Os marabillosos achados de Formigueiros

Last updated on 20 / Novembro/ 2010


Un peixe de Formigueiros. Todas as fotos son do equipo de investigación dirixido por Gonzalo Meijide.

Esta é unha reportaxe que publiquei orixinalmente en culturagalega.org o día 18/11/2010. Fonte orixinal.

Sentados en bancos de pedra nunha praciña, sobre lousas de xisto, os habitantes do castro de Formigueiros, no Incio (Lugo), representaron antes da chegada dos romanos un universo visual de labirintos, cabalos e salmóns, con trazos firmes e elegantes, e mesmo unha posible inscrición de escritura prerromana. O achado, único en Galicia, amósanos unha faciana inédita e moi humana da vida e a arte na Idade do Ferro en Galicia.

“Se estes debuxos os fixo un neno”, asegura bromeando Gonzalo Meijide, “este neno debuxaba mellor que os adultos!”. Gonzalo Meijide é arqueólogo da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia e director do proxecto de excavación do castro de Formigueiros, no Incio (Lugo), e describe así a calidade dos trazos dos que imos falar. Formigueiros é un recinto de espectaculares defensas e un “labiríntico sistema de foxos e parapetos”, ubicado nun montesío cordal do concello, que protexen unha pequena área interior de apenas 2.000 metros cadrados. “Eu penso que era unha fortaleza, non un castro máis típico de carácter agrario”, apunta Meijide. “No seu momento, as murallas conservaban tres metros de altura e cara dentro sumarían mesmo uns 10 metros de altura. Cun circuito menor estaríamos ante unhas murallas tan impresionantes como as de Lugo”.


Plano coa localización dos gravados en vermello (na campaña 2008)

Polas evidencias atopadas, os arqueólogos cren que a fortaleza de Formigueiros estivo habitada, máis ou menos, ata a chegada dos romanos. “Na metade do século I d.C., o lugar abandónase”. O equipo localizou, con todo, evidencias, dunha reocupación posterior, sobre as ruínas do antigo castro: muros pobres construídos sen coidado, como ás presas, moito máis tardía. “Poden ter que ver coa crise do Imperio romano e as invasións xermánicos”. Os descendentes dos habitantes de Formigueiros volverían empregar as rexas e fortes defensas da acrópole cincocentos anos despois de ser abandonada para protexerse dunha época tinxida de violencia.
O equipo dirixido por Meijide leva varios anos traballando no xacemento; en concreto, exhumaron unha área que ofrece unha visión curiosa da época. “A arquitectura ten moitos parecidos coa arquitectura tradicional do Incio, cos seus dinteis de madeira e os teitos de lousa. Hai casas nunha aldea actual que está a cincocentos metros que poderían estar dentro do castro”, sinala Meijide. Nesa área apareceron casas con escaleiras que parecen conducir a un sobrado, e unha praciña pavimentada con grandes lousas de xisto na que hai un banco de pedra apoiado na parede dun edificio que os arqueólogos identifican como unha cociña. “Dá a impresión de que estamos ante un espazo algo privilexiado, que era como un lugar de reunión”, indica Meijide.

Compases, cabalos, labirintos e peixes

Foi aí onde o equipo de Meijide localizou os achados. “Ao facer a escavación neste sitio entramos nunha ampla zona da que non coñecemos nada”, comenta graficamente o arqueólogo. Sobre o banco de pedra e nas lousas do chan apareceron unha serie de gravados. “Os deseños unicamente se observan ben con luz rasante, porque os sucos son moi superficiais”, sinalaron os membros do equipo nun artigo da publicación científica Gallaecia na que daban conta do achado. Nos gravados percíbese unha coidada estética, e mesmo na perfección dalgúns trazos curvos, coma os circos, os arqueólogos suxiren que os habitantes do castro empregaron ferramentas coma o compás. Algunhas das formas parecen ser creadas a partir deste instrumento. “Os peixes de Formigueiros son combinacións de semicírculos”. Mesmo hai un disco circular de lousa que parece representar un taboleiro de xogo.

Unha das lousas representa dous cabalos que “non parecen ter sido feitos no mesmo momento” , e nun deles parece suxerirse unha escena de doma. Na última campaña apareceu tamén un labirinto espectacular gravado en lousa, cunha compoñente especial: “Os labirintos da antigüidade tiñan sete circunvalacións, pero este tiña once, que é o número de voltas que adoitaban ter na época medieval. O impresionante é que este sería o labirinto deste tipo máis antigo que aparece en Europa”. Meijide destaca a excepcionalidade do achado: “En Galicia os labirintos aparecen nos petróglifos, e máis ou menos pénsase que son do principio da Idade do Bronce. Pero aquí en Formigueiros apareceron catro labirintos nun contexto arqueolóxico claro da Idade do Ferro, con dous ou tres mil anos de diferenza con respecto aos petróglifos do resto de Galicia”.

O terceiro dos elementos son os diferentes peixes que aparecen localizados en diferentes lousas. Aínda que o seu estado de conservación é distinto entre si, ver hoxe en día estes peixes é emocionante. “Temos unha hipótese no caso dos peixes. Se os observas, decátaste que hai unha tradición en facer estas representacións: son unha especie de abstracción xeométrica na que se reúnen todos os elementos que poden definir un peixe”. Para os investigadores, a especie representada poderían ser os peixes de río, mesmo da familia dos salmóns, un animal de gran valor simbólico no mundo celta.


Inscrición por riba do peixe


Detalle da inscrición

A misteriosa inscrición

E hai algo máis estraño nun dos peixes atopados na última campaña, na que se exhumouo algo totalmente insólito: “nunha lousa reaproveitada noutro lugar apareceu un peixe cunha estraña inscrición que recorda aos alfabetos ibéricos”, indica Meijide. Se a inscrición fose un alfabeto, se fose “escritura”, trataríase do primeiro achado dunha escritura prerromana en Galicia. Aí e nada. Podes vela na galería desta reportaxe. Esta lousa atopouse na última campaña de Formigueiros, despois da publicación do artigo de Gallaecia ligado ao final do pot.

A interpretación

Que significaban? Este xa é un asunto máis complexo. No seu artigo da revista Gallaecia, Meijide e outros dos membros do equipo, Xosé Ignacio Vilaseco e Jacek Blaszczyk, tentan situar no seu contexto cultural estas representacións de cabalos e peixes. Conservamos moi pouco das artes plásticas castrexas; ata agora os principais obxectos figurativos do mundo dos castros eran as famosas esculturas de cabezas e guerreiros. Pero para Meijide, os cabalos e os peixes non son un motivo illado nin único. Aínda que non abundantes, a representación do cabalo era relativamente frecuente nas culturais indoeuropeas, e no mundo da Península Ibérica na Idade do Ferro, tamén en Galicia. E os cabalos apareceron recentemente nun espectacular altorrelevo integrado na capela doutro lugar curiosamente tamén chamado Formigueiros, en Amoeiro (Ourense). Os peixes xa son máis estraños: aparecen debuxados nalgunhas cerámicas das Rías Baixas pero hai poucos exemplos máis.

Só hai unha peza en toda a Península ibérica na que concorren peixes e cabalos no mesmo espazo, e tamén pertence ao ámbito da cultura castrexa: é a fermosa diadema de Moñes, antes coñecida como Diadema de Ribadeo, cos seus fragmentos hoxe repartidos entre o Museo Arqueolóxico Nacional de Madrid e o Museo de Saint-Germain-en-Laye (Francia). Todo parece indicar que eses labirintos (vinculados tradicionalmente ao culto solar), peixes e cabalos parecen pertencer a unha antiga tradición de representación. Posiblemente están contándonos historias, mitos e lendas das que descoñecemos case todo. Aquelas representacións, nesa praciña e bancos da fortaleza castrexa de Formigueiros, habían xogar un papel simbólico na cultura das xentes do lugar.

Cos recortes orzamentarios en cultura, a realización de novas campañas está aínda no aire. “Escavamos moi pouco ata agora”, sinala Meijide, “pero se Formigueiros ofreceu todos estes resultados, deberiamos poder seguir alí”. Aínda que non apareceu demasiado nos medios de comunicación, a historia de Formigueiros abre perspectivas fascinantes, un mundo novo que as especiais condicións da lousa para preservar os debuxos permitiunos albiscar os mitos e algo do universo simbólico dos nosos devanceiros.

Para descargar

MEIJIDE CAMESELLE, Gonzalo, “Lousas decoradas con círculos, cabalos e peixes procedentes do castro de Formigueiros (Samos, Lugo)” in Gallaecia, nº 28, 2009. Podes descargar o artigo en PDF.

29 Comments

  1. Anxo
    19 / Novembro/ 2010

    A min, a parte o caso dos peixes, parecenme aproveitamentos de pedras onde había esculpidos petroglifos da Idade do Bronce para serviren de lousas para o chan. Esta situación xa se ten visto antes, por exemplo na citania de Santa Tegra apareceron pedras con restos de petroglifos gravados, formando parte de un valo.

  2. Loki
    19 / Novembro/ 2010

    Escrita ibérica? Ónde? Dende cándo os sinarios ibéricos illan un por un cada letra-fonema? Sen falar da asemellanza entre ós signos e a disposición regular dos mesmos. Sería máis prudente falar dunha lista de capturas de peixes por unidades ou de marcas de reparto. De alfabeto… ren de ren.

  3. 19 / Novembro/ 2010

    Anxo, non parecen aproveitamentos da Idade do Bronce. Se te fixas no plano de posición de moitos dos elementos, están todos no mesmo contexto. Pensar que esas pequenas gravuras teñen tantos séculos é bastante complicado.

    Loki, o arqueólogo non afirma que sexa escritura. Di que a inscrición (e iso é o que é, tecnicamente), recorda aos alfabetos ibéricos. é dicir, que os seus trazos recordan aos alfabetos ibéricos. Basicamente ten razón literalmente niso, e non máis que mirar calquera lista de caracteres dun deses alfabetos.

    http://1.bp.blogspot.com/_8Ep71J3sDmM/ReytiqqQDcI/AAAAAAAAAAw/Q7XJp5bVxQc/s400/iber_ne1.gif

    Quen especula que unha das posibilidades poida ter que ver cun alfabeto son eu, e fágoo empregando o pasado subxectivo, que é unha forma verbal que se emprega cun significado moi concreto. Permítame especular con isto, xa que é a primeira cadea de grafos -que eu saiba- atopados en Galicia nun contexto Idade do Ferro nunha época na que na veciña Meseta (parte oriental) e na Lusitania sur empregábanse grafos destes para escribir cousas. Coincido con vostede en que os trazos se repiten de xeito regular. O cal, basicamente, a min aínda faima máis interesante. Quen sabe. Hai que ser moi prudentes e, ao mellor, dentro de dez ou quince anos, con máis achados, entendemos estes grafos de xeito distinto.

    Polo demais, tampouco me parece moi prudente aventurar que é unha lista de capturas de peixe (!) ou da compra no Gadis. ;-) A saber o que será!

  4. 19 / Novembro/ 2010

    Por certo, a min recórdanme aos garabatos que fago eu nos cadernos ou nas servilletas cando estou reunido ou tomando o café con alguén. :-)

  5. miguel
    19 / Novembro/ 2010

    Creo que falando de Formigueiros, e independentemente de cronoloxías, en canto a usos e reutilización de espacios, en relación con este castro, non deberamos de deixar de falar da necrópole de Santa Mariña, que para min debería ir ligada ao castro independentemente de que a relación sexa simbólica ou funcional entre ambos xacementos, do cal espero que co tempo se vaian sabendo máis cousas, porque con independencia da relación temporal (e o período de utilización e reutilización dos túmulos en Santa Marña parece que é moi longo, longísimo) a xeográfica é evidente sen ningunha dúbida.

  6. Pancho-lapatianco
    19 / Novembro/ 2010

    Vaia. ¡Volviches a facelo! ;). Como ben sabes ando a preparar varias excursións polas terras do Incio que guiarei nos primeiros meses do próximo ano. ¡Canto dan moito de si estas parroquias!. É incrible o que pode aparecer en calquera recuncho do pais a pouco que investigas.

    Para aqueles que se lles dea por visitar este castro a raíz do teu post, estaría ben lembrarlles que a un quilómetro escaso temos a impresionante necrópole de Santa Mariña, con máis de 35 mámoas e dolmenes. Aquí un enlace a un interesante traballo sobre as excavacións das mesmas que complementa moi ben a visión dese espacio xeográfico.

    http://e-spacio.uned.es/fez/eserv.php?pid=bibliuned:ETFSerie1-0522E6A0-9593-FE3B-E681-534490C3AF5E&dsID=PDF

    ¡Ollo!. Para chegar a elas hai que coller a pista en dirección contraria á que se colle para subir ó castro de Formigueiros.

    A verdade, éche un castro impresionante, polas construccións e vistas. Dunha banda Samos e da outra o val do Mao.

    Por certo, se me permites usar este amplio foro que é o teu blog, ¿alguén sabería indicar onde están as minas de onde se sacaba o sonado mármore azul do Incio?

  7. Pancho-lapatianco
    19 / Novembro/ 2010

    Preguntas que un se pode facer en canto ós motivos dos petroglifos atopados en Formigueiros. Tendo en conta que estaban rodeados deles, pero feitos nun material máis erosionable que o granito, e a distancia temporal entre uns e outros. Falando dos labirintos, e tomando en consideración o diferente número de espirais ¿de onde tomarían os motivos feitos no Ferro?. ¿Influencias a media distancia? ¿Algún escultor nómada?. ¿Ou tiñan algún modelo moito máis cercano??.

  8. breoghain
    19 / Novembro/ 2010

    Interessantíssimo. Já tinho lido sobre isto na revista que publicou o grupo de estudos etnográficos A Serpe Bichoca, mas nom tinha olhado as gravuras. Seja o que for. Alfabeto, ideograma, o que for é para ter muito en conta em comparança com achádegos porteriores. (alguêm conhece a origem primigênia dos caracteres empregados polos canteiros nos seus trabalhos??)

  9. Pancho-lapatianco
    19 / Novembro/ 2010

    En canto ás construccións das vivendas.
    Ainda que o castro de Castromaior en Portomarín só o coñezo por fotos, as de Formigueiros parécenselle bastante, así de primeira vista.

    Incluso diría que comparando as vistas aéreas de un e outro, a complexidade das defensas teñen moito en común, aparentemente.

  10. Anxo
    19 / Novembro/ 2010

    Si, é certo o que dis Manuel de que esas gravuras non semellan ser tan antergas como as da Idade do Bronce. Tería que velas en persoa para decir algo con máis fundamento pero ó que quería referirme é que a forma dos labirintos é moi semellante ou igual á dos petroglifos da Idade do Bronce Non deixa de ser interesante, nembargantes, as gravuras de peixes e as gravuras en ese “alfabeto”.

  11. 19 / Novembro/ 2010

    Recomendo a visita a Santa Mariña en pleno verán. O fungar das abellas nas numerosas colmeas que hai á beira mesmo das mámoas resulta enxordecedor. É que por alí hai moito uzal, e aínda mellor mel.

    En canto ás inscricións, a min parécenme meramente ornamentais, con paus verticais e dobres zetas. Queda ‘moi mono’. Aínda que… quen sabe!

  12. Pancho-lapatianco
    19 / Novembro/ 2010

    Vale. Por falar que non quede. E será cousa de deformación profesional ;), pero ¿non che serán inscripcións “contables”?. É dicir, cantos peixes hai ou se venden ou deixan en prenda. Presumindo que teñan relación o peixe e as inscripcións, claro.

  13. 19 / Novembro/ 2010

    O tema dos motivos e a súa procedencia está moi ben explicado no artigo do que ligo. Cabalos e peixes aparecen na diadema de Moña -ou de onde sexa- e os cabalos son un motivo que aparece noutros sitios.

    Os labirintos son un motivo recorrente. En Galicia temos os magníficos exemplos dos petróglifos, pero como motivo non son exclusivos de nós nin desa época. Nesta excelente entrada da Wikipedia podemos ver labirintos de todas as épocas: http://en.wikipedia.org/wiki/Labyrinth. Parece case un motivo de orixe ‘biolóxica’, algo que o noso cerebro tende a facer.

    Si, Formigueiros e o Castromaior de Portomarín son moi similares. De feito, podedes ver que as estruturas das casas son diferentes ás da costa. Aquí, sen romanización, son cadradas. O mundo castrexo era moito máis diverso internamente do que convencionalmente pensamos.

    Sobre o sentido deses grafos, como dicía antes, vai ti saber! En certo xeito, dáme igual. Por seguir xogando coa imaxinación (cousa moi sana), a min paréceme unha inscrición moi “casual”, é dicir, feita case como un pasatempo. As inscricións celtíberas adoitan estar revestidas de importancia e feitas en materiais nobles. De todos os xeitos, cando antes me refería a que me recordaba aos meus garabatos, quería ir alén da propia casualidade. Cando eu fago garabatos, fágoos de acordo a determinada estrutura mental moi vinculada ao feito de saber e empregar a escritura: algo así como os adolescentes, cando se aburren en clase, e comezan a garabatear un folio coa súa sinatura por todas partes. É algo case aleatorio, pero detrás hai algo. Estes trazos parecen responder a algo similar.

    Con todo, o fascinante tamén é o aspecto xeolóxico da cuestión: como un material concreto, o xisto, polas súas especiais características pode cambiar a visión que temos dunha época. É como a area da Lanzada, que preserva mellor os materiais orgánicos e os revela de xeito ben claro. Esa é unha lección interesante á que atender.

  14. 19 / Novembro/ 2010

    Non cheguei a subir a Santa Mariña (grazas polo apuntamento do desvío, Pancho), pero o que lin sobre esa necrópole é impresionante. E coincido con Miguel en que poderían existir vínculos (culturais, simbólicos, quen sabe) entre esa necrópole e Formigueiros. A asociación é inevitable. Como, nin idea.

  15. Anxo
    20 / Novembro/ 2010

    Os labirintos é un motivo recurrente e existen en moitos lugares do mundo. Non hai unha explicación definitiva para elo, só teorías como a dos fosfenos,etc. No que respecta ó caso galego, polo que eu sei só se esculpiron eses labirinto na Idade do Bronce, correxídeme si estou errado.

  16. Manuel Santos
    20 / Novembro/ 2010

    Non resulta sorprendente que apareza un labirinto nun castro da Idade do Ferro, de feito tódolos labirintos datados en Europa son posteriores ó 1.300 a. C. e a maioría pertencen á Idade do Ferro. Os labirintos galegos non están datados directamente, pero non hai razón para pensar que non pertenzan á Idade do Ferro, de feito boa parte dos petróglifos Atlánticos galegos foron feitos nesa época.

  17. Anxo
    21 / Novembro/ 2010

    Manuel santos; esas datacións non son as que tenho leído na bibliografía que hai ó respeito.

  18. Manuel Santos
    22 / Novembro/ 2010

    Anxo,a datación de parte gravados rupestres galegos na Idade do Ferro ven de antigo. Sobrino Buhigas sitúa os labirintos na Idade do Ferro, Cuevillas data os cuadrúpedos neste mesmo periodo, Blanco Freijeiro tamén data os labirintos na Idade do Ferro. Recentemente as escavacións en petróglifos en Campo Lameiro tamén sitúan algúns gravados na Idade do Ferro. Se necesitas máis detalles sobre a bibliografía podo pasarcha.

  19. Xacobe
    23 / Novembro/ 2010

    Unha posíbel escritura prerromana!
    WOoOW!!!!!
    Ledicia e intriga, todo xunto.
    :)

  20. Yago Terroba
    24 / Novembro/ 2010

    Un hallazgo muy interesante el de estos grabados en las losas de una plazuela enlosada de la croa del castro de Formigueiros.
    Pero, como ya apunta Meijide en el artículo que acompaña a este post, lo más interesante de todo es la relación de lo que allí se representa con el ambiente en el que se encuentra, es decir, con su contexto: una plazoleta enlosada en la croa de un castro, asociada a dos estructuras de buena factura arquitectónica, una de las cuales parece haber sido una habitación con cocina a la que se adosa un banco corrido en su muro exterior que da a la plazoleta.
    Pero esto no es todo, la iconografía que aquí se representa, como dice Meijide en el artículo, se puede relacionar con la que vemos en la diadema de Moñes que podría estar mostrando una iconografía recurrente de las elites de la época (caballos, jinetes-guerreros, peces, comesalidad -calderos-, etc) y que refleja algunos de los elementos con los que estas elites del Noroeste peninsular se identificaban.
    Pero a todo esto veo necesario añadir la información que se desprende de un grupo de grabados rupestres del Valle del Côa (NE Portugal) datados por sus investigadores a finales del Hierro II. En éstos podemos ver representados hombres armados con lanzas, a caballo, con cabeza de pájaro y penachos en la zona de la nuca y que guardan claras similitudes con los personajes que se representan en la diadema de Moñes. Además, en los grabados del Valle del Côa, en el panel 3 (LUÍS 2009: 141)de Vermelhosa, aparece uno de estos antropomorfos de cababeza “apajarada” con un vaso sobre la cabeza que sujeta con ambas manos (podría este vaso del grabado portugués relacionarse de algún modo, a nivel iconográfico, con los calderos representados en la diadema de Moñes).
    Pero aquí no acaban las coincidencias, y es que en los grabados rupestres del panel 3 de Vermelhosa (Valle del Côa) se representa un pez rellenado con una retícula que es bastante similar en forma y factura a los que se representan en Formigueiros, eso sí, el portugués no muestra representadas las aletas y se encuentra dentro de una escena en la que está siendo depredado por dos pájaros necrófagos (LUÍS 2009:141). Tanto el pez del panel rupestre de Vermelhosa 3 como los de Formigueiros están grabados con un trazo fino similar aunque es posible que las dimensiones de unos y otro motivo difieran.
    Y para terminar con tanta coincidencia, apuntar que en uno de estos paneles rupestres del Valle del Côa, exactamente en el panel 23 de Vale da Casa, se representa una escena de caza donde aparece un jinete y sus perros dando caza a un cérvido y encima de ellos una inscripción ibérica (ROYO GUILLÉN 1999: 217) o celtibérica (LUÍS 2009: 141).
    De todo este “datastorming” podemos sacar unas breves conclusiones para no aburriros ni enloqueceros más: vemos en los tres testimonios arqueológicos (castro de Formigueiros, diadema de Moñes y grabados del Valle del Côa) una iconografía asociada al mundo de las élites de finales del Hierro II en la que se muestra la importancia del caballo, el hombre armado, la comensalidad, los peces (los ríos). Y vemos,además, como tanto en el caso portugués como en el lucense, aparece fortuitamente una inscripción de aparente escritura ibérica o celtibérica asociada a estos ambientes de poder donde se muestra el mundo de las élites.
    Desde luego todo esto da para reflexionar mucho acerca del tema, y merecería ser investigado minuciosamente y explicado mucho más extensamente y mejor de lo que aquí lo he hecho (espero hacerlo en un futuro). Simplemente quería daros a conocer más pistas que podrían tener relación con estos grabados del castro de Formigueiros, aparte de las ya apuntadas por Meijide.

    Un saludo!

    LUÍS, L. 2009. “Rock Art as Land Art. A diachronic view of the Côa Valley (NE Portugal) Post-Palaeolithic Rock Art”. En BALBÍN BEHRMANN, R.; BUENO RAMÍREZ, P.; GONZÁLEZ ANTÓN, R.; DEL ARCO AGUILAR, C. (Eds.) 2009. “Grabados rupestres de la fachada atlántica europea y africana”. BAR International Series 2043.

    ROYO GUILLÉN, J. I. 1999 “Las manifestaciones ibéricas del arte rupestre en Aragón y su contexto arqueológico: una propuesta metodológica”. Bolskan nº16, pp. 193-230.

  21. 24 / Novembro/ 2010

    Interesantísimo o que apuntas, Yago. Grazas por todos estes datos. Nin se me pasara pola cabeza relacionar os gravados do Côa con Formigueiros.

  22. Yago Terroba
    24 / Novembro/ 2010

    Dicho todo lo anterior, me gustaría aclarar una cosa: una vez que he vuelto a observar la supuesta “inscripción” del castro de Formigueiros para compararla con la del panel de Vermelhosa 3 del Valle del Côa, me doy cuenta que mientras que la portuguesa sí que puede ser una inscripción donde se muestran diferentes signos alfabetiformes, la de Formigueiros, por una serie de motivos, no tiene ninguna pinta de ser una inscripción. En ella no se observan más que dos signos diferentes: uno, el “palito” y otro, la especie de sigma ibérica. Estos dos signos van intercalados de forma regular repitiéndose secuencialmente: palito-sigma ibérica-palito-sigma ibérica-palito… Difícilmente esta cenefa de motivos geométricos esquematizados podría ser una inscripción.
    Quizá sea más verosímil pensar que se trata de un motivo esquematizado que acompaña al pez sobre el que se colocó formando algún tipo de escena y que, por lo tanto, podríamos pensar que estamos ante la representación esquemática de una cascada o de una red de pesca. Por otro lado tampoco parece descabellado el pensar que pudo ser algún tipo de registro o recuento. Sin embargo, de momento, no podemos afirmar nada con rotundidad de este motivo esquemático “tan simple”.

  23. Tomás Rodriguez
    4 / Decembro/ 2011

    O castro de Formigueiros é realmente excepcional e não só polos achados que asolha esta escavação. No seu contexto espacial e territorial é também um castro anómalo, ostenta toda uma série de características que o diferenciam dos demais castros do seu contorno:
    É um castro hiperdefendido, possui um complexo sistema de fojos e parapeitos que ocupam um superfície muito maior que o recinto habitacional, ao mesmo tempo está inçado de pedras fincadas, tanto dispostas nos parapeitos como em campos arredor. Partilha espaço com túmulos funerários, por um lado está Santa Marinha (com mais de 40) e polo outro o Édramo (mais de 10). Ocupa terras de monte, de baixa atitude agrícola se se compara com os outros da zona (Samos, Sárria e Vale do Mao), tampouco não se observa nenhum tipo de continuidade espacial ou funcional com a Alta Idade Media… Para mais pormenores pode ver-se um artigo meu antigo, mas no que se explicam estes pormenores em: http://e-spacio.uned.es/fez/eserv.php?pid=bibliuned:ETFSerie1-72308D87-F31E-3A07-9C26-B4D35D70565B&dsID=Documento.pdf
    A ideia que se desprende deste castro contemplado desde uma perspectiva territorial é que faz parte dum sistema alheio ao próprio mundo indígena castrejo, pois está inserto numa série de castros e sítios fortificados que defendem um antigo caminho que provém das áreas auríferas do Caurel; talvez nem os construtores nem os habitantes deste castro singular fossem galaicos (lucenses polo menos), parece mais bem um bastião defensivo que o estado romano coloca numa das vias que unem Lucus e o ouro do Caurel (A Toca e outras), assim os achados que agora saem à luz talvez ajudem no sentido de saber que gentes e de que lugar foram deslocados aqui, ao serviço de Roma, desde quando e por quanto tempo. Interessantíssima escavação.

  24. Tomás Rodriguez
    4 / Decembro/ 2011

    Esqueci comentar que gravuras semelhantes ao labirinto existiam no ano 1990 na mesma Serra do Édramo, em mui deficiente estado de conservação ao estar ao ar livre; com tudo quase todas as gravuras são covinhas unidas por linhas em traço reto, as de traço curvo eram mui poucas. A que pode ser mais semelhante ao labirinto é uma laxe que tem (tinha) uma espiral gravada numa laxe de xisto, no ponto mais alto da Serra do Édramo. Quando a equipa da que eu fez parte trabalhamos por estes lugares parecia-nos que estes petróglifos estavam associadas com os túmulos porque apareciam em lousas imediatas a caminhos, perto das mámoas delimitando conjuntos e também nos esteios e mesmo em laxes sobre as que se construíram os túmulos. Mui perto do castro existiu também outro petróglifo de covinhas unidas por linhas que foi destruído por uma pá ao converter em pista o antigo Caminho Real que discorre a pé do Castro, por se for de interesse: http://e-spacio.uned.es/fez/eserv.php?pid=bibliuned:ETFSerie1-0522E6A0-9593-FE3B-E681-534490C3AF5E&dsID=Documento.pdf

  25. 4 / Decembro/ 2011

    Grazas polas interesantes achegas, Tomás, pero ata o momento, segundo o director da escavación, as evidencias arqueolóxicas indican que non houbo proceso de romanización e que, ademáis, o poboado existe máis ou menos ata o cambio de era, canda unha reocupación moi coxuntural en época tardorromana.

    Pero Meixide coincide contigo na anormalidade do castro. Para el, estamos falando dunha fortaleza dun señor, máis que un castro “normal”. Curiosamente, outro castro cun gran aparello defensivo -e que vai máis alá do defensivo- como Castromaior, en Portomarín, tamén se abandona xusto no cambio de era sen signos efectivos de presenza romana e cun intrigante detalle. Tes info sobre este lugar neste blog.

  26. 4 / Decembro/ 2011

    Eu creo que nestes momentos temos un panorama tremendamente interesante abríndose en cernes. Por unha banda, a escavación arqueolóxica de alomenos dúas ou tres aldeas castrexas en aberto, con actividade previa á romanización, e por outro lado, se cadra, certa diversificación dos modelos de castros que non sabemos encaixar de todo, xa que carecemos dunha visión global e escavada do fenómeno castrexo nunha comarca natural: só temos “arquipélagos”, e iso outorga visións fragmentarias. Todo isto son problemas metodolóxicos de carallo. Penso por exemplo en certas curiosas especializacións de castros de Ferro I como almacéns no Ferro II (o último caso que coñezo que é interpretado así é Chandebrito, e hai alguha interesante discusión ao respecto na tese de Ruibal ou nalgunha Gallaecia, cito de memoria e fóra de casa), ou o problema metodolóxico dun espazo ritual sancionado e baleiro de ocupacións domésticas durante a II Idade de Ferro, como é o Castro de Neixón grande.

    Moitas cousas, e temos que abrir moito a cabeza!! Persoalmente, eu estaba convencido de que se sabía “moito”, e canto máis leo máis me decato de que sabemos aínda moi pouco sobre estas xentes e a súa organización social.

  27. Brais
    15 / Febreiro/ 2012

    Dándolle a cabeza:
    O Castro de Formigueiros destaca segundo os seus escavadores pola súa monumentalidade e o seu gran sistema defensivo (Dorribo Cao, 1995: 13; Mijide Cameselle, 2007: 65). Consta dunha potente muralla que coroa o recinto central, e dun complexo sistema de fosos, parapetos e pedras fincadas que chegan incluso a unha serie de seis (Rodriguez Fernández, 1994: 164). Polo tanto, podemos destacar o carácter de “castro superdefendido” de Formigueiros.
    Dende a publicación dos traballos de Tomás Rodríguez para a zona de Sarria-Samos (Tomás Rodríguez, 1993-1994, 1994), sempre se defendeu que se trataría dun castro mineiro-romano vinculado co control das rutas de comercio e transporte de minerais que ían cara a zona de O Courel, da aí a súa “superfortificación”. Non obstante, astas últimas investigacións sacaron á luz indicios dunha ocupación que se remontaría á Segunda Idade do Ferro, concretamente desde o século III a.n.e. ata mediados del I d.n.e., en torno ao ano 37 (Meijide Cameselle 2005, 2009).

    Esta nova realidade resúltame realmente importante se a cruzamos con outros datos que ofrecen algúns autores sobre a evolución das comunidades do Ferro do NO.
    1º César Parcero Oubiña explica que a xerarquía rexional entre asentamentos pode expresarse a través de criterios como a estrutura arquitectónica (Parcero Oubiña, 2002: 235). Afirma tamén que “en la Segunda Edad del Hierro aparecen claros signos de desigualdad social. Uno de ellos podría ser la militarización del paisaje (…) Los asentamientos se dotan de complejos defensivos excesivos, monumentales, que ademas de cumplir esa función básica habrían operado también como elementos de control de la población y como exhibiciones del poderío de la comunidad (Parcero Oubiña, 2002: 234).
    2º Conxugamos o anterior coas ideas de Alfredo González Ruibal, segundo as que “desde el 400 a.n.e. se incrementan sustancialmente las obras colectivas, más allá incluso de las meras necesidades funcionales, lo que demuestra un creciente conflicto intercomunitario y un mayor control de la propia comunidad” (González Ruibal, 2006-7: 636).
    3ª Ligamos todo coa idea de Xurxo Ayán Vila, quen defende que a arquitectura castrexa pode ser utilizada como unha ferramenta para acceder ao plano social das comunidades (Ayán Vila, 2005c: 36).

    Remexendo todo un pouco, non me parece de tolos pensar que Formigueiros é un exemplo da tan discutida existencia no interior galaico de xerarquización social (e entre asentamentos), patente na hiperfortificación do castro. Dende o meu punto de vista, podería corresponderse tanto cun enclave central de poder político, como cun centro de control “indíxena” relacionado coa explotación mineira da zona, ou coa realización de actividades comerciais por parte das comunidades locais. Ambas as dúas opcións implicaría para min, a existencia dun importante poder político “prerromano”.
    Espero non ter dito ningunha tolemia.

  28. 16 / Febreiro/ 2012

    Tolemia ningunha, Brais.

    Vou engadir máis. De feito, seguimos tendo o problema de que aínda non conseguimos ter unha visión territorial dos poboados da Idade do Ferro nunha comarca, xa que escavamos moitos castros pero todos separados entre si. O día no que abordemos durante unha década o estudo arqueolóxico dun territorio concreto, con escavacións en cada castro que determinen a cronoloxía e espazos, comezaremos a entender mellor ese mundo e a responder aos moitos interrogantes sobre as relacións entre castros, etc. Poboados abandonados/reocupados/amortizados con outras funcións…Diacronías/sincronías…

    E poño un exemplo. Igual estaba ben estudar (ao mellor xa o estudo alguén) a distribución territorial dos castros coñecidos como Cidá/Cividá, etc. No Barbanza, por exemplo, só hai un con ese nome. E na área de Borneiro creo que só Borneiro se coñecía como a Cividá/Subidá, algo así. Pontevedra, se cadra, é algo distinta. E sospeito que aí, nesa denominación, ao mellor, hai algo. :-)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará