Repúblicas de Homes Libres: Pero que raio significa este círculo?

Última actualización o 30 / Novembro/ 2010

Pero é que xa está ben. Levamos un ano así. Desde que en maio de 2009 -aínda non vai un ano, e cantas cousas aconteceron!- chegamos por primeira vez, atravesando brétemas, brañas e mandas de cabalos bravos, ata o castelo de Luania e se iniciaran as Repúblicas de Homes Libres. Moitos penedos temos subido desde entón, moitas terras percorridas, mapas topográficos mirados. E, con frecuencia, acompañándonos nos castelos próximos á costa, eses estraños círculos. No 2009, mirabamos os petróglifos do chan ao pé de Luania:


Óvalos en Luania

…e xa nos preguntabamos que querían significar estes círculos, gravados en diferentes pedras ao redor do castelo. Desde entón, os círculos teñen aparecido noutros castelos, sempre nas áreas da antiga Terra de Santiago, cando menos o esperas. E nos sempre quedamos fitando o petróglifo deste círculo con certa tendencia ovalada, como un ollo sen pupila, e el mira para nós e nós miramos para el ata que nos encollemos de ombreiros e seguimos choutando de penedo en penedo, evitando caer nos derrubos das murallas descoñecidas. Hai que dicir que esta é a forma máis complexa que aparece nestas edificacións, canda grupos de pías. Os óvalos sempre teñen un diámetro pequeniño, 15 centímetros ou mesmo menos. E se repiten varias veces. Non creo que sexan marcos: cando temos localizado marcos adoitan empregar todo outro xogo de símbolos visuais. Tamén, pola profundidade dos surcos, non parecen dos periodos clásicos dos petróglifos galegos: xógome algo a que son contemporáneos destes castelos.

Pero o do sábado foi a gota que colmou o vaso. Estabamos nun castelo en Mazaricos do que falarei esta semana, e que abre unha estraña -para variar- vía na prospección destes castelos. E de súpeto, ao carón da posible porta de entrada ás penedías do alto do castelo, nunha pedra inclinada, aparece este tremendo círculo ovalado. Cun dilatado suco ao redor, o de tamaño máis grande ata agora localizado, aproximadamente uns 30-40 centímetros.
O patrón é tan común e tan estraño para min que non puiden menos que turbarme.

Así que presento as fotos aquí do condenado círculo para ver se alguén se inspira, coñece un caso similar ou pode achegar luz sobre esta estraña simboloxía do óvalo que se repite nas fortificacións altomedievais nas áreas próximas á costa (sinto sen tan impreciso, pero os patróns aparecen en Noia, Mazaricos, Ames…).

8 Comentarios

  1. david
    28 / Novembro/ 2010

    e se non é nada, quero dicir, se é algo para facer algo, unha ferramenta, ou un resultado secundario de facer algo aí repetidamente etc, como un patrón ou molde ou troquel ou
    a ignorancia, a iñorancia e a inorancia propias dos ignorantes, iñorantes e inorantes, son moi atrevidas
    apertas

  2. 29 / Novembro/ 2010

    home, bótalle unha visual aos profundos sucos, mira que está nunha pedra inclinada, non apta para o traballo, observa que se repite a mesma forma moi traballada en tamaños distintos nunha chea de castelos de máis ou menos o mesmo periodo histórico…

    Pensar que non é nada paréceme rizar moito o rizo. :-) Basicamente, é un petróglifo, unha inscultura na pedra. Para min, repítese coma outros moitos motivos se repiten nas laxes insculturadas do país, só que aparentemente nunha época bastante máis serodia. Eu sempre tento buscar a explicación máis simple. Cando se traballa sobre a pedra fanse máis ben cousas tan bonitas coma esta:

    http://jlgalovart.blogspot.com/2009/10/molinos-naviculares-en-las-proximidades.html

    ¿Identificativo de ‘algo’? ¿Signo de propiedade dese espazo de alguén ou algunha entidade? Encaixa mellor na tradición medieval de marcación de pedras.

  3. artabris
    30 / Novembro/ 2010

    pois a min paréceme que aparte do círculo o petroglifo é máis complexo, case semella un escudo,penso que hai que interpretar toda a zona traballada (rebaixes)e o círculo en realidade máis parece unha “venera” que círculo é curioso como sobre a parte do círculo máis estreita, hai outro máis pequeno, ou iso semella pola foto… dende logo non semella prehistórico, pero nestas cousas nunca se sabe, quen ía dicir sobre os castelos e van aparecendo pouco a pouco…aínda queda moito por descubrir do noso pasado.

  4. 30 / Novembro/ 2010

    Si, pode ser, habería que remiralo. Comprobei outras das fotos que fixen desde diferentes ángulos, e como ti ben dis, podería haber unha prolongación un pouco á dereita. In situ eu non a percibín, pero coma sempre nestes casos, ollos non ‘viciados’ poden axudar a ver máis cousas. Si hai algo raro ademáis no círculo: a súa técnica de elaboración. Todo o suco é anchísimo, como se fora feito con abrasión máis que con metal, pero tamén é moi profundo, cousa do metal.

    A miña conxetura é que é algún tipo de marca de propiedade, algún signo protoheráldico ou similar: é unha hipótese suxestiva, porque na península a protoheráldica adoita comezar coas cruces, pero nos castelos nos que aparecen estes circuliños non hai nin unha cruz. Non o vexo tanto como marco territorial no sentido dos marcos medievais ou do antigo réxime tan abundantes no país, nos que o feito de marcar, de remarcar e volver a marcar, enche as laxes de cruces, letras e outros símbolos, pero ao mellor é un estilo de marco territorial anterior.

    En Luania hai bastantes de óvalos ao redor do castelo e especialmente concentrados nun chan, nunha laxe plana e tamén próximas a unha cova natural. Unha conxetura máis poética é que ata ese lugar subíase e deixábase esa marca, que simbolizaba ‘algo’. Pero isto xa é máis un soño (os soños tamén están ben).

    Ter claro o significado deste símbolo, pola contra, pódenos dar por fin un certo horizonte cronolóxico e máis datos. Está claro que é preciso facer aínda máis traballo de campo, máis traballo documental…

  5. Luis
    6 / Novembro/ 2011

    Bueno, o comentario chega con un ano de retraso; pero máis vale tarde que nunca…
    Manuel, non sei se durante a túa estancia por terras extremeñas visitaches o lugar de Los Barruecos, en Cáceres. O sitio, á marxe da súa monumentalidade natural, ten o seu interese arqueolóxico. Están testemuñados asentamentos desde o Mesolítico. Pinturas rupestres no interior de rocas baleiradas de xeito natural polo vento, restos de asentamentos protohistóricos, indicios de ruinas romanas, tumbas escavadas nas rochas pertencentes á alta Idade Media…

    O caso é que estamos ante un área rochosa labiríntica, formada por milleiros de penedos, no medio dunha área pouco poboada. Quizás non é ousado pensar que ademáis de asentamento digamos “normal”, nalgúns intres da Historia puido ser refuxio ante unha invasión ou en tempos de crise e descomposición do poder estabelecido. Quen sabe se algúns deses invasores dos que se fuxía non serían os suevos procedentes da Gallaecia.

    Pois ben, entrando por un dos accesos ao monumento natural, e moi preto de aparcadoiro, unha das primeras pedras que atopamos ten unha pequena sorpresa: quizáis na imaxe non se aprecia ben, pero na parte superior esquerda, xunto ás cazoliñas, pódese ver un símbolo como o que da pé á este artigo.
    http://img835.imageshack.us/img835/2531/dscn1240h.jpg

  6. 6 / Novembro/ 2011

    Moi interesante, Luis. Xusto o outro día estaba falando cun amigo da curiosa relación entre o mundo tardorromano e as orografías con moitos batolitos.

    O círculo que me ensinas é tal cal os que hai aos pés de Luania en dimensións.

    Interesante sitio que comentas, queda fichado.

  7. 6 / Novembro/ 2011

    De todos os xeitos, nese contexto de cazoletas o motivo circular é máis habitual. O raro é atopalo só e nun contexto altomedieval.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *