Last updated on 26 / Setembro/ 2011

Unha dolabra lexionaria romana. Fotos: Equipo de escavación
Texto publicado orixinalmente en culturagalega.org, o 22 de setembro de 2011
Parecía unha campaña arqueolóxica máis, pero a escavación do Monte do Castro, en Ribadumia (Pontevedra), está a revelar un riquísimo patrimonio arqueolóxico soterrado que ten sorprendido e intrigado ao equipo de investigación. Detrás desta historia pode haber un drama humano na época da conquista romana de Galicia.
O Monte do Castro parecía un castro máis, só que con fortes danos derivados do seu uso industrial. “O 30% do recinto, na súa croa, está afectado por canteiras”, asegura Rafael Rodríguez, arqueólogo da Deputación de Pontevedra e director da escavación deste sitio arqueolóxico da Idade do Ferro ubicado en Ribadumia. Estas canteiras, activas desde o século XIX, devoraron valiosas partes da croa, incluído un misterioso penedo no alto do castro, que aínda lembran os veciños, con cinco escalóns labrados na rocha que ascendían ata unha gran pía orientada cara o Oeste. O Monte do Castro ocupa ao redor de cinco hectáreas de terreo, distribuídas en catro terrazas diferentes, unha das cales está fóra das murallas.
Sen embargo, os resultados das escavacións están a sorprender ao equipo arqueolóxico que a Deputación de Pontevedra destinou neste sitio arqueolóxico dentro do Proxecto Pousadas, co que quere crear unha rede patrimonial e turística no Salnés e no litoral pontevedrés. O equipo de investigación estimaba atopar un poboado que ofrecera un punto de transición cultural entre os castros do interior e os da franxa litoral: dispuñan dos datos de escavacións previas en dous poboados próximos, de terra adentro e da costa, respectivamente: Castrolandín (Cuntis) e A Lanzada (Sanxenxo), e agardaban atopar algo intermedio.


“As expectativas cumpríronse neste sentido”, asegura Rodríguez, “e pódese observar nos achados de cerámica. Mentres que os cacharros localizados son, na súa forma, típicos do interior, a decoración das pezas de borde aristado é típica da franxa costeira das Rías Baixas”. A terraza escavada é como un mostra da cultura material dos galaicos: hai desde un obradoiro metalúrxico ata unha gran casa rectangular e unha casa-patio cun gran edificio de almacenaxe presidida por unhas escadas monumentais e na que se atopou un curioso amarradoiro con forma de cola de cabalo. “Esta casa-patio revela o importante proceso de xerarquización social que se dá en Galicia a finais da Idade do Ferro”. O chamativo é que a estrutura da casa lembra moito ás distantes casas-patio localizadas no interior de Galicia, coma no gran castro de San Cibrán de Lás.


Amarradeiro en forma de cola de cabalo
Un gran incendio
Pero o castro comezou a amosar algo máis que intrigou aos investigadores. Aínda que na primeira fase de escavación non se advertira tan claramente, a segunda campaña, en curso agora mesmo, revelou un incendio de enormes proporcións que colapsou practicamente toda a terraza que está a escavar o equipo. “É moi habitual atopar incendios nos castros”, indica Rafael Rodríguez, “polo feito da propia feitura das cabanas, os teitos de palla,etc., pero o habitual é que reconstrúan as casas por riba do nivel de incendio”. No Monte do Castro pasou algo diferente. O incendio, de gran potencia, arrasou a terraza e rematou para sempre coa ocupación, cando menos, deste sector do castro xa escavado. A cronoloxía está tamén moi clara: o incendio produciuse a mediados do século I d.C. Pódese determinar pola presenza de ánforas Halltern 70, o soporte estándar da época para o comercio entre Galicia e o Mediterráneo e, de xeito moi preciso, pola aparición dunha moeda da época do emperador Octavio Augusto, responsable das campañas militares finais que someteron aos pobos do noroeste da Península Ibérica.
O problema é que o castro está cheo de evidencias que indican que o abandono do poboado non foi gradual, nin moito menos. Numerosos cacharros cerámicos foron atopados in situ, enteiros, no lugar mesmo no que foron deixados nun día de vida cotiá.
“O incendio é algo que nos sorprendeu”, di Rafael Rodríguez, “o máis chamativo, por exemplo, é a concentración de muíños crebados ou enteiros que apareceron nunha das cabanas. Están alí tal cal. Ou o cacharro enteiro que aparece no interior dunha casa patio, ou a dolia de almacenaxe que aparece tamén onde ten que estar”. Nas últimas semanas, abrindo parte do sector da muralla do castro, os investigadores tamén atoparon outro cacharro que fora aplastado por un derrubo da muralla. Os muros das casas, ao caeren durante o incendio ou posteriormente, escacharon os cacharros que ficaron no sitio no que se abandonaran, no lugar onde estaban habitualmente na vida cotiá do castro. “Todo parece indicar”, sinala Rafael Rodríguez, “que este incendio foi intencionado”.
Hai outro indicio intrigante. No medio dos derrubos de algunhas das paredes das casas aparecían pedras dun tamaño superior ao necesario para os muros. Rafael Rodríguez vai pedindo ao equipo que non as retiren para ver a composición xeral. Preguntámoslle por que. “Non o sei”, encóllese de ombreiros, “pero é estraño”.

Monte de muíños e anacos de muíño no interior dunha casa.

Momento de desenterrar unha fíbula en moi bo estado.

Unha “reliquia”. Un machado do século IX-VII a.C.


As xoias
Se a ubicación orixinal da cerámica estrañou aos investigadores, aínda o fixo máis as elevadas proporcións de xoias e adornos localizados nun tramo de non moi grandes dimensións. Repartidas pola terraza atoparon xa 18 fíbulas –prestixiosos prendedoiros de capas- de tradición galaica e transmontana. Moitas delas aparecen no interior das casas. “É moi difícil que queden tantas fíbulas dentro das casas se non é un abandono repentino”, concreta Rodríguez. A isto se lle suman que nestes momentos xa apareceron cinco aneis galaicos estrados pola terraza, un deles cun fermoso fío de bronce ao redor, e un fermoso colgante cunha pedra negra engarzada, posiblemente cuarcita. Esta densidade de achados de decoración persoal é absolutamente inusual nas escavacións dos castros onde, como en calquera lugar, os bens preciosos levábanse con un cando se marchaba dun lugar. O problema é que aquí non só non os levaron con eles, senón que non volveron recollelos despois do incendio.
Aínda que a maior parte destes achados teñen que ver coa última época do castro, o século I d.C., tamén aparecen outros obxectos tan fermosos como intrigantes. É o caso dunha machada de cubo propia da Idade do Bronce. Aínda que a ocupación do castro, polo momento, parece iniciarse con cabanas de palla-barro no século IV a.C., foi nese nivel onde o equipo, nunha zona que os habitantes do castro remodelaron posteriormente, localizou ese machado. O que pasa é que a peza ten unha cronoloxía moi anterior ao propio sitio arqueolóxico: do século IX-VII a.C., case cincocentos antes do localizado ata agora. “Puido ser unha reliquia”, sinala Rodríguez. Con todo, a presenza destas “reliquias” soterradas baixo as casas castrexas é un fenómeno relativamente habitual dentro da cultura galaica.

A dolabra

Pinzas posiblemente lexionarias
Unha arma lexionaria
Pero a sorpresa do equipo –e da escavación ata o momento- foi maiúscula cando no interior dunha gran casa moi longa apareceu unha dolabra. Trátase dunha arma do exército romano na época de Augusto, empregada como instrumento multifuncional que tanto valía para establecer combate como para outras funcionalidades do exército. Aparecen con frecuencia, por exemplo, nos sitios arqueolóxicos das loitas entre romanos e xermanos ao redor do Rhin. A dolabra, en bo estado de conservación, localizouse no interior desta gran casa, por baixo do derrubo, e en posición diagonal con respecto ao chan: a súa cronoloxía está claramente vinculada ao horizonte temporal do final do castro. Ao fondo e no interior desa gran cabana, os arqueólogos localizaron dúas fíbulas.
Pode non ser o único elemento vinculado aos lexionarios que atopou por agora o equipo. Aínda en fase de estudo e sen unha adscrición cultural tan clara como no caso da dolabra, están a analizar unhas pinzas que non son de tradición castrexa e que tamén apareceron na terraza. Por regulamento, os soldados romanos debían levar pinzas como estas no seu equipamento militar.
O futuro do pasado
Mentres o equipo traballa na consolidación dos restos e na ampliación desta terraza, Rafael Rodríguez xa pensa en abrir novas catas no alto da croa do castro, aló onde o parapeto se conserva en mellor estado, e ver como se corresponde cos achados de embaixo. Aínda que é cedo para saber que aconteceu no Monte do Castro de Ribadumia, a cantidade de achados é tal que a hipótese que manexan os investigadores é un final violento, cando menos desta terraza do castro. Non é doado, polo momento, saber quen foi o responsable da desfeita. A aparición dunha arma regulamentaria lexionaria, posiblemente a primeira localizada nun castro de Galicia, canda outro posible instrumento lexionario, pode ser un indicio importante para saber quen foron os responsables do incendio, pero a súa presenza na cabana máis grande da terraza tamén podería ter outras explicacións non necesariamente bélicas; por agora o castro é un puzzle fascinante no que aínda faltan moitas pezas. Se cadra, o máis desacougante é a abundante presenza de xoias persoais -18 fíbulas, 5 aneis, un colgante- estrados por unha pequena superficie de terreo. Hai que ter en conta que a elevada acidez do chan devora todo resto orgánico.
A única solución para resolver esta intriga é continuar escavando, e agardar que a barbarie destrutora das canteiras dos anos 80, non fixera desaparecer a solución deste apaixoante episodio da nosa Historia para sempre.
——–
E unha vez rematada a reportaxe xornalística, permitídeme que exprese algunhas ideas de carácter máis interpretativo.

Non sei se lembrades estas imaxes, pero a min foi o primeiro que me veu á cabeza cando visitei o castro de Besomaño. Corresponden aos momentos posteriores ao furacán Katrina, que arrasou numerosas barriadas de Nova Orleans, pero poderían ser de calquera catástrofe no mundo. O momento “despois”, cando as xentes retornan ás súas casas, desfeitas, para tentar recuperar os obxectos de valor antes de que os saqueadores ou calquera persoa poidan levalas.
Unha das cousas máis intrigantes do Monte do Castro de Ribadumia é a cantidade de obxectos de valor concentrados nunha superficie bastante reducida en relación a todo o castro. Obxectos que, naquela época, aínda eran moito máis valiosos que hoxendía. Descoñecemos por que esas persoas non volveron ao castro a recolleren as súas preciosas pezas. Descoñecemos se estaban vivos para vir recollelas. Descoñecemos, mesmo, se esas pezas tiradas no chan do Monte do Castro indiquen que alí, ao redor desa peza, no seu momento, houbo algo máis. Xa sabedes a que me refiro. Se fose así, os arqueólogos estarían desenterrando o escenario dunha masacre. Pero aínda faltan variables por determinar.
Descoñecemos todo sobre as relacións sociais e humanas naquel momento. Rafa Rodríguez contoume, por exemplo, como a pesar de coincidir o apoxeo deste poboado co da Lanzada, estaren só a 10 quilómetros e habendo o río Umia, navegable naquela época, ao carón, no Monte do Castro a penas se atopan pezas importadas, púnicas e mediterráneas, que naquel momento inzan a Lanzada. Había algún tipo de barreira política ou social en distancias tan curtas, pero non podemos fiar moito máis fino polo de agora. Os castros galegos adoitan ser bastante coherentes na súa cultura material. Os científicos saben con bastante precisión que tipo de obxectos se van atopar, aínda que sempre hai algunha sorpresa. Pero a aparición dunha dolabra lexionaria, obviamente, introduce un importante factor ‘distorsionador’ no xeito no que viamos estas culturas e os poboados que abandonaron.
Ese elemento obriga a ter a cabeza moi fría, desde o punto de vista científico, porque todo encaixa demasiado, demasiado ben. Fixádevos nesta foto:

Hai dous elementos importantes nela. Na zona inferior, a acumulación de muíños e anacos crebados de muíño no interior dunha casa. Isto é moi raro. Debaixo deles atoparon un bo anaco de ánfora alí situado. Lembrei inmediatamente as evidencias atopadas nalgún campamento romano en Burgos. Os arqueólogos cántabros localizaran no interior do campamento romano anacos de muíños indíxenas que, pola súa traxectoria, foran propulsados desde o castro ubicado diante do campamento. A conclusión de Peralta e o seu equipo era bastante simpática: os indíxenas roubaran unha catapulta romana porque carecerían desta tecnoloxía e empregábana contra o campamento da lexión. Cando vin ese monte de muíños díxenlle a Rafa Rodríguez:
-Igual atopas repartidos máis destes aló enfronte -comenteille ironicamente, sinalando o bosque que se estende baixo as murallas do castro.
El riuse, e sinaloume esa pedra que vedes, algo máis alá, no medio da casa, que ten unha vara vermella ao carón.
-Esa pedra estaba incrustada no medio do derrubo da parede pero polo seu tamaño e forma é moi raro que formara parte da parede.
-Que pensas que é?
O arqueólogo riuse e encolleuse de ombreiros. Certamente, se mirades a foto, vese claramente que ese pedrolo non se corresponde co ancho deses muros.
-Non o sei -e miroume pícaro.
O pedrolo estaba aí sen retirar, como atestiguando un feito. Rafa Rodríguez non o sabía pero estaba especulando, internamente, o mesmo ca min. E basicamente, non o formulamos abertamente, porque se é o que pensamos, todo isto é revolucionario no contexto da arqueoloxía galega. Eu tamén me rin.
É imposible non facer cábalas. O colapso de numerosos castros coincidindo coa conquista romana é evidente. Son abandonados neses momentos. Escoitei teorías de todo tipo, pero francamente non me convenceron nunca demasiado. No Monte do Castro pasou algo que, por primeira vez, grazas a que se está realizando unha ampla escavación en área de todo o recinto, estamos comprendendo no seu conxunto. O castro dispuña, posiblemente, dun santuario na súa zona superior, arrasado polas canteiras. É un recinto de dimensións superiores á media na comarca. E o tipo de casas e cultura material está revelando, cando menos nesta terraza, a existencia dunha aristocracia local.
A análise do sistema defensivo pode arroxar algo de luz sobre esta cuestión, ou a aparición de máis elementos. En todo caso, a escavación do castro que parecía machacado polas canteiras revelou todo un poderoso relato sobre o noso pasado. A historia dunha traxedia e, se cadra, a historia dunha masacre.

Sen palabras.
Atopar indicios tan aparentemente claros dun combate, en terras galegas, sería algo revolucionario. A incluir na mesma nómina que La Loma ou Andagoste.
Pero quizáis igual de revolucionario é a data: falas no artigo de que o incendio é datable a mediados do século I d.C. Case setenta e pico anos (máis o ou menos, tres xeracións) despois do final das Guerras Cántabras…
Bueno, co da data ao mellor teño eu unha gralla, téñolle que consultar ao arqueólogo. El me dixo que as evidencias eran o tipo de ánfora (Halltern 70) e a localización dun As de Augusto. Iso non nos leva a I d.C., senón nos pode deixar en I a.C. Voulle mandar un mail a ver que me conta.
Grazas polo aviso!
Confirmado. Mediados I d.C. segundo o arqueólogo. :-)
Perdón, ainda que intento, é que non podo, non calo. Se me permitides a gracia, eu creo que ese pedrolo dentro da casa foi posto ahí por colaboracionistas romanos. Tan contentos estaban os pobres indíxenas galaicos de poder acoller cos brazos abertos a sofisticada cultura romana, que o centurión regaloulles unha pedra de catapulta como proba de amistade e os agradecidos indíxenas subírona ó castro e puxérona orgullosos no centro da caseta como decoración.
Xoán, moi coñera esa cursiva (aviso para quen non se fixara).
A verdade é que é todo bastante intrigante, pero o da catapulta pensade que é máis ben un xogo, un exemplo de como se nos pode ir a cabeza e a imaxinación con todo isto. Temos un imaxinario cultural tan grande ao redor do mundo romano que fai que inmediatamente casemos cousas entre si con rapidez, pero os feitos ao mellor foron moi distintos.
Digo isto sobre todo para quedar ben e parecer un tipo serio. :-)
En todo caso, por agora hai un montón de datos sobre a mesa, pero para casalos hai que abrir máis castro. Por sorte, cando menos ata decembro, van estar alí traballando. Estou convencido de que teremos un escenario máis completo.
Estupendo.
Confirmado o do “d.C.”… reitero o dito: a datación aporta un valor engadido.
Conste que o da pedra ten o seu punto. O concepto de “catapulta” era bastante complexo. Moita xente pensa nas pezas (para entendernos) “de culler”. É dicir, o que os romanos chamaban “onager”:
http://members.multimania.nl/onager/OnagerPic.jpg
Sen embargo, nesas datas, e nesas circunstancias, o máis probable sería unha peza de tipo “ballista”:
http://www.legionxxiv.org/ballistaplanfrt.jpg
Para que unha pedra dese tamaño fose quen de caber no óco entre as dúas pezas de torsión, e desplazarse polo “chelonium” sen rachalo no intre do disparo… a ballista debía ser dun tamaño importante:
http://www.legionxxiv.org/catapulta/lrgballistacrew.jpg
Por profundizar un pouco no tema de que puido pasar, e por seguir coas especulacións, hai que ter en conta que por agora está todo moi aberto. Como serían as evidencias para saber se o castro foi obxecto dun ataque por parte dun corpo militar romano? Obviamente, un maior número de material militar romano (caligae -tachuelas de sandalia-, flechas, etc.), e puntos de fractura na muralla. Obviamente, se os tipos entraron sachando na muralla, porque ao mellor entraron doutro xeito…
Hai outra variable a considerar sen moita explicación: a disimilaridade do tamaño da muralla. No alto do castro o parapeto aínda conserva bastante altura, pero nesta terraza está rebaixado moitísimo. Rafael Rodríguez fixo unha cata de metro e medio e a muralla apareceu. Tiña unha estrutura pétrea no interior, rodeada de xabre. Tamén apareceron escadas…o tema é que a altura da muralla abaixo é moito menor na actualidade. Unha das hipóteses pode ter que ver co tráfico de camións da canteira, pero iso só afectaría a puntos concretos, e isto é máis xeral. Soa como se a muralla estivese desmochada, ou cedera máis por esa parte…aínda é cedo para sabelo, se se consigue saber por que hai esa diferencia de altura.
Tamén vos digo unha cousa. Non desbotedes que ao mellor non foran romanos os autores disto, e si outros galaicos…
O máis estraño de todo, con todo, é a abundancia de xoias e útiles. É un dato moi estraño. Se foi un incendio e puideron escapar, por que non viñeron recollelas? Por exemplo, esa dolabra é unha virgallada. Eu tívena na man e aínda hoxe en día pesa e é unha ferramenta sólida. Tratábase de levantar un pouco de cachote e listo, collíase.
Se foi un asasinato masivo, por que non as saquearon? Algunha idea na concorrencia?
Uuuuuufffff… Como soe ser habitual nestes casos, moitas preguntas e poucas respostas, que á súa vez, nos deixan máis preguntas.
Postos a imaxinar, se a destrucción non fose cousa dun ataque, cabería imaxinar algún tipo de catástrofe natural (quizais unha epidemia?) que rodease o lugar dun certo aire de malditismo; de largar do sitio canto antes.
O monte do Castro parece ser unha especie de “Mary Celeste” da arqueoloxía galega.
O que contas da muralla, podería ser que algunhas pedras fosen reaproveitadas posteriormente para outros fins nos arredores?
Boa comparación co da Mary Celeste! sen dúbida, a clave nola vai dar a apertura doutras partes do castro. Sobre todo para saber se o incendio se estendou, ou como se propagou, ou desde onde (aínda que fose intencionado, non todas as casas necesariamente puideron verse afectadas).
En todo caso, a presenza da dolabra e un contexto de incendio para min di moito…veremos exactamente que conta. Todo isto vai desde un tipo que estivo reclutado na lexión e quedouse co armamento ata un soldado que usa o armamento no interior da casa e que queda alí, ensartado en algo, e ten que abandonalo…
Sobre o da muralla. Hai que velo: a min, que creo que teño visto centos de murallas de castros, paréceme que a diferencia de altura entre a muralla do recinto superior e a do inferior é bastante elevada. Unha opción é que fose desmochada. Insisto, o centro da muralla é de pedra, pero está recuberta dun “caparazón” de xabre.
A verdade é que facer un recoñecemento exhaustivo polos arredores ao mellor daba algo. Pero, se non fostes, non vos imaxinades o alterado que está iso.
A este castro pásalle como en Punta Ostreira, na Pobra do Caramiñal. O xacemento sufriu todo o que se pode sufrir, e aínda así, dá marabillas.
Magnifica excavación e magníficos resultados. É muito interessante todo o que se avança. Veremos quando se publique a memória.
O bom dos romanos é que deixaram subsistir as trebas e a jerarquizada organização social galaica, tal e como estava dantes da conquista.
Há que ter cuidado porque lua excavación por se sóla não pode detectar nem deduzir nem uma sóla instituição. Isso, a reconstrução das instituições, é tarefa de um novo ramo da arqueologia que se chama arqueologia institucional. Uma coisa é interpertar o registo que não é pouco, e outra muito diferente interpretar as instituições, que é outra coisa.
O melhor da dominación romana nas províncias imperiais, o é o facto de que nas lutas internas, os romanos não se metiam, faziam o que se fez até os tempos do Marichal Pardo de Zela e de Isabel a Católica, tentar não intervir.
É interessante o das pedras. Não lhes fazia falta roubar uma catapulta. Fazer maquinitas para atirar pedras sabian fazê-las todos. A tecnologia militar, como passa hoje em dia era similar na antiguedad; não é exclusiva dos romanos, dantes ao invés os romanos tomaram quase todo o armamento dos celtas, etc.;.
Como eu também tenho direito a me equivocar, dito a modo de hipótese que por formulada nem é válida nem é inválida, enquanto não se tenham mais dados, aventuro que se se confirma a existência de um ataque, o ese ballistariorum occursus, e o incêndio e a destruição e posterior abandono do castro, etc. em época altoimperial, este facto é enquadravel em um contexto celtoatlántico [o galego] como , britânico, bretón, galo, germano, etc., etc. , – E falamos de lugares que compartilham uma celtic common law, um mesmo comum sistema organizativo, absolutamente idêntico no fundamental e aplicable por igual a toda a Europa céltica dende Galiza a Iugoslavia e dende o Algarve a Escocia (Pena Graña 2011), um sistema celta, o que significa que os galegos participamos de un sistema que compartilla – non exclusivamete, o castro, ou a gaita [que por certo tambén por eses tempos [e dende a Idade do Bronce a tiñan os Romanos – Nerón a tocaba- e a tiñan os celtas, etc., ata a India Védica]; , ou o triskel, ou os topónimos e os teónimos etc. – senón que compartilla também os mesmos usos e costumes, juridico-sociais, político-religiosos e económicos, internos; usos, etc., que os romanos respeitaram em suas províncias imperiais onde não fizeram centuriaciones nem falta que lhes fazia
E neste contexto continuista da facies anterior até a Idade Média, nada teria de particular, dantes ao invés séria o mais normal, que estivéssemos ante um ordinário confronto durante a dominación romana entre facções nobiliares, possivelmente entre várias trebas ou entre mór túaithe, confederaciones de várias trebas de um mesmo clã familiar -similares aos agrupamentos de terras ou comisos (correspondentes com as antigas trebas, ou civitates) da Idade Média, adicados, ata hoje dia ao seu deporte favorito, amolarse os uns aos outros. Saudos magago.
A todo isto, insisto, porque parece que sempre estou prsentando cousas alucinantes. Por cada xacemento molón que publico aquí, leo e escoito de moitos xacementos máis rutinarios. :-)
Hola Gago!!
Soy de Brasil (profesor de historia). Meus pais son da illa da arousa, pero viñeron a Brasil cuando pequeños!! Estuve en España en el 2001.
Bueno, a mi me encantó este contexto das escavaciones, bem como das fotos!! És estupendo!!!!!
Forte abrazo desde Brasil para vos y toda a Galícia!!!!!
Manuel, presentaches como posible opción un ataque de outros galaicos. Cousa que -polo que lín arriba- Pena Graña comparte como explicación máis probable.
Esta posibilidade, sexa certa ou non, ten de bo que ofrece unha explicación a un tema que é obxecto de debate dende fai tempo: as murallas dos castros sobreviven á conquista romana. Normalmente, este dato foi empregado como proba de que non houbo resistencia galaica significativa (argumentando que, se a houbese, non lles deixarían as murallas en pé) E de paso, que as murallas tiñan un valor meramente simbólico. Valor simbólico que sobreviviría á conquista.
A posibilidade de que os grupos ou castros galaicos seguisen a mocazos despois da teórica imposición da “Pax Romana”.. non sei se será certo ou non, pero dende logo explicaría o mantemento de murallas. E Roma non faría nada para impedilo? Supoño que si, nas zonas que lle interesara estabilidade permanente polo seu valor extratéxico ou económico. Nas demáis… “divide et impera”. Ou si había intención de poñer paz, pero a Gallaecia quedaba demasiado lonxe, e aínda levaba pouco tempo sometida, coas dificultades que iso conlevaba.
Eduardo, pois un forte abrazo para ti tamén!
Luis, efectivamente, hai que ter a cabeciña ben fría porque o que está claro é un escenario arqueolóxico interesantísimo e, ao mellor, pódenos facer avanzar moito no coñecemento desa primeira fase da romanización. Ademáis, ese factor “pompeia” do castro, é dicir, o feito de que moitas cousas foran deixadas alí in situ, poden axudarnos tamén a coñecer moitos elementos de vida cotiá no seu contexto máis ou menos orixinal. Non é nada desdeñable.
A noticia en La Voz:
http://www.lavozdegalicia.es/arousa/2011/09/23/0003_201109A23C10994.htm
e no Diario de Arousa:
http://www.diariodearousa.com/hoy/salnes/salnes004.html
Moitas grazas por compartir estes achados e estas reflexións, é un privilexio observalas case ao vivo.
Ao dito por André Pena gustariame apuntar unhas cousas. Concordo con el de base na importancia do que chama arqueoloxía institucional, mais non concordo na súa hipótese de que desde Turquía ata Irlanda existise unha única e común lei celta, moito me temo que non hai probas disto aínda que sería fascinante. Pensar que o mundo das poboacións celtas era uniforme e homoxéneo non casa co feito -ben documentado- de que existisen varias linguas celtas e moitas fosen -como aínda son- inintilixibles entre elas, ao contrario eu penso; as poboacións celtas eran moi heteroxéneas e diversas, froito do seu contexto histórico-xeográfico particular.
En canto á organización podemos dicir que se mantivo durante o tempo, pero tampouco concordo no seu absoluto estatismo. Así como no baixo medievo galego existen territorios e limites que non existian no periodo suevo, debemos -ao meu entender- ser cautos arredor da idea de que Roma non cambiou nada a nivel organizativo na Gallaecia.
Na miña opinión persoal -tan válida como outra-, penso que o castro puido ben ser o centro político dun pobo, onde se concentraban parte dos seus dirixentes, e para sometelo Roma atacou directamente alí para descabezalo. Tal vez colleron aos seus dirixentes e os asasinaron alí, talvez fuxiron. Tamén os aunonenses se enfrontaron aos suevos tempo despois de que estes se estableceran na Gallaecia.
En fin, o ataque entre galaicos penso que queda en entredito coa dolabra. Se cadra o tipo de dolabra, a súa factura e incluso a súa composición poden dicirnos cando e onde puido ser fabricada o cal daría moitas pistas.
Un saudo Manuel, e sempre grazas polo teu INMENSO compromiso.
Ai! Con respecto a ese último punto, o da análise metalográfica da dolabra, xa preguntei a unha especialista en metalurxia arqueolóxica e díxome que practicamente non se pode saber. Hai moitas vetas de ferro e non son doadas de distinguir, seica.
Rafa Rodríguez comenta que é a primeira peza de equipamento militar romano atopada nun castro por aquí. Así que, obviamente, é A PEZA. :-)
E falando de guerras, alucinaredes co que acaban de desenterrar fóra de Galicia, doutra guerra e doutro tempo. Mandáronmo por MMS hoxe á mañá. Cando o publiquen, xa o amosarei por aquí. Pon a pel de galiña.
D. Manuel , vostede e mailo Sr.arqueologo da Diputacion son uns coñeros…elo non ven que donde apareseu a pedra era o lugar donde preparaban os seus <> ??
hahahah!
Coincido tamén en que o I d.C. é unha data aínda moi temprana de romanización. O tema sería rarísimo se o castro dera datacións de II-III d.C. ou así, pero polos materiais que aparecen aí, isto aínda estaba no follón da conquista ou nos seus estertores posteriores.
E que logo ainda há gente que diz que os galaicos não participaramos nas chamadas (e já e chamar muito) “Guerras Cântabras”, ou como ainda publicou certa senhora -do cujo nome prefiro não acordar-me- que como “povo pratico” que éramos souve-mos render-nos ante a superioridade de Roma, …e mesmo abondando em que desde que o senhor Cesar passou por Brigantium tudo era terra sometida e ligia de Roma, … em fim, em fim, em fim
alguns pensavamos/pensamos que “bouttades” deste estilo não são mais que “andromedas”, e ainda com certo arrecendo etnocentrico-mesetario, pero “em fins” há gente que as escreve e as pública e tudo ;-)
Muito interessante o achádego, e pola minha e pessoal parte não podia aparecer em melhor intre.
Com respeito ao machado, é possível que não seja uma relíquia, haveria que ver o contexto no que aparez. Os machados de anéis do Bronze Final apareçem representados nos bronzes votivos com esceas de sacrifício do NO, algum deles que seguramente como a machadinha de Carinho seguramente são de época já romana mas nao há uma cronologia segura (sim sugerencias)ao respeito, mas a pressenza neste tipo de esceas junto a elementos como o caldeiro poderia indicar estas que seguiram usando-se cecais em contexto ritual como o do sacrifício durante a Idade do Ferro.
Um dado curioso ao respeito da longa duração deste elemento da Idade do Bronze e o casso de uma machada de aneis (pero de quatro aneis!! e por tanto impossível de enmangar) que apareçeu em Viladonga e que só pode ser entendida como um elemento simbólico, cecais amuleto, cecais votivo, feito seguindo o protótipo antigo mas sem já nenhuma utilidade
Também há um curioso deposito de fundação debaixo do fogar duma casa de Inícios da Idade do Ferro do Chão Sanmartim, que suporta um uso duma machada do Bronze como “relíquia” cultural. Mas seguramente os usos deste e doutro elementos simbolicos herdados do Bronze forom diversos e variados
Miña naiciña. Marcho uns días, ¡e o que me atopo ó volver!. ¡Andábache eu o venres por Numancia!, logo de pasear por Uxama Argaela e máis Tiermes os días anteriores. “Batallitas” romanas por todos lados. :).
É-che o que hai, vezinho ;-)
Contando deste artigo no café (porque o senhor fai artigos dignos de comentar no café), dei com a teoria mais acaída. Acudindo ás fontes de tradiçom oral, como vostede mesmo recomenda, soubem da verdade sobre o possível massacre. Um vizinho de Ribadumia que participava na conversa, nem duvidou ao conhecer hipóteses: “Isso forom os de Barrantes, que já daquela eram mal levados!!” ;)
Como sempre agradecer o teu bo facer na comunicación arqueolóxica, sempre aprendemos algo, eu hoxe o termo “dolabra” todas estas cousas da guerra supéranme, nunca tiven interese en aprender as panoplias armamentísticas, aínda así espero esa nova “espeluznante” ca que ameazas, por outra banda que é iso da “Mary Celeste”?? que non se pode saber de todo…
Canto ó colapso do castro, o abandoo das riquezas leva á estas interpretacións que apuntades, non estaría mal analisar a terra en busca de fosfatos e demais compoñentes da descomposición, se hai picos significativos, pois estaría claro… supoño que recollerán ben cantidade de carbóns, igual algún é…humano. Vamos que salvo que alguén retirara os corpos esas análises poden ser significativas.
E si, a pedra no medio da estrutura é ben rariña, igual que o amoreamento desordeado pero preciso de muíños (boa puntería?)logo se foron romanos ou viciñanza… ah! eu por min prefiro romanos, porque o outro…claro que, igual os deste castro éranche “colaboradores” e tiñan 1 romano “defendendo” o cuartel… da para unhas cantas historias.
Dedoscomovermes!! ten coidado cando vaias a Barrantes! non te identifiques hahahaha!
Dedoscomovermes, que esquencérame de comentar antes: moitas grazas polo galano. Un se sinte honrado cando falan del no café (para ben) ou cando o levan a ler para a cama ou o WC, lugar das lecturas máis senlleiras. :-)
Anónimo, non tiven tempo a publicalo, pero son os mortos que están desenterrando uns amigos no teatro de operacións da Batalla do Ebro.
Por certo, si hai osos, moi fragmentados, pero sabemos pola Lanzada que a paisaxe urbana dos castros debía ter bastantes elementos orgánicos ciscados por aí. Ao estaren tan fragmentados, non vai ser doado determinar a especie.
Magago di: “polos materiais que aparecen aí, isto aínda estaba no follón da conquista ou nos seus estertores posteriores”
Calo di: “sempre houbo cuatro tolos que se apuntaban a un bombardeo”
Serão estes?
(:
Aiii, ainda lhe vamos confirmar ao Calo essa estrana “mania persecutoria” que tem ;-)
Ola,
Se digo unha barbaridade desculpádeme. Non sei se hai algún arqueólogo galego especializado en guerras. Por exemplo, un exército invasor recén chegado e con alianzas con uns e desavinzas con outros, rouba ou simplemente elimina os inimigos? Quero dicir, un pouco de psicoloxía e criminoloxía viría ben, non?
Moi interesante todo