Divulgar, divulgar, divulgar para protexer. Porque cremos que a principal ameaza que ten o noso patrimonio é o descoñecemento, e porque é preciso desenvolver un novo discurso para a transmisión do coñecemento histórico en Galicia, un discurso con novos enfoques e novas técnicas. Ese é o obxectivo que nos impuxemos un grupo de profesionais e afeccionados á investigación do patrimonio arqueolóxico de Galicia para divulgar un espazo gravemente afectado polo proxecto de construción dun parque eólico brutal na serra do Galiñeiro. Este lugar, tan querido polos vigueses e toda a zona da contorna, non só ten singulares valores paisaxísticos, senón que é un auténtico tesouro arqueolóxico. O xacemento máis gravemente afectado pola barbaridade de muíños eólicos será o Castelo do Galiñeiro, esta espectacular fortaleza tardorromana ubicada no cumio do Galiñeiro Norte.
Así que velaquí tes un pequeno informe en clave moi divulgativa, de seis páxinas que te dá claves para comprender o Castelo do Galiñeiro. Síntete libre para distribuílo como te pareza: imprimilo, colgalo no taboleiro do teu centro cultural, pasarllo aos amigos por correo electrónico. Ao facelo, non só estarás participando nas accións para evitar a construción dun parque eólico, senón e sobre todo, estarás prendendo un pequeno lume para difundir unha parte da nosa Historia moi pouco coñecida.
Non se trata de que chanten un muíño directamente no xacemento (cousa que non creo probable, pero neste país todo é posible), senón que rodeen e desnaturalicen a percepción e a ubicación do lugar. O xacemento non é só o recinto comprendido por unha muralla e o seu interior, é un ‘fito no territorio’. A selección do lugar, un espazo de gran visibilidade e ao mesmo tempo agochado, é parte do seu valor cultural. Unha salvaxe intervención humana ao redor transformará o sentido do espazo e do xacemento. Parte do problema está no absoluto descoñecemento do posible valor deste lugar: unha testemuña única da transición entre épocas históricas. No seu conxunto, con outros xacementos similares, un tesouro excepcional no patrimonio arqueolóxico galego e europeo, así de claro.

Unha tarde desta semana, día de enorme temporal, subimos a botarlle unha nova visual ao sitio arqueolóxico antes de redactar o informe que agora vedes. Había ventos de entre 80 e 100 kilómetros aló enriba, e a situación no alto do castelo era dunhas condicións climatolóxicas durísimas. O frío e a auga entraba por todas partes, as pedras estaban empapadas e unha luz grisumalleira. Pero ocorreu algo magnífico. Naquel temporal, atopamos onde se refuxiaban as cabras montesas. Facíano onde se preservan as antigas casas da fortaleza. Alí, efectivamente, o frío e o vento estaban amainados. Comprendimos perfectamente porque as vivendas se ven exactamente neste punto. E ocorreu algo máxico.

Con esa luz compacta, grisumalleira, eléctrica, dun temporal ás 16 horas, os compañeiros comezaron a ver petróglifos. Apareceron en varios puntos aos pés da muralla, e nalgúns puntos do interior. Os tenues, pero claros, trazos que debuxaban formas ovaladas e óvalos -si, condenados óvalos-, canda figuras que lembraban a puñais e armas, rodeando á muralla. Só o temporal e o trebón permitíannos ver as estrañas figuras sobre a dura pedra do Galiñeiro, pero alí estaban. O frío, a chuvia e o vento facían perigoso achegarse, por veces, a eles, mais revelaban dúas cousas: todo o que nos queda por saber destes lugares e que amamos aínda moito máis este lugar.
Lémbrote que este domingo (mañá) está convocada unha Andaina pola Serra do Galiñeiro, organizada pola Plataforma pola Defensa do Galiñeiro. Aquí tes todos os datos.

Divulgar, divulgar, divulgar para protexer.
Certo, e tamen para amargarlles a vida os castrons que nos asolagan, que non só son os que andan polos despachos que tamen, pero eses preocupanme moito menos.
Porque os que son lexión e son os nosos veciños, son eses o meu entender verdadeiramente perigrosos, porque ampararan e manteñen os dos despachos.
E as suas tácticas son moi vellas pero non por iso menos efectivas. Son eses que din que non saben nada, que son catro pedras,que non entenden de nada, que so andan o seu, que son todos iguais, que andan todos a roubar,…xa.
E calan pero polo baixo fan moi ben o seu traballo de minar e amedrentar os veciños que,coma nos, queren a nosa serra protexida. E todo por os catro patacons que lles din os dos despachos que cobrarán polos muiños.
Gracias Manuel dende Vigo polo teu excelente traballo.
Home, moitas gracias por linkar o meu humilde documento. Xa vai polo medio milleiro de lecturas. Pra ben ou pra mal, desta o castelo sae do anonimato
Grazas a ti por un bo traballo!
O importante é agora deter esa animalada de eólico que queren facer.
Cando chegue o momento de dar batalla legal, recomendo acudir ao decreto de protección dos castelos españois, que se pode consultar, entre outras direccións, eiquí: http://www.weblandia.com/castillos/cdecreto.htm. O artigo 1º de dito decreto é ben claro:”Todos los castillos de España, cualquiera que sea su estado de ruina, quedan bajo la protección del Estado, que impedirá toda intervención que altere su carácter o pueda provocar su derrumbamiento”