia do norte de iberia.
    o adn mitocondrial transmiteo a muller,o adn y o home ,como explicas ti que teñamos fenotipos que temos.

  24. manuel bs
    27 / Xaneiro/ 2013

    Haplogrupo U (ADNmt)
    ir u6b

    Haplogrupo E ADN-Y ver e-m81 i e-m34
    Haplogrupo H (ADNmt) fixadevos ben nos catro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *